Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Medicina

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Que sabemos da donicela?

A donicela (Mustela nivalis) é un animal mamífero e carnívoro, o máis pequeno da familia dos Mustélidos. As donicelas son animais solitarios, admirados pola axilidade e temidos porque se cre que poden matar a animais, e incluso a persoas, moito máis corpulentos (desde ratos e galiñas, ata coellos). Logo de inmobilizar e matar ás súas presas chúchanlles so sangue. En castelán o seu nome é “comadreja”.

Nomes galegos da donicela

É o animal con máis nomes vulgares en galego e en todas as linguas ibéricas.

Adelociña, delonciña, delosiña, delunciña, denociña, denosiña, denosiña, denouciña, denuciña, denunciela, denunciña, dernicela, dinicela, dinoncela, dinucela, dinuciña, dolosiña, dona, dona das paredes, donexina, doniña, doniña, donirla, donisela, donociña, donosiña, donuciña, dunicela, farridiña, garridiña, gunicela.

Crenzas sobre a donicela

Crese que no pasado foi domesticada e que facía o traballo dos gatos nas casas, aínda que era bulideira demais e estragaba os utensilios da casa. Dise que é moi velenosa, que o seu alento ou bafo é perigoso, e que a súa mordedura mata de contado, o que confirma así o refraneiro:

-Se te morde a donicela, busca camisa pra terra.

-Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañán che darán terra.

-Se te roe un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roe a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.

-Donicelas a trabar, campaíñas a tocar.

No "Cancioneiro da Terra Chá (Pol)" (1980), de Isaac Rielo Carballo, dise que para encirriquitala e adoecela dinlle: Dunicela fea, fea feixe de palla, cu de caldeira, fai un burto na lareira Se a donicela morde o ubre dunha cabra ou dunha vaca, estas deixan de dar leite. De sentirse cercada, salta á cara ou ao pescozo das persoas. Persigue, sobre todo, ás mulleres. É especialmente agresiva coas persoas que visten con roupas vermellas ou coloradas. En xeral, a xente trata de afastala das casas, aínda que parece que hai sitios que, pola contra, consideran beneficioso ou de bo sino que anden arredor das vivendas. Para afastala das vivendas quéimanse gomas. Se a morde unha víbora, a donicela busca a planta chamada saramago, come follas, restrégase coa planta e queda nova. Dise tamén que despide un olor moi fedorento, que usa para apartar de arredor dela a cans e gatos. Se lle dis: Donosiña, garridiña! ou Donicela bonitiña!, balancease fachendosa. E se alguén fala mal dela, seica o persigue sen descanso.

Curacións

A cataplasma feita coas cinsas da donicela sirve para curar as dores de cabeza e as cataratas. Para que un can deixe de ladrar hai que darlle a comer o corazón e a lingua dunha donicela.

A donicela nas fábulas de Esopo

Nunha das fábulas atribuídas a Esopo, o enigmático autor grego do s. VII a. d. C. . nárrase unha protagonizada pola donicela. Unha donicela que se namorou dun mozo pediulle á deusa Afrodita que a transformase en muller. A deusa, compadecida, metamorfoseouna nunha moza irresistible, tanto que o mozo ao vela tamén se namorou dela. Cando a parella estaba na cama, a deusa Afrodita botou un rato no medio do cuarto, pois quería saber se a donicela mudara de costumes despois da muda do corpo. Pero a moza conservaba o instinto animal, así que se tirou da cama e botou tras do rato para comelo. A Afrodita non lle gustou o comportamento da donicela e devolveuna de contado ao seu estado anterior. Dise na moralexa desta fábula esópica que así sucede cos que son malos por natureza, que aínda que cambien de estado, non cambian de carácter.

Outras curiosidades sobre a donicela

No “Libellus de medicinalibus indorum herbis” da autoría do médico indíxena náhuatl Martín de la Cruz, máis coñecido como “Códice Badiano” por ser traducido desde a lingua dos náhuatl ao latín por Juan Badiano, fálase da curación dos epilépticos dándolles a comer cerebro cocido de donicela e de raposa. Desde Aristóteles e en moitos bestiarios medievais recóllese a crenza de que a donicela concibe pola orella e pare pola boca. Tamén os hai que contan ao revés; que concibe pola boca e que pare polas orellas. Tamén se di que usando herbas é quen de resucitar aos fillos. A donicela é o único animal capaz da dar morte ao temible Basilisco, aínda que tamén pode morrer no intento.

©AReigosa


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Se te morde o alacrán chama o cura e coce pan.
Se te morde a doncella chama o cura e encende a vela.

Enviado por Oino cando activa en Ansede (Guitiriz) o 06/09/2024 ás 12:22:59


Enviar comentario a este artigo: