A Cruz de Canoura
A Cruz de Canoura está na parroquia de Riobarba, no municpio do Vicedo (Lugo). Está emprazada sobre un valado dunha antiga corredoira que, dende o Canto do Muro, baixa ao río Sor. Monolítica, chama a atención o esquemático Cristo crucificado esculpido na intersección. Cóntase que a mediados do século XIX uns madeireiros (hai quen asegura que portugueses) que estaban a talar os carballos que medraban no Plantío, monte hoxe en día ateigado de eucaliptos, asasinaron (descoñécese a causa) a un compañeiro, soterrando o cadáver ao pé da cruz. Dende aquelas, disque o espíritu do home, para lembrar o infame crime, laia a voz en grito a súa desgraza. Mesmo xuran que as vacas, que son as primeiras en escoitar os estarrecedores berros, néganse a pasar polo lugar.
[Texto remitido por Xabier Moure Salgado, da Asociación Cultural A Curuxa do Vicedo. Outubro de 2010]