Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Conde Santo de Lourenzá

Osorio Gutiérrez, máis coñecido como Conde Santo, vivíu no século X. Era de familia noble e rica, parente de reis e bispos, guerreiro contra os mouros. En 969, viúvo e con máis de 60 anos de idade, funda o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá e decide profesar como leigo benedictino. Trala morte e como consecuencia dos efectos que se lle apoñen aos seus restos e ao sartego que os agocha nace a lenda e a santificación popular. Cando os monxes benedicitinos de Lourenzá agardaban a canonización do fundador chegou a Desamortización e foron expulsados do mosteiro. A pesar de non ser santo oficial, co culto autorizado polo bispado mindoniense, o concello de Lourenzá dedícalle a súa festa principal na derradeira fin de semana de agosto, e rememora as súas andanzas cunha recreación teatral. Sábese que Osorio Gutiérrez viaxou aos Santos Lugares ao final da vida e que foi entón cando mercou o sartego de mármore gris con vetas azuladas no que repousa. Cóntase que estando en Xaffa viu sete mouros labrando un fermosísimo sartego decorado con estrixilos e un crismón no centro da cara principal. Por 500 siclos de ouro, unha cantidade esaxerada para a época, mercouno e fixo que o porteasen ata o mar. Coa punta do báculo fíxolle unha marca en sinal de posesión, selou a tapa e ordeoulle ao sartego que se dirixise a Lourenzá. O sartego obedeceu; navegou o Mediterráneo e o Atlántico, e chegou ao porto de Moreda, antigo nome de Foz. O entón bispo mindoniense, un tal Teodomiro, foino recoñecer, mandou que o subisen a un carro ferrado e que llo levasen á súa residencia mais, nin doce nin vinte homes que o intentasen, non puideron con el. –O tempo descubrirá para quen ha ser o sartego –dixo, oufano, o bispo. Cando regresou o conde da viaxe mandou dous mozos recollelo e eles soíños, sen outra axuda, montaron nun carro os dous mil quilos de peso e levárono a Lourenzá. Pouco despois morreu o conde e naceu o mito. No século XVI os seus ósos, entón ciscados polo sartego, foron reunidos nunha caixa de madeira de alcipreste; e está escrito que a man dereita estaba incorrupta “…exenta de la jurisdicción del tiempo”. Ademais, o sartego, ao parecer, súaba gotas gordas de auga moi fría. Cando se abriu o sartego en 1968, diante de autoridades civís e eclesiásticas, os expertos comprobaron que había restos de tres esqueletes; un case completo (o do Conde Santo) e fragmentos de dous máis atribuidos a persoas novas, e algunhas teas, un cabuxón e un documento. Por este exame sabemos que Osorio Gutiérrez foi extraordinariamente alto para a época (1,75 m.), moi lonxevo, viviu máis de 65 anos, e que morreu coas 34 pezas dentarias intactas. No negativo, anotamos que padecía de artrose e de artrite gotosa. Tal singularidade biolóxica ten correspondencia no mítico-relixioso pois o reconto dos prodixios que se lle apoñen vai desde resurreccións, curacións de tullidos e posuídos ou a prestación de axuda a mulleres no parto. Para obter estes beneficios resultaba imprescindible entrar en contacto co sartego, coa cabeza e coas mans, e introducir os dedos por un burato para tocar a arca de madeira do interior. Se isto non abondase, sempre se podía facer uso da auga do pozo que hai no claustro do mosteiro, que ten a virtude de aliviar case todas as doenzas. Para evitar excesos na práctica destes ritos de contacto, o sartego foi illado cunha reixa de ferro e agora forma parte do Museo de Arte Sacra de Lourenzá. Os especialistas opinan que é peza singularísima da arte paleocristiá, e que debeu ser fabricado en Aquitania arredor do século V.

***

No centro de Lourenzá hai un gran pozo que agora está no Mosteiro de San Salvador. A xente que acudía alí, para saber se pecara ou non, tiña que tirarse no pozo. Se afundía significaba que pecara; se sucedía o contrario, non o fixera.

Recompiladora: Fátima Reino. 1º ESO, IES ‘San Rosendo’, Mondoñedo (Lugo).

Grupo ‘Olllomao’ (ENDL do IES ‘San Rosendo’)

Informante: Natividad Rivas (67 anos)

Lugar e data de recollida: Condomiña, Lourenzá, abril de 2015.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: