Sobre as bruxas en Listanco
Listanco é un lugar da parroquia de Armeses, concello de Maside (Ourense). Entresacamos do traballo de A. Fraguas que se cita ao final, estas notas sobre as bruxas.
Dise alí que atravesan os camiños, que viaxan polo aire alumeando en tres ringleiras e na procura de xente para importunala.
Unha noite ían tres amigos por un camiño e escoitaron uns berros que non sabía de onde saían. Como supoñían que podía ser cousa de bruxas, decidiron continuar andando caladiños pero xa cando estaban a punto de chegar ás súas casas un deles asubiou. Nese momento as bruxas erguérono no aire, levárono a un campo e preguntáronlle se quería andar polo aire ou pola terra aquela noite. Como o home escolleu ir polo aire levárono ata o río Miño e tivérono toda a noite no medio da auga. Pola mañá cedo abandonárono no adro da igrexa.
Outro caso. Un home viña de traballar de lonxe e traía as ferramentas nun saco. Cando chegou á casa faltáballe o saco e volveu buscalo. Foron varios buscar, sabedores de que as bruxas tratarían de despistalos como así foi. Seica andaba polas bandas da estrada tocando e azuando como se levaran unha besta. O home dixo que debían ter medo para amolar as bruxas e cando atoparon o saco en Barbantes, deixaron de escoitar aquel estarabouzo.
Un home atopou as meigas (bruxas) no camiño pero entraron con el na casa e mazárono canto quixeron ata que lle puxeron un rosario bendicido.
Aínda que se avistan preferentemente de noite, tamén hai quen di que as viu polo día, queimando toxos e bailando arredor do lume. Despois comprobábase que non había nada queimado.
San Silvestre protexe contra as bruxas; invocándoo evítanse estes problemas.
[Antonio Fraguas: “Do folk-lore de Armeses-Listanco”. Nós. Boletín mensual da cultura galega, nº 96, páx. 221-227, 15 de Nadal de 1931]
COMENTARIOS ENVIADOS