Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Cen contos

Cantos paralelismos! No escenario doutra terrible pandemia, a da Peste Negra en Florencia e arredores a mediados do s. XIV, Giovanni Boccaccio (1313-1375) propúxonos unha nova idea do mundo na obra que coñecemos como Decamerón. Cen novelles, fábulas ou contos, parábolas ou historias que nos van narrando os dez protagonistas durante a corentena que os afasta do drama causado polo bacilo Yersinia pestis.

A Peste ou Morte Negra, tamén chamada Peste Bubónica polo bubón característico, introduciuna en Italia un barco xenovés que viña de Crimea, expandeuse por Europa e desapareceu en Rusia central sen saber moi ben como a partir de 1352. Atribúeselle unha letalidade de arredor dun cincuenta por cento da poboación. Nos humanos propagárona as pulgas xa infectadas polas ratas. Falta de hixiene, desnutrición por malas colleitas, descoñecemento das causas e, por tanto, dos remedios, multiplicaron exponencialmente o número de vítimas.

Imaxinen os bulos e rumores que circularon. Culpabilizouse á xente pecadora, a bruxas e meigos, incrementáronse os actos relixiosos e destapouse a xenofobia contra grupos diferentes. En 1348 e anos sucesivos foron asasinados milleiros de xudeos por toda Europa ao seren considerados causantes da terrible doenza.

Boccaccio idea unha paraxe bucólica para os dez personaxes principais, sete mozas e tres mozos. Reúneos en Santa María Novella, en Florencia, e fainos viaxar ata un castelo nas aforas da cidade. O tempo de corentena, perfectamnete organizado, cun rei ou raíña alternos que dispoñen os temas de cada xornada, pásano contando historias, cadaquén unha cada día durante os catorce -con descanso obrigado sábados e domingos- que dura o cativerio.

Non hai aquí espazo para analisar con calma a ocorrencia de Boccaccio que, en calquera caso, propón un canto á vida, ao amor e aos praceres como valores sublimes fronte à derrota e á desesperación. Un espazo alleo á civilización urbana, afastado da enfermidade e das miserias humanas no que, ademais, destaca o papel asignado ás mulleres, tanto en número como en opinión, no marco dunha sociedade no que a muller estaba absolutamente sometida aos confinamentos ideolóxicos da cultura da penitencia impostoa pola igrexa e polos poderes dominantes.

Hai quen interpreta o Decamerón como unha parodia dun mundo decadente, avellentado e perigoso, que se confronta cunha proposta de rexuvenecemento e de volta a un tempo ideal.

Se cadra, nesta situación de carencia de saúde e liberdade, agora tamén pode ser bo momento para abstraerse do ruído e cuestionar criticamente o mundo que nos trouxo ata aquí. Non estaría de mais escoitar as voces que claman no deserto pedindo aminorar os efectos do cambio climático, o inhumano desprezo do mundo rico polo esfameado e prepararnos para a seguinte pandemia que vir, virá. Resituarnos nun espazo utópico e recomezar a construír un mundo, senón paradisíaco, si máis xusto e sensato.

E quizais poder chegar a dicir con Boccaccio que o mundo pode ser "un luogo ameno, con gli uccelli che cantano, con colline e pianure verdeggianti".

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 23 de marzo de 2020.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: