Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Cruz de Pau da Vella

A Cruz de Pau da Vella está na Serra do Buio, a 702 metros de altitude, e considérase marco divisorio entre os concellos de Ferreira do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro, os catro da provincia de Lugo.
Non se coñece a orixe deste esteo de granito, nin tampouco se é, en realidade, unha cruz ou unha estela antropoforma, ou aínda, se cadra, unha antiga ara dedicada aos Lares Viais de épocas anteriores ao cristianismo. Na actualidade presenta feitura cruciforme e mide un metro e cinco centímetros de altura.
Para Castelao (en As cruces de pedra na Galiza), onde di que a pedra “aparesceu soterrada até os brazos nun xacimento de turba“, trátase dunha estela antropomorfa.

As lendas
As referencias lendarias aportan algúns elementos clave que poderían axudar a trazar unha posible interpretación: o reiterado protagonismo dunha muller vella (quizais a deusa ou moura precristián), ser lugar de encontro ritual para a veciñanza e a cristianización do lugar.
“Disque se chama así porque houbo quen viu por aquel lugar unha muller vella, que se apoiaba nun pau, e que choraba”
“Hai quen di que alí está soterrado o corpo dunha vella”
“Cando aínda non estaban fixados os lindes dos concellos do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro, había moitas discusións. Un día presentouse no lugar unha vella e ofreceu a solución: poñer un marco”
“Tamén se conta que no pasado os curas do Valadouro, Cervo, Viveiro e Xove ían unha vez no ano ata o Pau da Vella e xantaban sentados en roda arredor daquela cruz”
"A Noite de San Xoán ían dous homes de cada parroquia ao Pau da Vella para o reparto das moscas, e todos os anos haía reña cos de Budián pois estes só querían tabaos"

Son moitas as hipótesis arredor deste monumento, todas posibles e ninguna, polo de agora, definitiva.
Hai quen considera que puido ser un ara dedicada aos deuses dos camiños en época romana e que, como sucedeu noutros moitos casos, fose adoptada (transformada ou non) polo cristianismo.
O topónimo coa referencia á “Vella” pode ser alusión a unha antiga deusa, tantas veces denominada “Vella” (Arco da Vella, por exemplo) ou simplemente referencial pois o lugar onde se ubica aparece nalgunhas cartografías de situación con este topónimo: O Pau da Vella.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: