Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Amuletos e reliquias: As reliquias de San Froilán

Galicia é terra rica en santuarios e reliquias, e é ben seguro que a nosa historia, de non custodiarmos o santo corpo do apóstolo Santiago, sería radicalmente diferente. Reliquias que posuímos por designio divino ou polo que se chama Pio Latrocinio, furto tal o que argallou o arcebispo Xelmirez aló no s. XII cando mandou unha expedición de rapina a Braga e trouxo dunha tacada para Compostela restos dos santos Cucufate, Frutuoso, Silvestre e santa Susana; e ata a cabeza de san Vítor. Daquel botín só lles devolvemos aos nosos irmáns e veciños un dedo de san Frutuoso, pero para recuperalo tiveron que agardar ata 1967. Tampouco sería a mesma cidade Lugo, nin tería as súas grandes festas outonais, de non contar con un anaco do corpo do patrón. En xaneiro de 1614 bispo, deán e cabido solicitaron autorización a Roma para traer a Lugo desde Moreruela, en Zamora, “unha parte ou algunha reliquia do corpo do santísimo patrón”. A pesar de que unha bula do papa de entón, Pablo V, prohibía expresamente seccionar partes dos corpos de santos e mártires, o 13 abril do mesmo ano chegou a Lugo a tibia de san Froilán, óso que se expón na catedral nun relicario prateado con forma de brazo. Froilán, fillo dunha incógnita santa Froila, regresaba (en parte) como santo venerable ao lugar que o vira nacer 800 anos atrás, aínda que non sería incluído no catálogo oficial de mártires e santos da igrexa católica ata 1716. Mais que foi ou por onde andan os demais restos do corpo de San Froilán? Como sucedeu coas reliquias doutros venerables, o seu corpo, que fora enterrado de primeiras na catedral de León, anda disperso, repartido entre tres mosteiros e dúas catedrais. A crónica é, máis ou menos, a seguinte. A finais do s. X, ante a ameaza de Almanzor, levaron os seus restos para o mosteiro de Valdecésar, nas montañas ao noreste da provincia de León. No s. XII os monxes cistercienses de Moreruela, en Zamora, co pretexto de que San Froilán fora o fundador do mosteiro, roubaron os seus restos. Un Pio Latrocinio que activou a demanda de recuperación por parte da catedral de León do corpo santo e que se resolveu coa decisión salomónica do papa: a metade dos restos quedaban en Moreruela e a outra metade, máis ou menos, viaxaba cara León. Contan os cronistas que durante a viaxe de regreso foi marabilla ver como chovía mel, tanto que das árbores e das cabezas e corpos de persoas e animais nacían regatos do doce e espeso manxar. No tímpano dun dos pórticos da portada sur da catedral de León están moi ben representadas estas escenas. En 1580 o abade de Moreruela fixo engastar un óso “que é da cadeira ata o xeonllo” e a finais do mesmo século Ambrosio de Morales recontou as reliquias existentes no mosteiro e atopou “cinco canillas diversas, una espalda y algunos espondiles y costillas”. Nada máis. Un pouco antes de que chegase a Lugo a súa tibia, aínda se librou un óso da canela do santo para o mosteiro de Villanueva de Oscos, en Asturias. Do lobo que amansara san Francisco de Asís conservouse en Gubbio o esqueleto ata finais do s. XIX. Mágoa non sabermos que foi dos non menos santos ósos do lobo de san Froilán.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en El Progreso (02/10/2014)

VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e reliquias. Usos e crenzas

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: