Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Maruxa, o muíño e o trasgo

No camiño entre Santo André e Lama da Vila, concello de As Nogais (Lugo),  baixa un regueiro onde noutro tempo houbo algúns muíños. Un destes muíños traballaba día e noite para que moeran os veciños que viñan dende os pobos dos arredores. Tal foi o caso de Maruxa, unha muller de Lama da Vila que á atardecida dun día do mes de decembro, con forte vento e mesta choiva, sentou a carón da lareira para quentarse e secar o empapado vestido á espera de que rematara a moenda. 

O muíño, do que aínda se poden ver as súas ruínas, era un edificio escuro cuxa única claridade a proporcionaba a luz que entraba por dúas pequenas bufardas polo día e polo lume da lareira durante a noite. 

Pola medianoite entrou no muíño un home moi alto, cuberto por unha capa negra e unha carapucha que, entre a penumbra, non lle permitía a Maruxa verlle a cara para saber de quen se trataba. O descoñecido sentou nun escano fronte a muller e comezou a sacar alimachas (lesma, limacha) dun cesto e a cravalas nun espeto. Morta de medo, Maruxa miraba para o home mentres asaba no lume as alimachas. Despois dun chisco, o estraño púxose a comelas. Foi entón cando Maruxa puído ver uns dentes desfigurados e longos. Mentres o miraba atemorizada, unha voz que semellaba vir do inferno saíu da gorxa do home: "Asadas e revoltas, Maruxiña... Queres delas? Maruxa, presa polo pánico, liscou do muíño, correndo ás escuras polo camiño da Senra e deixando detrás dela a moenda na moxega e a besta no alpendre do muíño, fuxindo o máis rápido que lle permitían as súas pernas para afastarse do trasgo.

[Texto remitido por Xabier Moure Salgado, de Becerreá (Lugo). Marzo de 2015]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: