Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

[Conto] A aventura de dous arrieiros

Dous arrieiros que eran veciños atopáronse nunha corredoira cando volvían á casa despois dunha viaxe, e continuaron camiño xuntos. Pasaron por unha aldea e sacaban o defunto dunha casa que ben coñecían, porque era un mesón ó que adoitaban ir. Viron como a dona saía chorando e laiando:
-¡Ai, meu home, meu homiño, tan bo como era!
Morría coa pena.
-¡Pobre muller! dixo un dos arrieiros ¡Que pena ela ten!
-Mira, esta mesma noite xa durmo eu con ela -díxolle o outro.
-¡Que vas durmir!
-¿Xógas a mula?
-Xógocha.
-Pois xa está.
-¿E se perdes?
-Douche o cabalo pedrés.
-Non, home, sería coma roubarcho.
-Non esteas tan seguro. ¿Vai a aposta?
-Por min, vai.
Logo que a señora volveu do enterro e quedou soa no mesón, foi onde ela e díxolle:
-¡Ai, señora, se me dera pousada, que veño de lonxe e quería pasar a noite aquí!
-Pero non podo, que aínda hoxe enterrei o meu home.
-¡Muller, non me irá deixar quedar fóra!
-¡Ai, non lle podo, non lle podo! ¿Que vai dicir o mundo?
-¡Boh!, o mundo sempre di, se quere -contestou o arrieiro.
-¡Ai, meu home! -dixo a muller-. Pase, pero que non se repita. Mañá marcha.
-Ben está.
Meteu o cabalo na corte e subiu. Mentres, o compañeiro levou a mula e quedou escoitando.
Polo medio da noite, empezou o home:
-¡Bruuu, que frío teño nesta cama!
Contestou ela desde o seu cuarto:
-¿Ai, señor, ten moito frío?
Pois teño moito frío, ¡brr, que frío!
Pois mire, póñase aquí no meu cuarto, veña para a miña cama, que nos daremos calor. Pero póñase nunha esquiniña e que non lle vaia dar a tentación, que son viúva recente.
-Gracias, señora. A tentación non ma dá, non se preocupe.
Pero de alí a un cacho volveu:
-¡Brrr, que frío!
-Achéguese máis a min dixo ela.
Achegouse e claro, deulles a tentación, e puxéronse ó asunto. E des que acabaron ela empezou a laiar a berros:
-¡Ai, meu home, meu homiño, meu defuntiño querido, que pecado tan grande, que perdida son, que pronto te ofendín!
E o outro, que estaba nas cortes escoitando, respondeu:
-¡Ai, puta do carallo, e eu que mula perdín!

[Versión literal do conto nº 46 do libro “Contos colorados. Narracións eróticas da tradicón oral galega”, de Xoán Ramiro Cuba, Xosé Miranda e Antonio Reigosa, con ilustracións de Lázaro Enríquez, editado por Edicións Xerais o ano 2001.
L. Carré Alvarellos, no nº 31 de “Contos populares da Galiza”, Porto, Museu de Etnografía e Historia, 1968 e A. Fernández Insuela, co nº 21 de. «Cuentos de la tradición oral de Orense», en Boletín Auriense, XXIII, 1993, ofrécennos cadansúa versión deste conto. Rosalía de Castro elaborou sobre unha versión popular deste conto o seu “Conto gallego”, publicado presumiblemente por primeira vez no “Almanaque Gallego”, Buenos Aires, 1923, moitos anos despois da morte da escritora. Véxase o seguinte traballo sobre este tipo de conto da autoría de Camiño Noia Campos]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: