Festas e mitoloxía relixiosa
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A pastoriña
Segundo unha tía miña do lugar de Vilares, parroquia de Merille, concello de Ourol (Lugo), ás veces aparecíase á persoa que había de morrer unha cadeliña branca moi bonita e graciosa, que se poñía a seguir a esa persoa por corredoiras e camiños,sempre de noite. A miña tía chamáballe a Pastoriña. Ao chegar á porta da casa, a Pastoriña desaparecía. A persoa morría en poucos días.
Nota da informante:
Cheguei á casa dos meus tíos en Vilares en 1961, procedente de Cuba. A miña tía era unha verdadeira xoia como informante antropolóxica; sabía unha chea de historias, lendas, etc. Eu tiña 15 anos e como sempre me interesei pola antropoloxía parecíame un mundo fascinante, aínda que o meu pai xa me contou moitas cousas na Habana, pois víame moi interesada en todo o galego. Escribirei algunhas cousas que recordo, e que me encantaría que puidesen axudar a preservar o noso legado. Por certo, unha das nosas bromas cariñosas era que cando eu facía algunha tarefa mal (cousa frecuente), sorría pillabán e dicíame :parece que ves da Habana... Eu viña de alí...
[Texto remitido por Teresa Casabella, residente en Barcelona. Marzo de 2008]
COMENTARIOS ENVIADOS