Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Meigallos en Centroña e o demo no Breamo

Unha persoa botou ovos nunha leira dun veciño co que estaba a mal. O trigo que alí sementara saíu "caruncho" (é dicir, estragado).
Unha das maneiras de lle facer dano físico a unha persoa era procurar pelo dela, facer unha bóla e cravarlle alfinetes.
Nunha ocasión, un "Sabio Curandeiro" (facíase chamar dese xeito) díxolle ao pai dunha tía da persoa que isto me contou: "Vostede está ameighado por unha nai (a súa ex noiva) e a súa filla polo que ten que poñer os Evanxeos".
O home non lle fixo caso ao "Sabio Curandeiro" e aos poucos días morreu.

Un tío da miña informante, acompañado por outras dúas persoas, subiron un bo día ata igrexa románica de Breamo, no concello de Pontedeume (A Coruña) (cunha lenda de Templarios) coas roupas dunha veciña que estaba doente para quitarlle o "mal de ollo" (dicíase que estaba enmeigada).
Cando estaban a dar as sete voltas á igrexa, como manda a tradición, apareceu un home que tiña uns arrepiantes dentes longos botando lume pola boca. Segundo os horrorizados penitentes, era o demo.
Ambas informacións proceden de Centroña, concello de Pontedeume (A Coruña).

[Información achegada por Pilar Carpente Leira e elaborada por Xabier Moure Salgado, en abril de 2013]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: