Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Caseira, a bruxa de Sarela

Chamábase Josefa García, tiña sona de saber botar e quitar o mal de ollo e de saber levantar a paletilla, e o seu nome saíu nos xornais de Santiago de Compostela na primavera de 1930.

A culpa, en parte, tívoa Xoán da Roxa que logo de andar moceando cunha moza de Sarela, e de deixala embarazada, cambiou de parecer e casou con outra. Convén saber xa que a moza abandonada por Xoán era filla de Dolores Sanmartín.

O novo matrimonio tivo un fillo, e aínda outro, pero ambos naceron mortos. Logo tiveron outros dous que se lograron, o que dalgunha maneira serviu para confirmar os supostos poderes da tal Dolores pois a nai das criaturas contou que tivera que contrarrestar os seus maleficios solicitando os servizos da Caseira, que lle preparou un composto con cinsas de defunto collidas no camposanto de Vilestro, aceite e outros elementos que disque queimou no tellado da casa de Dolores e da súa filla, a antiga noiva de Xoán.

Aqueles fillos de Xoán salváronse e a Dolores morreulle un becerro. As acusacións contra Dolores, instigadas pola Caseira e o convencemento de Xoán e da súa esposa, aumentaron ata o punto de que tivo que intervir a garda civil.

O caso, grazas ao enfado de Dolores e da súa familia contra quen a acusaba de bruxa, descubriu a existencia de dúas mulleres con poderes no mesmo barrio. Dúas mulleres que si exercían de bruxas e actuaban como tales: Manuela Turnes e a nosa Josefa García, a Caseira de Sarela de Abaixo, que fora quen elaborara a beberaxe e as acusacións contra Dolores.

Josefa García, polo visto, era arrogante e violenta, de lingua solta, insultadora e obscena, e ameazou aos veciños que declararan contra ela ata o punto de agardalos nas encrucilladas armada cun sacho.

Un día dixo que se lle daban 500 pesetas acababa con todo; xente e haberes que houber, incluídas artesas, e o máis que houbese arredor.

Ninguén llas deu; menos mal!

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: