Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

O Corpo Santo de Santa Cruz de Viana

O chamado Corpo Santo de Santa Cruz de Viana, en Chantada (Lugo), suponse que pertence ao frade dominico Miguel González, frade que viviría polo s. XII. A identificación do Corpo Santo que alí se venera con este frade non é anterior ao s. XVII. Segundo consta nun documento elaborado polo crego Miguel Sarmiento de Sotomayor, abade da parroquia de Santa Uxía de Asma no s. XVIII, Miguel González nacera nas Mariñas de Betanzos, e pasaba por Chantada en dirección a Compostela un día de moita calor na compaña de Pedro das Mariñas e de San Pedro Telmo. O templo ten a orixe no s. XII, reedificado no XVIII. A capela do Corpo Santo sitúase á dereita da porta principal da igrexa. Fáiselle celebración o luns da segunda semana de Pascua e son centos os milagres, curacións e prodixios que se lle apoñen.

O Pao do Romeiro
Miguel González non resistía o bochorno. Para descansar chantou o seu báculo, feito de madeira de pereira, no chan, e enriba del, pousou a capa. Disque o báculo apareceu en seguida coroado de flores e co tempo medrou no mesmo punto unha pereira coñecida como “O Pao do Romeiro” que durou ata 1670. Os frades proseguiron a viaxe ata o lugar chamado Costa da Matanza en memoria das heroicas victorias do rei Ramiro contra os mouros. Aquí xa non pode máis o noso home. Déixase caer e pide aos compañeiros que o enterren na primeira igrexa na que a campá toque por si.

Fonte do Santo
Cargan co seu corpo ata chegar a unha fonte onde, a pesar do esforzo, Miguel morre, e, ao tempo, bautiza a que se chama desde entón Fonte do Santo e que aínda existe non moi lonxe do santuario que leva o seu nome. San Pedro Telmo e frei Pedro das Mariñas sentiron tocar as campás sen que ninguén se achegase e viron pousar unha pomba enriba delas.

A maldición
Corría o ano 1580 cando o abade de Santa Uxía de Asma rexistrou o sartego do Copo Santo, atopou o corpo e colocouno debaixo do altar. Deste lugar extraíase terra que logo se levaba en bolsas penduradas do pescozo para combater as “tercianas” (cefalea ou febre intermitente). Un bispo de Lugo quixo remexer o corpo e morreu no intento, e outro bispo, tamén de Lugo (1646-1650), chamado Juan Pozo, quixo facer o mesmo mais ao ter coñecemento do que lle pasara ao seu predecesor, deixou as cousas como estaban. O medo é libre.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: