Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Cama de San Xoán

Hai mais de vinte anos, nunha desas épocas nas que a un dáselle por preguntar, alguén en Lamas, penso que foi o Sr.Paulino o “Licho”, faloume da Cama de San Xoán.

Contoume daquela unha curiosa historia chea de imprecisións, mesturando as desventuras dunha imaxe de pedra que por culpa dunha riada foi parar o fondo do río Umia na marxe dereita, de onde foi rescatada polos veciños de Troáns e deste xeito case que roubada ós de Sta. Cruz, coa lenda da propia cama ou leito de S. Xoán na que se falaba dun posible culto de fertilidade. Faloume da ponte Brións e doutras pontes río arriba e río abaixo, unha delas de pasos. Faloume de tantas cousas e tan mesturadas, brincando dunha a outra lenda que custoume traballo desenlear o conto.

Cando lle preguntei pola localización da dita cama de S. Xoán, volveume dar información imprecisa, falábame dun muíño e da súa canle, de que agora non se daba topado e que poida que estivera anegada pola auga...... nada..... rendinme e deixei de interesarme por ela xa que mesmo me pareceu que se trataba todo dun mal conto de mouros e encantamentos.

O intentar poñer orde naquela enleada, cada historia pola súa banda, comecei pola Cama ou Leito; estaba claro que era de pedra e sobre dela deitábase a muller, desexosa de quedar preñada, para manter relación sexuais co seu home.... Pode que moitas veces fora deste xeito, pero o relato mais ben facía pensar en que na noite mais pequena do ano, despois de facela fogueira no quinteiro de San Xoán, argallábase unha pequena orxía na beira do río e no medio desta festa, na escuridade, e cos vapores da caña na gorxa, non estaba moi claro quen se deitaba con quen. Ata o dito tantas veces escoitado nos beizos de galáns fachendosos de “paseina pola pedra” cobra deste xeito un sentido moi real e gráfico.

Esta segunda interpretación facía posible o milagre da preñez desexada, sempre que a causa da infertilidade estivese no varón consorte. E como “o que nace na casa e dentro do matrimonio fillo da casa é......” todos ben contentos.

¿A que viña logo o da imaxe?.. moi posiblemente a imaxe tivera mais relación con algunha das pontes, pero tamén puidera ser que alguén quixese cristianizar un lugar de culto pagán á fertilidade e puxera unha imaxe para santifica-los ditos ritos. Ó parecer a imaxe representaba tamén a S. Xoán, era de pedra e por algún tempo estivo na igrexa de Troáns.

Pasados os anos e picado da curiosidade insatisfeita achegueime de novo a Sta. Cruz de Lamas, desta volta xunta de Samuel Fariña o da casa do Castro, para que me ensinara o Castro, a corredoira do Castro e mais o Alto do Castro e así o fixo.... e nestas estabamos cando falou do Quinteiro de S. Xoán, achegámonos alí, ó S.O. do Castro e do lugar da Igrexa. Nesta paraxe facían fai anos os veciños a fogueira de S.Xoán e mailo arco engalanado de laranxas bravas, moi abondosas na aldea, e había troula toda a noite.

Á conta do Quinteiro faleille da Cama de S. Xoán, por ver se tamén el escoitara algunha historia, e para sorpresa miña díxome: se queres saber dela imos alá, que esta cerca da presa do muíño da Baxe ou do Cambadés, e non so hai a cama, tamén hai a Fonte de S. Xoán ó carón dela.

Baixamos cara o río Umia, ás paraxes que dan en chamar a Birta das Cabras, os camiños estaba cheos de xestas e leña podre no chan, restos do desastre das cortas polo encoro, de tódolos xeitos demos chegado ó que hoxe queda do muíño da Baxe, por sorte as beiras do río estaban limpas por aquelo de quedar no inverno debaixo da auga do encoro.

Poucos metros río arriba, atopamos unha pena de bo tamaño, dous metros por riba da canle do muíño e con unha fendedura coa forma dunha cova no medio dela, con certo xeito de cama ou leito, mesmo con paredes laterais e case que teito.

Samuel foime contando a mesma historia que escoitara da súa nai, cando era rapaz, tanto ela como as outras veciñas non se cansaban de meterlles medo: “non vaiades a cama de S.Xoán que hai serpes moi grandes que vos van morder”. Posiblemente tentaban de escorrentalos dun lugar pouco recomendable para mozos e nenos. É curioso que, dun xeito involuntario, os maiores botaron man das serpes para meter medo ós rapaces sen se decatar que a propia serpe é tamén símbolo frecuente da fertilidade en moitas crenzas. Ó pasa-los anos, xa de mozo, escoitara a verdadeira historia da pedra como leito de amores.

Ó seu carón, cara o Norte, un pequeno manancial deixaba correr a auga cara o río, Samuel recordaba que tempo atrás a auga da fonte nacía máis arriba, parecía que saíra da propia pedra. Mesmo hai xente que cría nos poderes máxicos da súa auga e algún dos mozos de Santa Cruz ía en anos pasados buscala para despois do afeitado.

Non tivemos tempo, aquel día, de remirar detidamente a cama e o penedo enteiro, por ver de se tiña sinais ou marcas. Pero Samuel recordaba que si tiña o que os rapaces daban en chamar a Pía da auga bendita, supoño eu que se trataría dun burato na pedra que gardaba a auga da choiva.

Nunha nova tentativa de desvelar misterios baixei de novo so, para con mais tempo, remirar o conxunto. Cara o Norte hai un bo penedo que arrancando da beira da canle do muíño chega ata unha altura de uns dous metros e medio, a cara do Sur e lisa e ampla, a do Norte mais abrupta. Coroada por loureiros e tropezas de carballo, que coas súas follas mortas van facendo leitos nos grandes ocos da pedra. Polo Sur unha pedra mais pequena, cuberta de terra en parte, soporta a unha terceira que fai como de teito.

Entre as tres fan unha fenda con teito, con chan de terra e follas, na actualidade, que certamente semella un leito que so se deixa ver dende o solpor.

A paraxe, na ribeira esquerda do Umia, a uns 300 metros do castro de Sta. Cruz, e fronte xusto dun paso antigo sobre o río cara a parroquia de Troáns, era moi fermosa. E digo era por que ó encher o encoro de A Baxe, xa non hai presas de muíños, nin represas, nin sequera ribeiras, os pasos afundidos, as pontes anegadas..... salvase a cama de S. Xoán aínda que ten a auga nos pés.


[Texto da autoría de José Casal Porto, de Moraña]


 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: