Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Comparsa: Balbordo no cemiterio (Coplas de Entroido)

Titulo: Comparsa: Balbordo no cemiterio (Coplas de Entroido)
Cuntis 1935. 

Comparsa
Conocemos aquí en este pueblo
a dos valientes señores
que diciendo las cosas muy claras
tienen muy pocos timbales.
Y ustedes tambien los conocen
y ellos se dan de formales
y una "Portuguesa" vieja
le hizo andar en carnavales.

Uno de ellos
de la Argentina
trajo un reloj
con leantina
y de un sustazo
de una gallina
perdió el gallo
todas sus fuerzas
y valentía.

Hubo muchos cuentos
sobre un caminero
que fué al cementerio
para requerir
y la Portuguesa
que lo sabe hacer
si se mojó las faldas
fué de beber.

Tereré tereré tererere...

Tambien el gallo
que estaba haciendo
ca ca ca ca ca
y muy contento
le vino arriba
el caminero
y del sustazo
perdió los zuecos
y el sombrero.

Tereré tereré tererere...

Tengan mucho ojo
queridos amigos
que hasta los valientes
pierden el prestigio
y al cementerio
no vayan buscar
dinero de los tales
que hacen...... callar.

Tereré tereré tererere...

Esta que acabo de reproducir é unha curiosa composición que formou parte das coplas interpretadas pola mocidade local no Entroido de 1935 polas rúas do Baño, que é como popularmente se denomina a capital municipal nas freguesías de Cuntis e, en menor medida, nos concellos da contorna. Como sucede con todas as coplas de Entroido, ten como base feitos reais de actualidade no seu momento, que hoxe pouca xente lembra, e aínda que foi difundida de xeito anónimo, non pode ocultar a pegada satírica tan característica do seu autor, o enxeñoso e simpático panadeiro local Xosé Escariz.

Reproduzo tamén un documento orixinal, que foi escrito a máquina pouco tempo despois daquel célebre Entroido de 1935, en papel impreso, encabezado co anagrama e publicidade da empresa Termas de Cuntis, que foi atopado no sobrado dunha casa hai algúns anos por Dolores Domínguez Fontenla, e no que se reproduce esta copla xunto a outras do mesmo autor, que se interpretaran no mesmo ano. Con todo era unha copla que xa nola recitara e mesmo nola cantara Emilia Couso, veciña de Sete Camiños, que a sabía de memoria. E baixo o pseudónimo ocasional de Dores Fortes elaborara un artigo sobre os feitos Belén Pazos Touriño co título de "Que pasa no cemiterio de Cuntis?", publicado no nº IV da nosa revista cultural A Taboada.
A composición, que leva o título de "Comparsa", aínda é lembrada popularmente polos cuntienses máis vellos do concello. Comentareina de xeito breve.
Os personaxes da historia son un mozo alcumado o Laghoeiro (na cantiga aparece aludido como "un caminero", de feito "peón caminero" sería a tradución exacta do que en galego chamamos "lagoeiro", aínda que máis apropiado e correcto é o termo "legoeiro", pois debe o nome á ferramenta que máis se emprega neste oficio, o legón).
A personaxe principal sería a muller que chamaban a Portuguesa, e por último teríamos ao home alcumado o Capón (na cantiga chámaselle "el gallo"), que ao parecer era un pouco fachendoso e gabábase da fortuna atesourada na emigración americana.
O asunto foi que o Laghoeiro foi onde a Portuguesa, que era coñecida polos seus dotes de meiga, a pedirlle que fixera de medium para falar co seu sogro, que morrera sen dicir onde gardara os cartos que gañara coa venda dunha vaca, e para convencela convidouna a unhas cuncas de viño. Todos os personaxes eran coñecidos veciños do lugar do Porto de Gómez, na propia freguesía de Sta. María de Cuntis.
A Portuguesa indicoulle como tiña que facer para comunicarse co morto e a hora exacta en que tiña que ir ao cemiterio esa mesma noite. O trato era que a Portuguesa cobraría o diñeiro acordado tan só se o morto chegaba a falar, independentemente de que acharan os cartos ou non.
Xa no camposanto, cando o Laghoeiro interpelou ao morto ("Ánxel, onde gardaches o diñeiro da vaca?"), non achou máis resposta que a voz arremedada da pícara meiga que estaba agochada detrás da tumba, e que ceibou un arrepiante brado co que ela mesma quedou aterrada. O susto foi tal que o Laghoeiro saíu correndo desbocado e saltou o alto valado do cemiterio caíndo enriba do Capón, que na parte de afora estaba "cagando de campo", pois viña de abrirlle a auga a unha braña que tiña pola zona e non sabía nada do que estaba a pasar no cemiterio. Os dous fuxiron espantados cada un polo seu lado sen enteirarse moito do que pasara e perdendo algunhas prendas co choque.
Foron contando polas tabernas da vila a historia cada un polo seu lado. Un dicía que caíra enriba dun morto, o outro, que lle caíra un morto enriba. E a propia Portuguesa, que o liara todo, papou un bo susto entre tanta confusión e tanto berro, que mesmo chegou a mexar por ela, pois realmente descoñecía o que pasara. De feito algún xornal reproduciu unha crónica co título de "¿Qué pasa en el cementerio de Cuntis?". Pasado o tempo 
fóronse ensarillando as versións ata que todo foi collendo senso, e serviu de inspiración ao paveiro coplista Xosé Escariz para divertir aos cuntienses no Entroido dese ano. 

             (Ampliar coplas PDF)

                                                                     (Ampliar partitura PDF)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

[Texto e documentos anexos achegados por Marcos Seixo Pastor, de Cuntis (Pontevedra). 31 de xaneiro de 2021]

 

Partitura (PDF)



Comparsa Entroido Cuntis 1935 (PDF)


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: