Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O Monte do Seixo, porta do Alén

CALROS SOLLA, xunto cos compoñentes da Asociación Cultural e Ecoloxista “Verbo Xido” e do Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca”, descubríronme a min e ao mundo os 24 quilómetros cadrados do Monte do Seixo aló polo ano 2005 coa publicación do “Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo”. Logo chegaron títulos como “Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica”, “Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas”; e un documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica” xunto coa organización de roteiros, conferencias e marchas, coa edición de artigos, vídeos, blogs, folletos e outras mil iniciativas coas tentan que o Seixo se reinvente nunha xeografía cangada, como sempre foi, de humanas emocións.

O Monte do Seixo, incluido na Rede Natura, anda a cabalo da Serra do Cando entre os concellos de Cerdedo, Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz. Nel danse cita o pasado histórico, relixioso e lendario, pois localizáronse varios xacementos arqueolóxicos e trinta estacións míticas asociadas a vellos cultos e ritos. No presente, a natureza revélasenos mancada pero aínda espléndida, sorprendente nalgunhas formación rochosas insospeitadas; o futuro, pola contra, a pesar de toda esa bagaxe de séculos, amósase escuro de non se pór remedio á toma polas bravas do monte por un parque eólico degradante. O Seixo é obra humana, pois invención humana son os nomes dos lugares que o habitan, das construccións, dos camiños e carreiros, das fontes e regatos, pozas e lagoas, dos animais, das plantas e das pedras; obra humana son as mámoas, os castros, capelas, muíños, foxos, neveiras…, e humanas son, aínda que non o parezan, as fantasías que o convirten nun monte singular, máxico, único, extraordinario. O Seixo, coma o Pindo, o Aloia, o Pico Sagro ou o Medulio, imaxinaria xeografía, son os portos, as atalaias, que os galegos temos máis preto do Alén.

Deixámonos guiar pola memoria de Isolina das Raposeiras, avoa de Calros Solla, e percorremos o Seixo emocionados, desde calquera das aldeas nas que asenta (Carballás, Barro, Meilide, Abelaíndo, A Cavadosa, Cimadevila, Bouzas, Fraguas, Gavián, A Barcia, Ricovanca, Hadrián, Ratel, Regotraveso, Cernadelo, Fontegrande, A Devesa de Baixo, Afonsín, Barro, Guisande e Presqueiras) ata coroar o Outeiro do Coto, a Cruz do Seixo ou o Castro Grande. Case sen pretendelo, coñeceremos Chan de Mamas e o que queda dos seus túmulos, o Marco do Vento, o Almadraque da Pirocha, o Outeiro da Cama, a Laxe do Mosqueiro, Fontefría, a Casa da Neve, Cavaladrós, Penadrosa, Campo do Boi, Santa Mariña, as Laghoas de Xestido coa vila de Trentinán asolagada, a Fonte de Sanabarrighas, o nome xa o di todo, e outros moitos lugares nos que aínda habitan pantasmas, monstros e outros seres, estacións polas que xa transitara hai arredor de 240 anos o ilustre Frei Martín Sarmiento.

Non queremos despedirnos do Seixo sen conducirvos ata o lugar que nos achega á lumieira do Máis Alá, alí onde uns “petoutos furados, rachados, regañados, gretados, fendidos, lañados…”, coñecidos co revelador nome de Portalén, nos ofrecen a posibilidade de conversar cos que xa transpasaron os lindeiros deste mundo.

Quen desexe falar cos do Outro Mundo ten que ir no mes de Santos a Portalén, e debe levar canda si algún presente para comer e beber, pan e viño preferentemente, e tamén unha candea coa que alumar o momento. Logo xa pode preguntar o que desexe e as respostas víranlle, cumpridas, dacabalo do vento. Mais, ai daquel que revele o alí falado! Tomaráselle a voz e será por sempre vítima dun misterioso rouquexo.

__________

©Antonio Reigosa, Xornal de Galicia, páx- 48, 15-VIII-2010.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: