Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

[Conto Tipo 1676 C] Xan de Branco

Contan que había un home chamado Xan, da casa de Branco, e a carón da casa había un pequeno horto no que salientaba unha gran figueira que na súa epoca botaba uns figos moi doces.
O Xan aínda que tiña sona de ter pouco brío, non puido soportar que dun día pra outro desapareceran os figos da figueira sen outra explicacion que as visitas que pola noite lle tiñan que facer algúns dos rapaces da aldea.
Foi por iso polo que decidiu poñer garda permanente á figueira, pra o que colleu a escopeta de caza e con ela ao lombo subíu á figueira con intencion de pasar alí o resto do día e tamén a noite.
Os rapaces, dirixidos por dous estudantes do lugar veciño, argallaron darlle un escarmento a Xan e pra iso, cando se fixo noite pecha, reunironse, provistos de sabas e velas, nunha capela antiga, abandoada desde o tempo dos mouros que habia preto do lugar.
Alí agardaron ata que o vento, a friaxe e os ruídos da noite empezaran a afrouxar o ánimo de Xan. Cando viron chegado o momento, os rapaces botaron por riba deles as sabas, puxeron lume ás velas e saíron en procesion cara a o horto de Xan.
Xan ao ver vir aquel lucerío talmente cavilou na Santa Compaña, e máis aínda cando escoitou as voces que saían dos procesionarios:
—Antes que eramos vivos comiamos destes figos!
–Agora que estamos mortos andamos por estes hortos!
–Anima cándida que vas na dianteira...
–Cólleme a Xan de Branco que está na figueira!
Ao escoitar isto último, o Xan deixou caer a escopeta, tirouse da figueira abaixo botando a correr pra casa e meteuse nela cerrando e atrancando todas as portas.
Namentras, os rapaces tiraron as sabas ao chan e botaronse a rir brincando cos figos que quedaban na figueira; e alí, entre gargalladas, deron boa conta de todos eles.

[Conto recompilado da tradición oral por Fernando Vázquez González (A Coruña), en Friol (Lugo), arredor da sexta década do século XX]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: