Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A bruxa do Monte da Peneda

No cumio do Monte da Peneda, situado nos lindes dos concellos de Redondela e Soutomaior (Pontevedra) hai unha capela barroca dedicada á Virxe das Neves. A capela construiuse sobre as ruínas do castelo de Castrizán, mandado construír polo arcebispo Fonseca e foi destruido por Pedro Madruga; o castelo, á súa vez, fora asentado sobre as ruínas dun castro.
Desde o castelo de Castrizán había un túnel con tres posibles saídas ou entradas; unha no castelo de Soutomaior, outra na Ponte do Canal e a terceira en Pontesampaio. Estes túneles foron de grande axuda para envíar reforzos ao xeneral Morillo cando a defensa contra o francés na sonada batalla de Pontesampaio. A boca de entrada deste túnel na Peneda queda un pouco máis abaixo da muralla que circunda a ermida e o curuto do monte.
A Virxe das Neves da Peneda, visítana especialmente o 5 de agosto e o luns de Pascua, é abogosa contra danadas de “bocado” ou ameigadas e embruxadas.
Para curar acudían ao santuario e no momento de alzar laiábanse:
—Que me aperta!
Entón os acompañantes aproveitaban para preguntarlles:
—En que cho deron?
E ela respondía se fora nun anaco de pan, nunha bebida ou noutra comida. E insistían:
—Quen cho deu?
E a enferma case sempre respondía:
—Non o poido dicir!
Mentres, un home pasaba as reliquias da santa envoltas nun pano polo pescozo da enferma e dicíalle:
—Bótao fóra!
Era sinal de cura que a doente vomitase pelos e mesmo agullas pola boca.
Unha vez estaban practicando o ritual cunha enferma e cando lle preguntaron: Quen cho deu?, a muller quería dicilo pero non puido, pois unha bruxa que estaba na igrexa, e que fora a causante do mal, pasáballe unha vela por diante da boca para que non o puidese dicir.
A xente que estaba presente e que se deu conta do que estaba pasando colleron á bruxa polos pelos e arrastrárona ata o adro da igrexa. Seica daba berros coma os dunha raposa. Xuntaron leña e botárona enriba do lume para que ardese.
Hai quen di que alí morreu, queimada, e hai quen di que foi quen de fuxir monte abaixo dando saltos coma as galiñas.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: