Santo Estevo do Ermo (ou de Augas Santas)
A capela de Santo Estevo do Ermo (“deshabitado”, pero tamén pode derivar de “ermitán”), coñecida antigamente co nome de Santo Estevo das Augas Santas, está na parroquia de San Cosme, concello de Barreiros (Lugo), nas proximidades do lugar das Eiras. Rodeada de bosque autóctono, nunha paraxe paradisíaca pola que que discorre o regato de Santo Estevo, esta ermida xa aparece citada nun documento do s. XII. O edificio foi reformado por última vez en 1992 e hai romaxe alí o luns de Pascua. Na contorna existen dúas fontes con augas curativas, unha fervenza e a pegada da ferradura do cabalo de Santiago. Fontes que curan As dúas fontes están máis arriba da capela, entre os penedos. A chamada de Santo Estevo, de augas ferruxinosas, é moi boa para tratar a anemia; corre pouco pero mántense sen alteracións ao longo do ano. Debe beberse entre 11 e 15 días seguidos, sempre en número impar. O outro manancial, coñecido como Fonte de Santa Rosa, é, en realidade, unha poza entre as rochas e está indicada para as "rosas" e outras enfermidades da pel. O doente debe mollar un pano nesta auga e lavar con el a parte danada; logo ten que atar o pano ás pólas das árbores de arredor e deixalo; cando seque, secará tamén o mal. A estas fontes, na procura de remedios para os seus males, acoden doentes da contorna e de lugares afastados. A cristianización deste recuncho debe ser moi antiga pois nos últimos tempos deuse conta da descuberta de habitáculos, usados no pasado, seguramente, por ermitáns. Tamén aprecen indicios de enterramento e nun documento do s. XV dáse a entender que a capelo de Santo Estevo tivo categoría de igrexa parroquial antes de crearse a actual parroquia de San Cosme. O cabalo de Santiago Como sucede noutros moitos lugares de Galicia, especialmente naqueles onde abundan os petróglifos, tamén aquí, entre as fontes, pode verse na pena a pegada que deixou unha ferradura do cabalo do apóstolo Santiago cando fuxía da persecución dos mouros; dos mouros míticos, xa ora. O cabalo, co chimpo, enorme, chegou a o outro lado do monte. A fervenza Por enriba da capela, por accesos ben acondicionados, podemos subir ata un mirador situado na parte superior dunha fervenza que se descolga uns 15 metros entre as rochas. O espectáculo resulta extraordinario Santo Estevo Santo Estevo, considerado o primeiro mártir cristián, foi lapidado en Xerusalén na presenza dun aínda novo, e daquela descrido, Saulo, logo máis coñecido como San Pablo. Nalgúns textos apócrifos, Estevo é presentado como mozo de cabalos de Herodes; un dos cabalos sofre unha parálise pero Xesús Cristo cúrao maxicamente.