Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Luciñas en Ourol

Contoume un tío meu, masón e aparentemente escéptico, que alá polos anos 30 volveu á nosa aldea desde A Habana. Como era mozo e volvía con cartos, ía a todas as festas, ata Muras, camiñando. Nesa época, todos os mozos, polo que me contaban o meu pai e tíos, camiñaban moitísimo. Por exemplo, ir de Vilares a Muras a unha festa e volver na mesma noite, aínda que de amencida.
Volvía xa, moi de madrugada, e atopou a un mociño novo tamén da nosa parroquia, e ían os dous sós, por camiños de montaña e corredoiras, e o mociño estaba moi asustado. Entón vai e cóntalle ao meu tío que, antes de atopalo, e indo só porque os outros mozos xa marcharan, ía por ou camiño e ao pasar por unha carballeira viu unhas luces na montaña, todas en fila, e as luces ían seguíndoo.
Xa que logo, confesou que se puxo moi contento de ver ao meu tío. Este díxolle que nada, tranquilo, home, e aquí levo unha navalla e unha boa vara. O que pasa é que che queren gastar unha broma.
Non viron nada estraño esta vez polo camiño. Chegaron a Vilares e despedíronse. Entón, o meu tío cambiou de ton e púxose moi serio, como"non creo en meigas pero habelas haylas...
Aínda me parece que o estou vendo... Sería a Santa Compaña ou non o sería aquela noite, pero mociño morreu antes do remate do verán e ou meu tío embarcouse outra vez para Cuba...

Nota da informante:
Cheguei á casa dos meus tíos en Vilares en 1961, procedente de Cuba. A miña tía era unha verdadeira xoia como informante antropolóxica; sabía unha chea de historias, lendas, etc. Eu tiña 15 anos e como sempre me interesei pola antropoloxía parecíame un mundo fascinante, aínda que o meu pai xa me contou moitas cousas na Habana, pois víame moi interesada en todo o galego. Escribirei algunhas cousas que recordo, e que me encantaría que puidesen axudar a preservar o noso legado. Por certo, unha das nosas bromas cariñosas era que cando eu facía algunha tarefa mal (cousa frecuente), sorría pillabán e dicíame: parece que ves da Habana... Eu viña de alí...

[Texto remitido por Teresa Casabella, residente en Barcelona. Marzo de 2008]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: