Literatura oral
Ermitas Varela Varela, expoñente melidá do Día das Letras Galegas 2025 (dedicado ás cantareiras e á poesía oral popular)
Como xa foi amplamente difundido nos medios de comunicación e nas redes sociais na edición das Letras Galegas do 2025 vaise render xusta homenaxe ás cantareiras, á tradición e á poesía oral popular galega, como expoñente máximo da transmisión da fala, do cancioneiro e do peso da oralidade na cultura do país.
Dende o Centro de Estudos Melidenses-Museo da Terra de Melide a elección é considerada procedente, xusta e oportuna, posto que sen restarlle entidade e xustificación a anteriores eleccións o certo é que a celebración das Letras Galegas semellaba antollarse coxa ó non ter reparado na pata que decote foi aproveitada como fonte de inspiración tanto no eido da escrita coma no da música de raíz e cerna.
Tamén se valora a traxectoria das figuras escollidas para servir de exemplificación da riqueza e da pluralidade do fenómeno, polo que dende este Museo queremos aportar a idea de que en todo o país se faga un recompilatorio e enaltecemento daquelas mulleres que tanto ben fixeron polo perpetuado do cancioneiro e dos sons herdados.
Así, certamente, é unha oportunidade de gabar a traxectoria de mulleres que cadran e exemplifican ben a escolla das Letras Galegas do 2025. E, nesas coordenadas, resulta unha oportunidade de ensalzar a mulleres desta comarca nosa a “Terra de Melide” lembrando, entre outras, a Ermitas Varela Varela, nada na aldea do Ribeiro (na parroquia dos Ánxeles), no ano 1894.
Ermitas contrae matrimonio co gaiteiro Cándido Mato Mato, de cuxo matrimonio nacen nove fillos, que herdando as dotes musicais dos seus proxenitores acaban, varios deles, por formar unha agrupación de gaiteiros de enorme sona e reputación: os “irmáns Garceiras”.
Salientar igualmente que dúas das fillas do matrimonio de Ermitas e Cándido, Carme e Susa, tamén se destacaron como cantareiras a imaxe e exemplo da súa nai.
Así pois, dende este Museo, consideramos que ademais da Ofrenda Floral ós Ilustres das Letras Melidás, na celebración do 17 de maio do ano vindeiro se poderá artellar un acto complementario no camposanto parroquial dos Ánxeles, para celebrar e rememorar o bo facer de Ermitas na transmisión do noso cancioneiro zonal. Así pois, tratarase de que a idea colla corpo e se materialice sabendo, de seguras, que a implicación familiar non ha faltar.
Ver: Cándido Mato Mato (gaiteiro) e Ermitas Varela Varela (cantareira) , pais dos Garceiras
Textos: Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez (25.07.2024)
Foto: Arquivo do Museo da Terra de Melide.
Ermitas Varela Varela e Cándido Mato Mato, pais dos "Irmáns Garceiras", diante da igrexa parroquial de Santa María dos Ánxeles. Cedida por Otilia Mato, filla de Xosé Mato Varela, integrante dos "Garceiras" e neta de Ermitas e Cándido.
Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide