Festas e mitoloxía relixiosa
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A Fonte do Bispo
Está na parroquia de Arroxo, en Baralla (Lugo). Para chegar á Fonte do Bispo hai que coller pola estrada que vai desde Baralla cara a Arroxo e ao pasar este lugar torcer polo desvío que vai a Quintela. Cando comeza a encosta, pola dereita, seguimos dez metros a pé ao son dunha sebe e atopamos a humilde fonte a carón do valado, unha pequena poza e un cano de plástico deitando unha auga moi fresca e saborosa.
O prodixio
Na web do concello de Baralla dáse conta dunhas lendas recollidas da revista “Folerpas” editada polo CPI "Luis Díaz Moreno", e entre elas aparece unha enigmática historia:
Cóntase que hai moito tempo, un día dos máis calorosos do verán, pasou por Arroxo unha comitiva composta por un bispo cego que ía montado nunha burra e os seus criados. Deulle a sede e xusto nese instante pasaban por diante dunha fonte pola que corría a auga. Pararon para coller auga e darlla ao bispo. Desde que o bispo bebeu unha pouca, deuse conta de que estaba recuperando a vista. Desde ese día a fonte chamase “Fonte do Bispo”.
Cando estivemos no lugar a finais do verán pasado, un veciño confirmounos punto por punto o relato. E se é verdade o da curación do bispo, preguntamos inxenuamente, como é que non se usa auga da fonte para atender aos que teñen problemas da vista. E díxonos: Pois non, non se usa; vese que se lle acabou a forza cando lle devolveu a vista a ese bispo.
Bispos cegos
Non sabemos quen foi ese bispo que recuperou a vista na Fonte do Bispo, se é que o houbo, mais hai referencias doutros bispos cegos, e algúns, os menos, tamén recuperaron a vista temporalmente. É o caso de Santo Omer, ou Audomaro, bispo en Flandes polo s. VI que estando cego recuperou a visión diante o paso das reliquias de San Vedast. Cego estaba o noso glorioso San Gonzalo, o Bispo Santo, cando afundiu a forza de oracións as naos normandas no mar de Foz, e o San Gonzalo de Lagos, o seu tocaio portugués, enterrado no convento de Graça, Torres Vedras, que curou a un neno cego do seu mal, como cego era, e así morreu, o Papa Clemente do Palmar de Troya, ordenado crego, bispo e papa á marxe da liturxia católica. Daniel Cortezón, escritor ribadense recentemente falecido, é autor dunha obra de teatro titulada “El obispo ciego”.