Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Os baluros, tribo maldita

Comezando pola grafía (baluros ou valuros) todo o que se refire a este pobo é un misterio. A maioría dos autores sitúanos na Valura, Valuria ou Montañas Valuras, subcomarca que ocuparía boa parte da Terra Chá, con centro na parroquia de Triabá, Castro de Rei. Díxose que eran “a xente máis ruín que ten Galicia”, descendentes dos adoradores de Baal que vivían en Veria, cidade asolagada por maldición divina baixo a lagoa de Cospeito. En Mondoñedo cabo do camiño que vai desde Os Remedios cara o convento dos Picos está aínda con xente a casa da Valura. Na cidade de Lugo hai unha rúa do Baluro e a pé do Miño un caneiro do Baluro. Deste Baluro do caneiro escribe Anxel Fole que tiña “aspecto de tártaro” e que os baluros eran “ pueblo de raza amarilla y misteriosos orígenes”.

TRIBO MALDITA
Os baluros foron considerados tribo, secta ou raza maldita. Exercían de curandeiros, feiticeiros, usureiros, agoireiros, esmoleiros vagamundos, predicadores e santeiros, comerciantes da arte e do engano como dá a entender a copla recollida por I. Rielo Carballo: Baluro, por que vas preso? / Señor, por cousa ningunha: / porque roubei un ramal / e detrás viña unha mula. Nalgúns dicionarios dise que “estar coma un baluro” é estar groso.

CONDENADOS POLA IGREXA
No século XVIII os bispados de Ourense, Tui e Mondoñedo condenaron as súas prácticas e abusos como usurpadores das funcións e beneficios propios dos cregos. Chama a atención que, segundo Lence-Santar, obtivesen salvocondutos e a condición de ministros e familiares do Real Hospital de Santiago, o que lles permitía pedir no seu nome. Se Villa-amil y Castro dicía que pedían para “as once mil virxes e once mil cantantes que con medio corpo na auga e medio fóra cantan noite e día na lagoa de Caque”, Lence-Santar asegura que moitos deles presentaban cicatrices na faciana e nas mans para impresionar as vítimas.

ORIXE
Os baluros son para nós unha tribo maldita como os hugonotes de Rieux, protestantes calvinistas, os agotes navarros ou os xitanos. Convén ter en conta, dado o gran asentamento de arrieiros maragatos pola Terra Chá, que aos veciños do concello do Val de San Lorenzo, centro da comarca da Maragatería, aínda hoxe se lles chama valuros (habitantes ou orixinarios do Val).


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: