Literatura oral
Cándido Mato Mato (gaiteiro) e Ermitas Varela Varela (cantareira) , pais dos Garceiras
Fai dúas semanas o Museo da Terra de Melide quixo lembrar a Gabriel Mato Varela, líder dos “Garceiras”, e hoxe queremos lembrar ás figuras dos seus pais, xa que eles foron os que lle inculcaron ós seus fillos a paixón pola música tradicional galega.
Gabriel iniciouse moi novo no mundo da gaita aprendendo do seu pai, mentres gardaba as vacas, e practicando cun vello punteiro con fendeduras arranxadas, e que acaba completando cun fol de carneiro, dun roncón feito dun sabugueiro e dun ronquiño máis cativo.
Hoxe grazas ós traballos de Xoán Ramón Martínez Abalo e de Milo Mosteiro Mato (de quen obtivemos as informacións para esta lembranza), podémonos achegar un pouquiño máis o coñecemento dos proxenitores desa mítica formación de gaiteiros.
Cándido Mato Mato nace un día 13 de maio de 1895, na casa familiar en Tabeira (Gondollín, Melide). Ós doce anos de idade múdase á familia á aldea de Garceiras (Os Ánxeles, Melide), instalándose nunhas casas pertencentes a lugares propiedade da familia Núñez, que segundo Milo Mosteiro deberon formar parte das posesións da Casa Grande de Corbelle.
Anos máis tarde Cándido contrae matrimonio con Ermitas Varela Varela, nada o día 23 de agosto de 1894 na aldea do Ribeiro (Os Ánxeles, Melide), filla do zapateiro Xosé Varela Louzao.
No lugar de Garceiras desenvolve o matrimonio a súa vida, chegando a ter nove fillos en total, seis homes Arturo, Gabriel, Suso, Ramón, Xosé e Milucho), e tres mulleres (Carme, Susa máis unha terceira que faleceu de nena). Os fillos acaban sendo gaiteiros como o seu pai Cándido, e as fillas cantareiras como a súa nai Ermitas.
Dos nove fillos cinco establecéronse no País Vasco e os outros quedan en Galicia (Arturo
marchou para A Coruña; Gabriel durante un ano viviu en Barakaldo, pero retornou a Melide, onde queda como mestre gaiteiro e construtor de gaitas; Suso queda en Melide, na casa paterna, traballando na facenda; Ramón primeiro estivo en Barakaldo e cando se casou estableceuse en Santurtzi; Xosé tamén queda en Melide traballando como zoqueiro e tamén na construción; Milucho primeiro estivo en Santurtzi e logo marchou para Barcelona, onde aínda vive. Respecto ás fillas, Carme e Susa emigran cos seus homes ó País Vasco, primeiramente a Barakaldo, para logo instalarse Carme en Portugalete e Susa despois en Eskoriatza, retornando á Coruña nos anos 80.
A paixón pola música tradicional dos pais esténdese ós fillos, xa que ademais deses seis irmáns gaiteiros e percusionistas, as fillas tamén destacaron como cantareiras como o fora a súa nai Ermitas.
Na actualidade ese amor pola música perpetúase nos seus netos e bisnetos. Dese xeito pode asegurarse que a estirpe Mato Varela foi, é, e seguramente seguirá sendo semente de músicos tradicionais, tanto na Terra de Melide coma en Euskadi, onde seguen a manter viva a nosa raigame cultural. Por iso é de xustiza renderlle homenaxe agradecida a esa saga familiar de talentosos músicos, que levaron e levan o nome da nosa Terra de Melide polo mundo adiante.
O Museo da Terra de Melide agradece a colaboración documental de Milo Mosteiro Mato, posto que boa parte desta información foi extraída dun artigo seu, publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide.
Textos: Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez (25.07.2024)
Foto: Arquivo do Museo da Terra de Melide.
Ermitas Varela Varela e Cándido Mato Mato, pais dos "Irmáns Garceiras", diante da igrexa parroquial de Santa María dos Ánxeles. Cedida por Otilia Mato, filla de Xosé Mato Varela, integrante dos "Garceiras" e neta de Ermitas e Cándido.
Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide