Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 07 (2011).-BLANCO PRADO, José Manuel: Os esmoleiros da Terra Chá (Lugo) e as súas vinculacións con algún santuarios chairegos

©José Manuel Blanco Prado © Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 7, ano 2011. ( Publicado en “Actas do II Congreso Galego sobre Cruceiros e Cruces de pedra, Vigo, 2010 _________ A Terra Chá é unha comarca da provincia de Lugo, que posúe unha extensión de 1823 km2 e que abrangue aos concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade. É moi fecunda en todo tipo de monumentos ligados coa arte popular, sexa de índole civil: casas, castelos, pazos, etc; ou ben de carácter relixioso, como é o caso das capelas, cruceiros, ermidas, esmoleiros, santuarios e outros. A miña pretensión neste traballo é presentar unha serie de construccións de índole relixiosa, situadas fora dos recintos sagrados, e que ao igoal que os cruceiros e cruces, teñen unha función de protección dos caminantes e facendas. Estoume a referir aos esmoleiros ou petitorios, ligados con diferentes entidades sagradas. Trátase de monumentos rústicos e arcaicos que, a modo de altares de pedra, érguense nos camiños, encrucilladas e a carón das estradas. Recordan aos petos de ánimas e constituen un perenne chamamento á caridade das persoas para que depositen unha esmola no petitorio, que para tal finalidade está provisto do correspondente buraco nunha pequena prancha de ferro, situada baixo o lugar onde se coloca a imaxe sagrada, que da nome ao esmoleiro. “Na Terra Cha existen construcións que tamén lembran ós petos das ánimas, coa imaxe de San Antonio de Padua; fanas os devotos, e a esmola recollida emprégase prá festa do santo” (Begoña Bas, 1983: 227). Xa que logo, os esmoleiros adicados a diferentes entidades sagradas amosan dous elementos esenciais: 1. O peto, onde os devotos botan nun buraco as distintas esmolas, que contribuiran ós gastos da festividade da imaxe sagrada. 2. A propia entidade sagrada, situada na fornela do esmoleiro. Ao seu carón e na parte inferior do petitorio adoita haber flores e algunhas candeas, ás veces acesas. O esmoleiro presenta diversas formas; de tódolos xeitos o tipo máis común– segundo Vicente Risco – “é un nicho de pedra cun retábulo en releve, posto riba dun pedestal, máis ancho onde está furado o oco do peto, cuberto cunha plancha de ferro asegurada con candado e que leva unha fura para meter os cartos...Os petos soen ter esceas policromadas. Haínos que rematan nun frontón triangular cunha cruz sinxela ou con crucifixo” (Vicente Risco, 1979: 737-738.). Os esmoleiros desta comarca, adicados na súa meirande parte a unha serie de advocacións marianas, e de santos protectores e sandadores de doenzas humanas e do gando, podemos incluílos na tipoloxía descrita por Yolanda Barriocanal. “Los ejemplos más sencillos y esquematizados, con absoluta economía ornamental, constituyen una pequeña serie de monumentos, que constan de un sencillo bloque monolítico labrado en sección cuadrangular; se desarrollan en verticalidad y ostentan reducidos nichos que por su escaso desahogo obliga a instalar la caja de limosnas frontalmente; además de la serenidad que presentan sus líneas, no es frecuente en ellos la aparición de elementos tan comunes como repisas y cornisas”. (Yolanda Barriocanal López, 1985: 65). CONCELLO DE ABADÍN. Podemos distinguir tres esmoleiros: 1. O ESMOLEIRO DO SAN ANTÓN ( SANTA MARÍA DE ABADÍN). Está situado ó carón da N-634, diante da intersección desta estrada coa CP-11-01. O lugar onde está situado recibe o nome de Fernandaño (Abadín). Trátase dunha construcción de cantería e cachotería, que mostra unha forma paralelepípeda rectangular. Nunha orde descedente, este esmoleiro amosa os seguintes elementos: Na primeira fiada da súa cara principal e, colocada fronte á estrada que o delimita, ábrese unha fornela, na que se pode ver unha imaxe pequena de cantería representando ao Santo Antón de Padua co Neno no colo. Na segunda fiada, aparece a seguinte inscrición: LIMOSNA / PARA / SAN ANTONIO. Finalmente, na terceira, hai un peto, que presenta unha porta de ferro, provista dunha fenda, para introduciren as moedas. Por riba do peto hai un floreiro cuberto de flores durante todo o ano. Por outra banda, no seu tramo superior, este monumento remata cunha cuberta de laxes de pizarra a dúas augas, da que xorde unha cruz latina de granito, de tipo florenzado [1] ]. Sobre este esmoleiro o coengo da catedral de Mondoñedo, Sebastián Santos San Cristóbal, dínos o seguinte: “ Situado al pie de la carretera general. Consta de un cuerpo prismático, cubierto a dos vertientes. En el mismo hay caja para depositar las limosnas a la imagen de Santo Antonio de Padua popular de piedra, o,56 cm.” [2] ]. Asimesmo, este petitorio recibía antano moitas esmolas por parte dos seus devotos mais na actualidade foi decaendo a súa ofrenda. De tódolos xeitos, aínda quedan fieis, que lle seguen poñendo flores e velas acesas ao seu carón. 2. O ESMOLEIRO DO SAN ANTÓN ( SANTA MARÍA DE ABELEDO). Está situado no lugar “Os Sabugos” (Abeledo) e na intersección da estrada LU-12-01 coa pista que leva á igrexa parroquial. Trátase dunha construcción monolítica, realizada por Francisco Alonso, que mostra dous corpos de granito e cachotería revestidos de cemento. O corpo inferior, de forma prismática rectangular, amosa un oco que serve de peto para as esmolas. Por riba del pode lerse a inscrición: O corpo superior, de forma case semiesférica, presenta unha especie de fornela. No seu interior hai unha pintura, que simboliza a San Antón de Padua, protexida do exterior por un enreixado metálico. O esmoleiro remata nunha cruz latina, florenzada, de granito. A pechadura de tres chaves, que abrían o petitorio dun xeito combinado, construíuna Francisco Iglesias, armeiro de Corvite (Abadín). Coa recadación levábase a cabo a festa do San Antón o 13 de Xuño, e se non chegaba, D. Vicente Verdes, responsable da orquesta “Os Petaíños”, poía a diferencia para a música e os foguetes [3] ] . 3. O ESMOLEIRO DA VIRXE DOS REMEDIOS ( SANTA MARÍA DE ABELEDO). Está situado no lugar de “A Vesada” (Abeledo) á beira da estrada LU-12-01, entre os quilómetros 26 e 27. Trátase dunha construcción monolítica, de granito pertencente a “Casa do Aniceto”, hoxe de Plácido Moreno. Ao seu carón hai un cruceiro pertencente ao mesmo propietario. Consta de tres corpos. O inferior, levantado sobre un pedestal poliédrico de cemento, ten forma prismática cuadrangular, perfilándose as súas arestas superiores cun toro e unha escocia. Na súa cara W., amosa un oco rectangular cun peto metálico para a recollida de esmolas. O corpo central, de forma prismática rectangular, presenta unha fornela – protexida por unha reixa metálica – cun arco escarzado, que acubilla unha imaxe pétrea e policromada da Virxe dos Remedios[4] ]. Por baixo da fornela e adosada á pedra, hai unha placa metálica coa seguinte inscrición: Como elemento decorativo, cómpre sinalar a presenza dunha serie de gotas invertidas, policromadas en ocre, por riba da fornela. No corpo superior e, sobre unha cornisa voada, levántase un frontón triangular cun tímpano liso, que presenta a seguinte inscrición: “AÑO / D 1908 ” Como remate e, no cume do monumento, hai unha cruz latina de ferro. No intre actual, aínda son importantes as ofrendas en metálico e florais, que os devotos realizan neste esmoleiro. CONCELLO DE BEGONTE. Podemos distinguir sete esmoleiros. 1. O ESMOLEIRO ADICADO Á VIRXE DO ROSARIO ( SANTIAGO DE BAAMONDE). Está situado no interior do tronco dun vello castiñeiro centenario, que se atopa no adro da igrexa parroquial de Baamonde (Begonte). Foi construído polo escultor desta vila Víctor Corral no ano 1971. Está protexido do exterior polos barrotes de ferro dunha relevante porta artística. No seu interior encontramos unha imaxe da Virxe do Rosario co Neno no colo, encadrada nun extenso rosario. A súa beira esquerda o devandito autor reflicte o seguinte poema da súa autoría: “LAS HOJAS DE ESTE / ABUELO CASTAÑO / HABLAN DEL CIELO Y / Y SU FRUTO DORADO / PERFUMA(N) LA VIRGEN / DEL ROSARIO/. SOY ESCULTOR NATO / Y VECINO DE ESTE / ATRIO DONDE CRECEN / LAS FLORES Y NIDAN LOS / PAJAROS, PUES DOY / GRACIAS A DIOS QUE / HA DEJADO PONER / MIS MANOS EN EL REY / DE LOS CASTAÑOS/ “. Firma. 1971. Desde o momento da súa inauguración, os fieis e devotos da Virxe do Rosario aportaban moedas e flores, que adoitaban colocar nunha repisa situada no interior do tronco do castiñeiro. Mais no intre actual non soe haber ningún tipo de ofrenda material. Ademais nesta parroquia houbo o esmoleiro da Santa Cruz, situado na fachada da casa antiga de Martul, e actualmente propiedade da familia Corral de Baamonde [5] ] . 2. O ESMOLEIRO DEDICADO Á IMAXE DO SAN LÁZARO ( SAN PEDRO DE BEGONTE). Atópase na marxe dereita da estrada Nacional VI (Madrid – A Coruña) ao seu paso pola localidade de Begonte nun cruzamento de estradas, unha das cales vai á parroquia de Damil [6] ]. Trátase dunha construcción de arxila (tixolo) e cemento, pintada de cor branco. Os seus tramos inferior e medio teñen unha disposición cuadrangular. Neste último hai un fornelo rectangular na súa parte externa, lixeiramente arqueado no corpo superior da súa parte interna. No interior do oco hai unha pequena imaxe do santo, de xeso e policromada, protexida do exterior por un cristal e dous barrotes deferro. Por baixo do fornelo hai un peto metálico, provisto dunha fisgoa, pola que os devotos e veciños da comunidade seguen botando algunhas esmolas. O tramo superior está formado por unha cuberta de lousa a dúas augas, que remata nunha cruz latina, de cemento, cos seus remates trevoados. No século pasado, a comezos da década dos noventa o carpinteiro Rafael Cereixo arranxou a imaxe do San Lázaro, así como o lugar onde se atopa. A finais da mesma década, persoal da funeraria Luís Iglesias, colocou unhas lousas á cuberta do esmoleiro [7] . Tanto este esmoleiro como o da Veiga (Lousada) (Xermade), tamén consagrado ao San Lázaro, é probable que teñan certa influencia coa emigración cubana [8] . 3. OS ESMOLEIROS ADICADOS AO SAN VITORIO NA PARROQUIA DE O SALVADOR DE DAMIL. A mediados do século XX os ramistas da festa organizada na honra do San Vitorio de Damil foron Anxo Veiga Fompedriña, Francisco Pajón e Xosé Teixeiro. Estes veciños acordaron construír os dous esmoleiros, que hai encomendados ao Santo. A imaxe de madeira dámbolos dous petitorios foi realizada polo fregués da parroquia de Damil, xa finado, Celestino Pichín, quen tamén construiu unha imaxe pequena de madeira, referente ao Santo, para a capela do San Vitorio [9] . 3.1. O ESMOLEIRO DE BALTAR. Está situado na marxe dereita da N-634, nunha finca que pertence á “Casa de Dorado” de Baltar, que hai anos foi propiedade do crego Constantino Pichín. Tódolos anos un membro da “Casa de Romariz” recolle a esmola, que se emprega no culto ao Santo. O monumento revestido de tixolo, cachotería e cemento amosa catro partes: A parte inferior é prismática rectangular. Posúe unha prancha metálica, introducida no esmoleiro e cuberta con cemento, que ten unha regaña pola que os devotos introducen a esmola. A parte central, máis estreita que a inferior, amosa unha forma paralelepípeda cuadrangular. No seu tramo medio ábrese unha fornela, protexida por tres variñas de ferro colocadas verticalmente, onde se atopa unha imaxe pequena de madeira do San Vitorio. A parte superior, de forma paralelepípeda cuadrangular, presenta no seu tramo medio unha placa de mármore na que se reflicte a seguinte inscrición. LIMOSNA / PARA/ SAN VICTORIO/. Finalmente, o esmoleiro remata nun frontón triangular de tixolo e cemento, que posúe unha cuberta de pizarra a dúas augas. O conxunto da obra está coroado por unha cruz metálica, latina e lanceolada nos seus extremos, que amosa ademais uns enfeites metálicos de índole xeométrica en cadanseu ángulo. 3.2. O ESMOLEIRO DA CIGUÑEIRA. Está ubicado na marxe dereita da estrada comarcal Rábade-Feira do Monte (Cospeito). Foi construido con tixolo, cemento e lousa. Na súa estructura temos que distinguir catro corpos: O inferior, de forma paralelepípeda rectangular, presenta no seu tramo superior un peto resaltado con respecto ao resto da construcción, que serve para botar as esmolas pertinentes. O medio, de forma prismática cuadrangular, é máis estreito que o inferior. Amosa unha fornela na que se atopa unha imaxe pequena do santo, protexida do exterior por tres varillas de ferro colocadas verticalmente e outras tantas dispostas horizontalmente, e por unha reixa metálica. A nova imaxe do Santo[10] ] é de castaño, e a pequena capeliña, onde se atopa a devandita entidade sagrada, e de madeira de sapel. Ámbas as dúas obras foron realizadas polo fregués da parroquia José Villadóniga hai uns tres anos. O superior é unha continuación do anterior. Na súa parte central amosa un rebaixe rectangular onde se le a seguinte inscrición. LIMOSNA / PARA / SAN VICTORIO/. Como remate, o monumento presenta unha cuberta de laxes de pizarra a dúas augas, da que xurdía unha cruz latina metalizada, de tipo lanceolado [11] ]. No intre actual, aínda hai devotos e veciños do lugar que seguen botando esmolas e deixando flores ao carón do monumento. 4. OS ESMOLEIROS ENCOMENDADOS AO SAN ANTÓN DE PADUA NA PARROQUIA DE SANTIAGO DE FELMIL. Un membro da “Casa de Algara” de Denune (Felmil) mandou realizar, a mediados do século pasado, os dous esmoleiros encomentados ao devandito Santo. 4.1 .O ESMOLEIRO DO PETO. Esta situado na marxe esquerda da N-634, no lugar que recibe o nome do Peto (Felmil). Foi construído por un albañel de Felmil, pertencente a “Casa de Ramón do Pacio”. Nunha orde ascendente, distinguimos unha serie de elementos na súa estructura. A parte inferior, de forma prismática rectangular, é de tixolo revestido con cemento. De cara ao exterior hai unha placa de mármore branca, ornada no corpo superior co debuxo dunha cruz latina con enfeites vexetais. Nela lese a seguinte inscrición: ESMOLEIRO DE “ O PETO” “ LIMOSNA A SAN ANTONIO DE DENUNE. / ACUERDATE DE SAN ANTONIO / Y EL SE ACORDARA DE TÍ / LA LIMOSNA QUE SE DEPOSITA / EN ESTE CEPILLO, SE EMPLEARÁ/ EN FUNCIONES EN HONOR A / SAN ANTONIO LOS DÍAS / 13 Y 14 DE JUNIO EN LA / CAPILLA DE DENUNE /” [12] ]. Baixo a placa de mármore atópamos unha placa metálica, na que se fai mención á marmolería, que construíu a placa de mármore, así como o seu enderezo. [13] ] O tramo medio, tamén de tixolo, amosa un fornelo cuadrangular, protexido do exterior por un cristal. No seu interior atopamos unha imaxe pequena, de arxila, de Santo Antonio de Padua co Neno Xesús no colo, que se atopa por riba dun pequeno pedestal rectangular de madeira. A parte superior presenta unha cuberta a dúas augas, e unha cruz latina, ámbas as dúas de tixolo e de cemento. Este esmoleiro segue recibindo, ao longo do ano, ofrendas de flores, velóns e cartos por parte dos devotos e veciños do lugar. 4.2. O ESMOLEIRO DE DENUNE. O antigo esmoleiro estivo colocado na marxe dereita da estrada comarcal Rábade-Feira do Monte (Cospeito). Foi construido con tixolo e cemento. Na súa estructura temos que distinguir tres corpos: O inferior, de forma prismática rectangular, presentaba no seu tramo superior un peto metálico introducido no esmoleiro e recuberto con cemento, que posuía unha fenda pola que os devotos introducían as esmolas, que consideraban mester. Por riba do peto había unha placa de mármore na que se leía a seguinte inscrición: “ LIMOSNA / A / SAN ANTONIO/ ACUERDATE DE SAN ANTONIO / Y ÉL SE ACORDARÁ DE TÍ/.” O corpo medio, máis estreito, mostraba un fornelo, onde se atopaba unha imaxe pequena de xeso do San Antón de Padua, que estaba protexida do exterior por medio de dúas variñas de ferro. Finalmente, o corpo superior estaba formado por un frontón triangular, de tixolo e cemento, coroado por unha cruz do mesmo material.. A principios deste século a Asociación de amigos de San Antonio restaurou a capela do Santo e o esmoleiro encomendado ao mesmo, colocandoo na marxe esquerda e na intersección da estrada Rábade-Feira do Monte, coa O novo petitorio segue sendo unha construcción de tixolo e cemento ainda que xa presenta algúns cambios. O corpo inferior está decorado por unha cuberta de pedra, que recibe o nome de bellavista. O corpo medio amosa un fornelo estreito e rectangular cunha pequena imaxe de xeso do San Antón de Padua no seu interior e dous floreiros a ámbos dous lados. Como remate, hai unha pequena cruz latina de tixolo e cemento. Ademais nos corpos inferior e superior hai algúns velóns de ofrenda e flores. 5. O ESMOLEIRO CONSAGRADO Á IMAXE DA VIRXE DE LUJÁN ( ALTIDE) (SANTA MARÍA DE TROBO). Este monumento atópase no flanco esquerdo da estrada local, que sae da localidade de Begonte de cara á Damil, ao seu paso polo barrio de Altide (Trobo). Foi construído a mediados dos anos cincuenta do século pasado por Manuel de Pena, albañel de Gaibor, que usou como modelo o petitorio da “ costa do Peto” (Felmil). Desde o punto de vista arquitectónico, trátase dun esmoleiro construído con tixolo [14] ]e cemento. Está pintado de cor branco na súa totalidade. No tramo medio atópamos un pequeño fornelo cadrado, protexido de cara ao exterior por un cristal. No seu interior achamos unha imaxe pequena da Virxe de Luxán, de porcelana sobre un pequeño pedestal de madeira. Esta advocación mariana foi traída de Arxentina por un membro da familia García de Altide[15] ] . Por baixo do fornelo e case no centro do esmoleiro hai unha fenda pola que os devotos e veciños da comunidade seguen aportando esmola, que cae nun peto de ferro situado no tramo inferior do monumento. Por riba do fornelo atópamos unha placa de mármore branca, onde se lee a seguinte inscrición: “ LIMOSNA / PARA LA / VIRGEN DE LUJÁN”/. O petitorio remata nunca cuberta a dúas augas, de lousa, cemento e tixolo, estando coroado por unha pequena cruz metálica, de forma latina. Ademais das esmolas en metálico, os devotos e veciños do lugar, seguen traendo ao longo do ano flores e algúnhas candeas. Nesta provincia atopamos outro esmoleiro, adicado á devandita Virxe, que está situado na parroquia de Queizán (Navia de Suarna) [16] ]. CONCELLO DE CASTRO DE REI. 1. O ESMOLEIRO DE O SALVADOR DE VALMONTE. Está situado nunha estrada local, que pasa ao carón do castro de Viladonga (Castro de Rei) e, logo, ao carón do esmoleiro, que se atopa na parte traseira da igrexa parroquial de Valmonte. O petitorio, no seu conxunto, é de cachotería. Desde un punto de vista arquitectónico podemos distinguir nunha orde ascendente tres corpos. Un corpo inferior, que é a base do monumento. Presenta nos seus flancos unha molduración cóncava; un corpo medio, onde se atopa a ara do esmoleiro, formada por un paralelepípedo cuadrangular de cachotería [17] ]; e un corpo superior, disposto en tres tramos de esquerda á dereita. Os laterais, de forma cúbica; e o central, troncopiramidal cun fornelo arqueado na súa parte superior e cun oco, que non amosa ningunha imaxe no intre actual. Mais hai bastantes anos, segundo a Sra. Lola de Xacinto, había unha imaxe pequena pétrea. Sen embargo esta versión carece de obxectividade, xa que outras persoas, de máis idade, que viviron nesta parroquia, manifestan que non recordan dita imaxe, mais teñen referencia de que este petitorio foi construído con motivo dunha misión, que houbo nesta parroquia a mediados do século XIX[18] ]. Por riba dos tres tramos atópanse uns enfeites, que reciben o nome de obeliscos. Presentan tres elementos. O inferior, de forma cúbica; o mediano, cunha molduración cóncava “en escocia”; e o superior, tendente á troncopiramidalidade. 2. O ESMOLEIRO DAS ANGUSTIAS (SANTA OLAIA DE DUMPÍN). Trátase dun pequeno petitorio de cantería, situado no barrio de Santalla do Medio (Dumpín), e ao carón da “Casa de Abelleira”, propiedade de Serafín Trapero Pardo [19] ]Foi construído por Gregorio Fernández, veciño da parroquia de Dumpín e, pertencente a “Casa de Valente”,no ano 1888 [20] ]. A obra, colocada por riba dun valado, presenta os seguintes elementos nunha orde ascendente. Unha base, de estructura paralelepípeda irregular, sobre a que se levanta outra prismática cuadrangular, que remata nunca cuberta a dúas augas, coroada por unha cruz metálica, de dobre sección a nivel lonxitudinal e transversal e, de forma latina. Na parte dianteira do esmoleiro hai un fornelo, resguardado do exterior por un cristal e unha reixa metálica, provista dalgúns barrotes de ferro. No seu interior acubíllase unha imaxe pequena de madeira da Virxe das Angustias. Este esmoleiro é propiedade da “Casa dos Seoane” de Castro de Riberas de Lea. De tódolos xeitos, os membros da “Casa de Abelleira” [21] ], son os que cuidaron desde hai moitos anos este petitorio[22] ]. Nicanor Rielo Carballo fai referencia a este petitorio do seguinte xeito: “ En la aldea de Santalla do Medio, sobre una pared, existe una hornacina con una pequeña imagen de las Angustias, repintada, sin mayor mérito ni antigüedad…” [23] ]. CONCELLO DE GUITIRIZ. 1. OS ESMOLEIROS DO SAN BIEITO DE FERREIRA ( SAN PEDRO DE PÍGARA). O antigo petitorio, situado inicialmente na Pena do San Bieito, foi traído ao lugar de Ferreira (Pígara) a mediados da década dos setenta do século pasado pola ampliación da estrada N- 634. Trátase dun bloque monolítico de cemento e ladrillo, de forma paralelepípeda cuadrangular, que remata nun arco escarzano. Foi construido por José Miragaya, de Pacios [24] ].. Baixo o devandito arco hai un fornelo no que se atopaba unha imaxe pequena do Santo policromada, protexida do exterior por un cristal e uns barrotes de madeira. Na parte media do esmoleiro había unha prancha metálica cun buraco na parte exterior, onde os devotos seguen depositando as súas esmolas. A mediados da década dos noventa dese mesmo século o esmoleiro foi espoliado o que non impediu que os devotos sigan aportando diñeiro e “velóns” ao lugar onde se atopaba o santiño. Nos comezos do século XXI, o concello de Guitiriz mandou construir unha área recreativa no lugar de Ferreira (Pígara) e un novo esmoleiro ao carón do antigo, que consta de dous tramos: un lonxitudinal, de madeira, provisto dunha fornela na súa parte superior, onde atopamos algúns velóns de ofrenda. Outro transversal, de cantería. O seu conxunto asemella un cogumelo. CONCELLO DE XERMADE. 1. O ESMOLEIRO DE SAN LÁZARO ( A VEIGA) (SAN ANDRÉS DE LOUSADA). Atópase ao carón dunha estrada local, que pasa pola Veiga (Lousada), e continua por outras parroquias deste concello e doutros limítrofes. Trátase dunha construcción realizada en arxila e cemento, que foi mandada construír no ano 1952 por Aquilino Otero, natural deste lugar e emigrante en Cuba, onde acadou unha gran riqueza[25] ].. O monumento consta de tres corpos. O corpo inferior, de forma paralelepípeda cuadrangular, amosa un peto metálico, onde os devotos introducen as súas esmolas. O corpo medio presenta un fornelo rectangular e fondo, cun arco escarzano na parte superior, que está resguardado do exterior por unha porta de madeira e cristal. No seu interior atópamos unha nova imaxe mais neste caso do Cristo Nazareno [26] ]. , colocada nesta última década. O corpo superior está formado por unha cuberta , de tixolo e cemento, a dúas augas. Pola súa banda, o tímpano está provisto dunha placa triangular de mármore branca, onde se se lee a seguinte inscrición: “ J. N. / R.I. [27] ]./ DONADO POR / AQUILINO OTERO / Y SU ESPOSA MARÍA PALOMINO/ 1952” / Deste esmoleiro ao igoal que do Santo Cristo do Guerreiro fai alusión Nicanor Rielo Carballo do seguinte xeito: “….y dos petitorios en el lugar da Veiga” [28] ]. 2. O ESMOLEIRO DO SANTO CRISTO DE GUERREIRO (A VEIGA) (SAN ANDRÉS DE LOUSADA). Atópase ao carón da estrada local ( CP-65-9), que pasa pola Veiga (Lousada), e continua por outras parroquias deste concello e doutros limítrofes. Está situado nun cruzamento de camiños de Armil á Veiga e do Pazo a Vilachá. Este esmoleiro, de cachotería, tixolo e cemento, foi realizado no ano 1900 [29] ].. Mandouno construír Francisco Guerreiro e a súa dona Rosa Guzmán, veciños de Armil (Lousada). Na parte dianteira da construcción atópase unha placa de mármore branca onde aparece reflectida a seguinte inscrición en galego: “ LEMBRANZA HONOR E GLORIA A / FRANCISCO GUERREIRO CINZA / A SUA DONA ROSA GUZMÁN / VECIÑOS QUE FORON DO LUGAR / DE ARMIL. SUS NETOS / REPARAN OS RECORDOS / DEIXADOS POR ELES CRISTO / DE GUERREIRO NESTA / ENCRUCILLADA E NOSA SEÑORA / DOS DOORES NA EIGREXA / DO PAZO LOUSADA PAZO VEIGA / XERMADE. LUGO – 9 – X -90 / D. E. P.”/. [30] ]. Por riba da placa de mármore hai un fornelo rectangular, de pouca anchura e hondura mais bastante longo, que amosa unha ventá de aluminio e cristal. No seu interior hai unha cruz primitiva, de madeira, que ten un eixo lonxitudinal moi alongado. Este chega ata a parte inferior do petitorio, tamén oco, ao ser unha proiección do fornelo, onde os devotos deixaban cartos, velas e flores[31] ]. [. Na intersección dos eixos da cruz hai un Cristo de metal dourado, que foi renovado polos netos dos artífices da construcción. O esmoleiro remata nunha cuberta de lousa a dúas augas, que forma un frontón triangular, figurando no tímpano o ano de construcción do petitorio: 1900. Neste petitorio houbo dúas imaxes pequenas no fornelo, relacionadas coa Sagrada Familia, que desapareceron dúas veces. A primeira, durante a guerra civil mais foron reincorporadas ao remataren esta. A segunda, acaeceu anos despois e, no intre actual, non se sabe nada ao respecto [32] ]. Nos lugares de Penadedra (San Fiz de Paz) e Xerbolés (San Salvador de Mosteiro), pertencentes aos antigos concellos chairegos de Outeiro de Rei e Pol, hai dous esmoleiros, adicados á Virxe dos Remedios e a Santa Mariña. RELACIÓNS DESTES ESMOLEIROS CON ALGÚNS SANTUARIOS CHAIREGOS. O esmoleiro do San Antón, situado no lugar de Sabugos (Abeledo) (Abadín), está relacionado co culto que se celebra a este Santo o día 13 de Xuño na capela do San Antón de Abeledo. Hai anos celebrábase nas inmediacións da capela unha importante romaxe, que foi decaendo no transcurso do tempo. Hoxe hai algúns actos litúrxicos, concretados na misa solemne, na procesión e no ritual “de poñer o santo”. “ La capilla está situada en medio de grandes arboledas y rodeada de un atrio, en que se celebra anualmente una típica romería el 13 de junio” [33] ]. Os esmoleiros adicados ao mesmo Santo, ubicados nos lugares de Denune e o Peto (Felmil) (Begonte), están ligados ao culto, que se celebra a este Santo o sábado e o domingo máis próximos ao día propia da festividade , na capela do San Antón de Denune, que recibe devotos non só do municipio begontino senón tamén de parroquias limítrofes ao mesmo. Estes acoden por doenzas humanas, por protección da facenda familiar, por perdas de cousas…Oen a misa solemne; participan na procesión, que percorre o perímetro da capela; e “poñen o santo”. No intre de levar a cabo este ritual o poñente recita a seguinte jaculatoria: “ San Antonio de Padua / que o poder que con Dios tén / o libre de tódolos males. Amén “/. De ofrenda, os fieis adoitan deixar cartos e algún ramo de flores[34] ]. Denantes o culto realizábase os días 13 e 14 de Xuño, como figura nunha inscrición , que hai no “esmoleiro de O Peto” (Felmil). Con respecto aos petitorios, colocados nos lugares de Baltar e a Ciguñeira (Damil) (Begonte), na honra do San Vitorio, están relacionados co culto que se celebra na capela do San Vitorio (Damil) o segundo domingo do mes de maio. Acoden devotos do concello de Begonte, Cospeito, Outeiro de Rei, Lugo… por doenzas da pel (verrugas, antano sarna), por doenzas do gando, antano viñan moitos mozos, que ían facer o servicio militar. Levan a cabo unha serie de rituais: oen a misa solemne, “poñen o santo”, escoitando a xaculatoria que o poñente dice: “S. Vitorio glorioso/ por tu poder inmenso / ayuda a este devoto /en salud, alma y cuerpo. Amén” . Logo participan na procesión e realizan “ o ritual da fonte” [35] ].. En relación ao esmoleiro do San Bieito de Ferreira (Pígara) (Guitiriz), a súa devoción está unida ao culto que se leva a cabo na capela do San Bieito, situada no mesmo lugar, os dias 27 e 28 de setembro. Denantes viña moita xente dos concellos de Guitiriz, Vilalba, Begonte…por doenzas do gando e da pel. Hoxe o culto quedou restrinxido a aquelas parroquias limítrofes co santuario. Os devotos participan na misa solemne, na procesión ao carón da capela, “poñen o santo” e escoltan a seguinte xaculatoria: “Por tu corazón bendito / santo del rostro moreno / de todo infernal veneno / líbranos santo bendito”/. Logo, adoitan deixar algunha esmola en metálico. Antano habia exvotos de cera e realizábase “unha poxa” da ofrenda en especie, que se ofrecía ao santo. En canto ao esmoleiro da Virxe das Angustias de Dumpín, a súa devoción estivo moi relacionada co Santuario á Virxe das Angustias de Arcos (Outeiro de Rei), xa que era un lugar de paso importante para os devotos que viñan do concello de Castro de Rei. Estes ían ao santuario por doenzas de animais, humanas, protección da facenda familiar… Ao chegaren realizaban unha serie de rituais: o de circunvalación ao redor do recinto sagrado, oían unha misa, poñían o santo, participaban na procesión. Logo, deixaban unha esmola, algún exvoto de cera, algunha vela etc. Na actualidade este esmoleiro xa case non ten devoción. Finalmente, os demais esmoleiros da Chaira están ligados ao culto local do Santo ou da advocación mariana en cuestión, que se conmemora na igrexa parroquial respectiva, nunha data do ano. NOTAS _______________________________________ [1] ARRIBAS ARIAS, Fernando, BLANCO PRADO, José Manuel e SAAVEDRA PÉREZ, Mario.: Cruceiros, Cristos, Cruces e Esmoleiros de Abadín, Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2007, páx.18. [2] SANTOS SAN CRISTÓBAL, Sebastián.: “Abadín. Iglesia parroquial de Sta. María”, en Inventario Artístico de Lugo y su provincia. T.I. Servicio de Publicaciones M.E.C, Madrid, 1976, páx. 10. [3] ARRIBAS ARIAS, Fernando, BLANCO PRADO, José Manuel e SAAVEDRA PÉREZ, Mario.: Ob. cit., 2007, páxs. 36 y 40. [4] As imaxes adicadas á Virxe dos Remedios, tanto a que se atopa no esmoleiro, como a da igrexa parroquial mandounas construír D. Ramón Morado Rodríguez (Informacións de Dª María García Morado, de Abeledo (Abadín), 82 anos. [5] BLANCO PRADO, José Manuel.: Religiosidad popular en el Municipio de Begonte, Lugo: Deputación Provincial, 1992, páx. 58. FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA E NÚÑEZ,Estanislado.: Esmoleiros, Petos e Cruceiros de ánimas de Lugo, Vigo: Colección Etnografía Galega. Vol. VIII, 2002, páx. 37. [6] BLANCO PRADO, José Manuel.: Ob. cit., [7] Informante anónimo da localidade de Begonte [8] FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA E NÚÑEZ,Estanislado.: Esmoleiros, Petos e Cruceiros de ánimas de Lugo, Vigo: Colección Etnografía Galega. Vol. VIII, 2002, páx. 39. [9] Traballo de campo levado a cabo polo equipo Carboeira formado por Fernando Arribas Arias, José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez. [10] A anterior, tamén de madeira, feita por Celestino Pichin?, foi roubada hai uns tres anos. [11] A cruz metálica desapareceu no segundo tercio do século XXI. [12] BLANCO PRADO, José Manuel.: Religiosidad popular en el Municipio de Begonte, Lugo: Deputación Provincial, 1992, páx. 281. [13] “Mármoles Barreiro / Calle Villalba / Telf. … LUGO”. [14] É arxila cocida. Ladrillo. [15] A imaxe da Virxe de Luxán recibiu culto na capela de Altide, ata que os veciños da comunidade de Altide (Trobo) decidiron construír o esmoleiro. [16] FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA E NÚÑEZ,Estanislado.: Esmoleiros, Petos e Cruceiros de ánimas de Lugo, Vigo: Colección Etnografía Galega. Vol. VIII, 2002, páx. 40. [17] Se trata de fragmentos de pedra de tamaño irregular. [18] Xosé Manoel Carballo, crego de Valmonte e doutras parroquias deste concello, e importante escritor galego, foi o que me aportou estes datos sobre o esmoleiro. [19] Serafín foi irmán do escritor lucense José Trapero Pardo. [20] O ano aparece nunha inscrición, situada na parte inferior do esmoleiro e por riba dunha base, que serve de soporte. [21] Estoume a referir ao matrimonio formado por Lola e Serafín. [22] No ano 1988, ámbos os dous cónxuxes levaron a vernizar a devandita imaxe previo coñecemento da dona. [23] RIELO CARBALLO, Nicanor.: “ Dumpín. Castro de Rei”, en Inventario Artístico de Lugo y su provincia. T. II. Servicio de Publicaciones del M.E.C, Madrid, 1976, páx. 316. [24] Traballo de campo levado a cabo polo equipo Carboeira formado por Fernando Arribas Arias, José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez.. [25] FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA, Estanislao.: Ob. cit., 2002, páx. 103. “ O peto foi inaugurado polo señor párroco cunha procesión que se achegou dende a igrexa parroquial. Durante a noite os foguetes multicolores reproduciron as bandeiras de España e Cuba”… [26] FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA, Estanislao.: Ob. cit., 2002, páx. 103. “ No interior do fornelo había unha imaxe de San Lázaro, traída de Cuba e que foi roubada hai unha ducia de anos. Nesta última década colocouse unha nova imaxe do Cristo Nazareno. [27] Xesús Nazareno / Rei dos Xudeus. [28] RIELO CARBALLO, Nicanor.: “ Lousada. Xermade”, en Inventario Artísrtico de Lugo y su provincia. T. III. Ministerior de Cultura, Madrid, 1980, páx. 480. [29] O ano de construcción do esmoleiro aparece no tímpano da parte superior do mesmo. [30] ARRIBAS ARIAS, Fernando, BLANCO PRADO, José Manuel e SAAVEDRA PÉREZ, Mario.: Cruceiros, Cristos e Cruces de Xermade, Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2004, páx. 157. [31] Elena Ermida Orosa, informante de A Veiga (Lousada) (Xermade), de máis de 80 anos. [32] Elena Ermida Orosa, informante de A Veiga (Lousada) (Xermade), de máis de 80 anos. [33] VALIÑA SAMPEDRO, Elías.: “Abeledo. Abadín. Capilla de San Antonio”, en Inventario Artístico de Lugo y su provincia. T. I. Servicio Publicaciones M.E.C. , Madrid, 1975, páx. 12. [34] BLANCO PRADO, José Manuel.: Religiosidad popular en el municipio de Begonte (Lugo), .Lugo: Deputación Provincial, 1992, páxs. 94 e 95. [35]. BLANCO PRADO, José Manuel.: Religiosidad popular en el municipio de Begonte (Lugo), .Lugo: Deputación Provincial, 1992, páxs. 90 e 91. BLANCO PRADO, José Manuel.: Exvotos e rituais nos Santuarios Lucenses, Lugo: Deputación provincial, 1996, páx.172. __________ FOTOGRAFÍAS (realizadas por J. Manuel Blanco Prado) Listaxe, orde decrecente 01_Esmoleiro de A Vesada, Abeledo (Abadín) 02_Esmoleiro de a Virxe do Rosario, Baamonde (Begonte) 03_Detalle do esmoleiro dedicado á Virxe do Rosario, Baamonde (Begonte) 04_Antigo esmoleiro dedicado á Virxe do Rosario, Baamonde (Begonte) 05_Esmoleiro de San lázaro (Begonte) 06_Esmoleiro do san Vitorio, Baltar-Damil (Begonte) 07_Esmoleiro do San Vitorio, Ciguñeira-Damil (Begonte) 08_Esmoleiro dedicado ao San Antón de Denune, Felmil (Begonte) 09_Esmoleiro de San Antón, O Peto, Felmil (Begonte) 10_Lápida de mármore con inscrición no esmoleiro do san Antón, O Peto, Felmil (Begonte) 11_Esmoleiro da Virxe de Luján, Altide, Trobo (Begonte) 12_Esmoleior da Virxe das Angustias, Dumpín (Castro de Rei). 13_Esmoleiro do Salvador, Valmonte (Castro de Rei) 14_Esmoleiros de San Bieito, Ferreira (Guitiriz) 15_Esmoleiro de San Lázaro, A Veiga-Lousada (Xermade) 16_Esmoleiro do Cristo de Guerreiro, A Veiga-Lousada (Xermade) 17_Lápida de mármore con inscrición pertencente ao Cristo de Guerreiro, A Veiga-Lousada (Xermade) 18_Esmoleiro dedicado á Virxe da Natividade, Penadedra-Paz (Outeiro de Rei) 19_Esmoleiro deicado á Virxe das Neves (Pol)


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: