Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

As virtudes da auga da fonte da capela da Virxe de Gundián

 

Estas notas complementan o escrito nesta mesma web sobre "O pozo de San Xoán da Cova" (ver) e todo o lendario que xerou.

Na outra banda do río, en fronte mesmo de onde estivo o mosteiro de San Xoán da Cova, os mesmos monxes construíron unha capela á que accedían por unha ponte de madeira duns catorce metros. Estamos no territorio da parroquia de Ponte Ulla, concello de Vedra (A Coruña). O edificio actual é do s. XVIII.

No muro norte da capela hai unha fonte que disque nace debaixo do altar da capela e cuxas augas, xunto coa axuda da Virxe, se usaron para curar enfermidades dos máis pequenos da casa. Sobre a fonte, encastrada no muro da capela preside unha imaxe en pedra da Virxe. As doenzas que se atenden son coñecidas como asombramento, mal cativeiro, mal do ollo, mal de aire, anghanido, meigallo, pero tamén sarampelo, papeiras, vixighas, ictericia, raquitismo, transtornos intestinais e problemas relacionados co atraso ou complicacións da fala.

Todos estes doentes eran e son sometidos a un ritual na fonte da Virxe de Gundián o día 8 de setembro, día da romaxe. Ritual que consiste en que os pais e nais, postos en fileira, e termando dos cativos xa espidos, van pasando e bañando ao fillo ou filla coa auga daquela fonte. A roupa que traían posta tirábase (parece que en tempos os máis necesitados se pelexaban por quedaren con ela) e despois do baño vestían ao cativo cunha roupa nova. As pezas de roupa que non recollía ninguén quedaban por alí esparexidas.

Logo levan o neno ou nena á presenza da imaxe da Virxe no interior da capela e procuran que a biquen ou que, cando menos, a toquen. O ritual complétase levando unha botella de auga da fonte para a casa, deixando esmola e en tempos, ofrecendo, se curaba o cativo, o peso do seu corpo en gra de trigo.

Tras estas cerimonias, a romaxe desenvólvese cun xantar de campo, con música e baile. As familias coidanse de ir acompañadas de cativos pois eran e son eles, estean ou non doentes, os protagonistas principais.

Para completar esta información non deixedes de consultar o artigo de J. Fernández Casal (2003): «A Virxe de Gundián», en A Estrada: Miscelánea histórica e cultural, nº 6.

A esta romaxe levaron sendo neno ao escritor X. Neira Vilas, e como proba da importancia que tivo na comarca, e da abondosa literatura que xerou, deixamos aquí uns versos do Marqués de Figueroa, en “Relembros d’a terra ullán”:

Terra Ullán quirida

de xogos e festas,

acórdasm'os días

d'antroidos e lérias;

de feira en foliada

de romax'en feira (…)

De Gundián n-o alto

a ermida branquexa,

e sal ô camiño,

d'os que van pra ela,

a Santa d'a Ponte,

santa feiticeira,

qu'é sostén e guía

n-a senda que levan,

tantas que n-o val,

- chamen como queiran-

merecen chamarse

tamen Manadelas! (...)

 C'os ollos de neno,

n-o lonxe, moi lonxe

Gundián, eu te vexo!...

¡Cántas veces fun

de Gundián ô tempro!

De neno n-o colo,

por meu pé, pequeno,

e cánto qué dera

por ire de vello!.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: