O dentón
O dentón, tamén coñecido como cornecho, caruncho, grao de corvo, comecello, cornello, comello, cornizó e cornecelo (en galego), dente de cao e cravagem de centeio (en portugués), cornezuelo (en castelán) e ergot (en inglés e francés) é un fungo parásito (Claviceps purpurea) que medra na espiga do centeo e tamén na do trigo, aínda que en menor medida.
Considerase causante de enfermidades coñecidas por diferenes nomes: Ergotismo, Fogo de San Antón, Fogo Sagrado, Mal dos ardentes, Mal do pan, Fogal, Fogaxe, Fogardente, Culebrilla, Mal do fogo e Fogo airado, pois, por descoñecemento das consecuencias da súa inxesta ten provocado graves intoxicacións (agudas e crónicas) con efectos convulsivos e gangrenosos, moitas veces con resultado de morte, e que chegaron a afectar a pobos enteiros. Ademais de provocar alucinacións e fortes dores, pode causar nos casos máis graves o desprendemento de membros do corpo.
O cornecho ía no grao e cando se moia e se cocía a xente comíao o que provocou moitos episodios que eran atribuídos ás bruxas na Idade Media e estaban en relación co seu consumo. O famoso proceso das bruxas de Salem, Massachussets (USA), no s. XVIII, no que se condenaron 25 mulleres a morte, acusadas de pactar co Demo, cando en realidade posiblemente estaban intoxicadas con dentón.
En Europa non se coñeceu a súa existencia ata o s. XVI e no s. XVII comezou a usarse en medicina. Entre os usos medicinais serviu para acelerar partos (tomado en infusión provoca contraccións no útero), para deter hemorraxias e provocar abortos; os chineses xa o usaban desde antigo nos partos.
O botánico Decandolle foi en primeiro que o identificou como un fungo en 1802. A partir de mediados do s. XIX, o fungo converteuse nun medicamento grazas a científicos como o francés Bonjean que descubriu que era útil para deter as hemorraxias.
Este uso, provocou un gran negocio polo que se chegaron a pagar grandes cantidades de diñeiro pois o dentón galego era moi apreciado no mercado, como se recoñecía en 1912 na revista American Druggist.
En Galicia, primeiro o Instituto Bioquímico Miguel Servet, de Vigo (cun produto chamado Pan Ergot), e logo Zeltia, fabricaron numerosos produtos medicinais co dentón, que se converte así no principal motivador do desenvolvemento da industria farmacéutica galega.
O Fogo de San Antón ou Fogardente
O Fogo de San Antón foi unha doenza que afectaba só aos pobres, especialmente en épocas de fame. Producía feridas, costras, pústulas na cara e noutras partes do corpo.
Os que comían pan contaminado con dentón sufrían convulsións, espasmos e 'bailes‘; os pés e mans inchábanlles, tinguíanse de azul escuro as manchas, con dores semellantes as das queimaduras. Chegábanse a desprender mans, pés e pernas ata a morrer o doente ou quedar mutilado.
Segundo crenzas populares padecíana os que vestían roupa que estivese secando ao sol, se por enriba dela pasase o animal que a pode causar (lagarto). Dise que comeza como unha erupción nas costas e que se expande pola corpo; se os extremos se chegan a xuntar no peito da persoa doente, se chega a "cerrar a fogardente“, non hai remedio posible para a súa curación.
Para evitala, en Laza collían un anaco de pedra e batíano con outro de metal, procurando dirixir as faíscas que se producen cara a zona enferma, mentres se recita un ensalmo. Faise nove veces durante nove días e o doente debe permanecer en silencio.
Outro método consiste en coller terra e poñela envolta nun pano xunto con unto de porco branco. Tres veces ao día, tres días seguidos, mudando o unto cada día.
Outro consiste en que o doente colla un prato con terra na man dereita, e facer nela cunha navalla unha cruz, mentres se reza. Tamén se usaba terra de toupa que non fose pisada por galiñas.
O abate Huges Capet fíxose célebre porque curaba aos enfermos que peregrinaban a Notre Dame alimentándoos con pan de centeo bendito (e sen dentón). Mais cando regresaban e volvían a comer pan contaminado, recaían.
A Orde dos Antonianos
O Fogo de Santo Antón foi a enfermidade que deu orixe á Orde dos Antonianos, primeiro como fraternidade laica e logo, s. XII, como orde relixiosa que nace para atender os enfermos e que desaparece cando se erradica este mal a finais do s. XVIII.
E é que esta doenza terrible se cría causada por castigo divino aínda que, en realidade, contraíase tralo consumo de pan de fariña de centeo contaminado co fungo chamado dentón.