Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Amuletos e reliquias: Figas e falos

Unha boa parte do amplo repertorio xestual que usamos na actualidade é herdanza do mundo antigo. Poñer os cornos ou facer a figa, poñer orellas de asno, sacar a lingua, xirar o dedo índice sobre as tempas ou mandar a … co “digitus impudicus” son recursos que usamos con frecuencia para expresármonos. Moitos destes acenos variaron de significado ao longo do tempo e segundo a parte do mundo onde nos atopemos poden resultar ofensivos ou significar protección. O xesto de facer a figa (puño cerrado co dedo polgar entre o índice e o medio) é considerado apotropaico (obxecto ou xesto favorable, que afasta o mal) desde a época romana cando menos pois sabemos que xa se usaba entón nunha cerimonia que o cabeza de familia facía a media noite en cada casa para afastar os lémures, os perigosos espíritos dos mortos. Esta función protectora do xesto da figa tamén é interpretada favorablemente na Galicia actual e en toda península, en Italia e noutros lugares. Pola contra, en países coma Grecia e Turquía, e en case todos os da América central e do sur considérase insulto e ten connotacións sexuais. E é lóxico pois a palabra “figa” vén de “ficus”, e significa “figo”, ou sexa, verruga ou tumor situado no ano ou no órgano sexual feminino. En Galicia teñen grande predicamento as figas elaboradas con acibeche vinculadas ás peregrinacións a Compostela. Moitas delas son xoias de gran valor, con engarces de ouro ou prata, e hai moita xente que as leva penduradas como amuleto contra meigallos do pescozo ou doutra parte do corpo. Tamén eran moi empregados en Roma tanto os amuletos como os xestos que reproducen a falo. Cando se facía o xesto, que consiste en erguer o corazón mantendo os demais dedos pechados contra a palma da man, considerábase un xesto obsceno que se facía con ánimo de molestar, sobre todo aos “cinaedus” (afeminados). Mais non sempre era considerado un xesto impúdico. O poeta satírico romano Aulio Persio Flacco (34- 62 d. C.), cando critica as pregarias e oracións que os romanos dirixen aos deuses, describe un ritual no que a avoa ou tía materna do acabado de nacer humedecen o dedo medio con cuspe e con el sinálanlle a fronte e os labios á criatura para que non lle afecte o mal de ollo. O falo reproducíase sobre todo para facer a función de amuleto (debuxos, colgantes, relevos) que se colocaban en portas de cidades, rúas, casas, cuartos, ata en carros, ou como colgante por homes, mulleres e nenos que se sentían así protexidos. Chamábase “fascinum”, un talismán moi popular que se supoñía que arredaba calquera perigo de orixe máxica. O falo representa a fertilidade e a abundancia, e expoñelo á vista de quen mira, aínda que sexa en amuleto ou con un aceno, retrae a mirada, evitando así, se esa fose a intención, que nos cause mal de ollo ou de envexa. Como é ben sabido, nos tempos actuais e por estas latitudes, a figura do “digitus impudicus” considerase sempre obscena e ofensiva. Un insulto dos máis graves, causa e xustificación de disputas que comezan sendo dialécticas pero que poden continuar, e soe suceder, con algo máis ca palabras. No Museo Provincial de Lugo custódianse figas de acibeche e amuletos fálicos de época romana. ©Antonio Reigosa Artigo publicado en El Progreso (09/10/2014)

VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e reliquias. Usos e crenzas

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: