Festas e mitoloxía relixiosa
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Castro e capela de San Bernabé de Castrillón
Sobre a croa do castro de Castrillón (San Salvador), no concello do Corgo (Lugo) construíuse a capela dedicada a San Bernabé, un fermoso exemplo do románico rural galego. Arredor da capela consérvase un muro que protexe o adro e que noutros tempos delimitaba tamén o espazo dedicado a camposanto. O conxunto, enclavado no medio dunha fermosa carballeira, entre os muros de defensa do antigo castro, ofrece ao visitante a sensación de estar, a pesar de pasar apegada ao lugar a autovía A6, unha sensación de aillamento, de paz e tranquilidade que nos afasta momentaneamente da vida apresurada que nos damos.
Celébrase a romaxe do patrón, San Bernabé, o día 11 de xuño. Tan grande é o día santo que "No día de San Bernabé, nin os paxaros moven os ovos do niño" (para a descrición e interpretación dos rituais que se practican véxase o traballo de J. M. Blanco Prado que se cita ba bibliografía).
Miliario? Ara?
No muro que circunda a igrexa consérvanse algunhas tampas de sepulcros dispersas entre as pedras que o conforman. A carón da fachada e porta principal do edificio atópase unha pía de granito con sospeitosa aparencia de ser reutilización dunha ara ou dun anaco de miliario de época romana.
O mesmo sucede coa columna (que neste caso lembra a feitura dun miliario) que sostén o altar existente no exterior, xusto en fronte da porta principal da igrexa. Por certo, a lousa que fai de mesa de altar é a tapa dun sepulcro; conserva a inscrición co nome e apelidos, a idade e ata data de defunción da persoa, un home que morreu en 1902.
No interior, ademais das imaxes de San Bernabé, San Antonio, a Inmaculada e O Salvador, chama a atención o altar, unha curiosa readaptación dunha antiga pía bautismal que se apoia sobre outro anaco de columna que tamén fai pensar na reutilización dun posible miliario romano. Presenta unha cruz gravada na parte que mira aos fregueses.
Referencias a unha comunidade protestante
Contáronnos que no lugar de Castrillón chegou a haber unha pequena comunidadade protestante, e que a razón de que se instalasen alí fora culpa dun párroco que tiveran, que non se levaba nada ben cos veciños, que lles privara de enterrase no adro da igrexa de San Bernabé e que mesmo deixara de dicirlles misa.
En canto ao cemiterio, sexa ou non certa a existencia do tal párroco, agora os veciños de Castrillón entérranse por barrios; uns teñen que facelo no camposanto de Franqueán e outros no da parroquia de Gomeán.
A propósito disto, dinos o investigador José Luis Garrosa que hai documentación referente á presenza a finais do século XIX de culto evanxélico en Castrillón, e que incluso, dalgunha maneira, se mitificou a súa memoria se atendemos a diversas tradicións que os demonizan, coma se fosen unha comunidade de bruxos ou tribo maldicida.
O castro, San Bernabé e os mouros
Tamén se conta,coma en todos os castros, que o castro foi obra foi dos mouros (seres míticos) e que foi o propio San Bernabé quen axudou a expulsalos de España.
Desde o castro vai un túnel ata a horta do cura de Folgosa, outra parroquia do mesmo concello.
E hai tesouro, aínda que no se recomenda buscalo, pois se por un lado se nos di que hai unha hucha de ouro, tamén se conta que hai outra de pólvora. E, como moi ben sabemos os que andamos recollendo testemuños destes asuntos, se o buscador tropeza coa de pólvora, …! Acabouse!
Rito das campás para ter boa colleita de nabos
Ao parecer, agora xa non se practica, pero noutros tempo era costume nun día e hora sinalados tocar a campá da igrexa de San Bernabé para ter unha boa colleita de nabos. Aínda que non hai memoria exacta do día en que se facía (seguramente en Pascua, probablemente o Sábado Santo). O rito consistía en que o que chegase primeiro ás doce en punto da noite do Sábado Longo (Sábado Santo), e tocase a campá da igrexa sería recompensado pola providencia cos mellores nabos da contorna.
[Texto elaborado a partir dos datos facilitados por José Luis Garrosa Gude e por veciños e veciñas de Castrillón en setembro de 2013. Fotografía coa imaxe de San Bernabé da autoría de Alberto Garrosa Gude]
© Galicia Encantada
_____________________________
BIBLIOGRAFÍA