Medicina
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Auga de Lourdes
“Água de Lourdes, fresca. Em pipas, ao quartilho / E em garrafa. Exigir a marca - Deus & Filho - / Na etiqueta, e na rolha, a fogo - Providência - / Genuína só a há à venda nesta agência”.
Nestes versos do poema “Circular” da autoría do portugués Abilio Guerra Junqueiro (1850-1923) están resumidas, cunha boa dose de retranca iso si, as grandes potencialidades curadoras das augas procedentes do santuario de Lourdes, concretamente da Gruta de Massabielle, dunha fonte que brotou milagrosamente cando se lle apareceu alí a Virxe á pastora Bernardette Soubirous en 1858. Así, os prodixios sucedidos naquel lugar multiplícanse polo mundo grazas á circulación destas augas envasadas e ás aplicacións correspondentes segundo a gravidade do caso. Poñamos uns exemplos, non sempre resoltos satisfactoriamente.
A auga de Lourdes circulou por medio mundo como remedio de todo mal, un licor celestial definitivo. Os xornais, preferentemente os de ideoloxía católica da segunda metade do século XIX e de boa parte do XX contan numerosos episodios, supostamente verídicos, facendo así de altofalantes dunha gran campaña publicitaria, planificada non se sabe ben desde onde nin por quen.
As noticias que se publicaban eran tan sorprendentes como esta que pregoaban algúns periódicos franceses aló polo ano 1877. Dicían que os estudantes das universidades católicas conseguían unhas excelentes notas porque antes de examinarse mollaban as plumas en auga de Lourdes. Este mesmo ano a cámara francesa debateu unha proposta pedindo que se lle aplicasen os mesmos impostos a estas augas envasadas que ás minerais pero a moción non prosperou.
A igrexa desde a voz autorizada de varios bispados, e incluso do arcebispado de Santiago, negou en diversas ocasións que tivese nada que ver con tal comercio. Por iso, non deixa de ser curiosa a información que reproduciron varios xornais galegos o 19 de marzo de 1925, ao anunciaren o falecemento do arcebispo de Santiago, Manuel Lago González.
Estando o arcebispo xa nas últimas, “momentos antes de expirar”, a súa irmá, Petronila, despois de darlle a bicar varias reliquias “acercó a los labios del Prelado un vasito conteniendo agua de Lourdes, que bebió”. Pouco despois, morreu.
Por se aínda non viaxou vostede a Lourdes, a carón da entrada da igrexa do convento das Concepcionistas de Viveiro hai unha réplica daquela gruta. Construíuse en 1924 con pedras dos Castelos de Covas e pola cantidade de exvotos, velas e fotos que hai alí depositados, debe gozar de gran devoción.
Longa é a listaxe de doenzas que disque se poden resolver mediante a aplicación destas augas, ben con panos mollados ou bebéndoas directamente. Sarampelos, mordeduras de cobras, reumatismos, hemorroides, endereitamento da espiñela caída, expulsións de demos do corpo, cegueiras... O poeta Guerra Junqueiro aínda engade outros beneficios para casos de extrema gravidade: “É bebê-la e ficar sem dor. Não há feitiço / Que resista. Uma vez uma morta tomou-a, / Espirrou e ficou inteiramente boa! / Prevenimos no entanto o público defunto / Que casos destes há uns trinta e dois por junto”.
© Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 13 de marzo de 2023