Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Marco da Cartelida

Marca o límite entre as parroquias de Queixeiro, Taboada e Vilachá (concello de Monfero) e Grandal (concello de Vilarmaior), todos da provincia da Coruña.
Atópase no camiño que sobe cara a Casa da Cartelida, hoxe en día en ruínas. Sobresae do chan arredor dun metro. Segundo a tradición, cúrase o meigallo e todos os males que poida provocar a envexa e o mal de ollo. Non hai moito, o marco foi derrubado por unha máquina ao preparar a terra para a plantación de eucaliptos; foi reposto no mesmo lugar polo señor Manuel cuxa nai naceu na Casa da Cartelida.
Manuel contoume que cando era cativo, nunha ocasión non paraba de chorar, entón a avoa colleuno e levouno ata o marco; despois de dar unhas voltas ao seu redor, tranquilizouse. Tamén me relatou que na zona había unha muller que era moi pobre polo que, cando ninguén a vía, achegábase ata o marco e collía os patacóns que a xente adoitaba depositar xunto del; para que non lle non lle acontecera unha desgraza por roubar os cartos, mercaba mixtos e prendíalles lume para que o mal que facía ardera. Un home de Gulpilleira contoume que cando unha persoa andaba de mal humor, dicíanlle: "Vaite dar unha volta arredor do Marco da Cartelida para ver se acougas".
Non moi lonxe localízase a necrópole megalítica de A Anta, no monte do Francés, entre A Cartelida e Gulpilleira, formada por trece túmulos; mesmo na Cartelida hai dúas mámoas, dunha das cales sobresae un esteo granítico.

[Texto e fotografía remitidos por Xabier Moure Salgado, de Becerreá (Lugo). Agosto de 2014]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: