Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Contos e historias de raposos (IV)

Estes textos (fábulas, contos e sucedidos) son o resultado dun traballo escolar, complementario da lectura do libro “Memorias dun raposo”, realizado por alumnos e alumnas do IES San Rosendo de Mondoñedo.

Con agradecemento ao profesorado que o impulsou e ao alumnado que recompilou (citados en cada caso) e aos seus respectivos informantes. A ilustración é da autoría da alumna Adriana Morán Currás.

                        

Esta historia contouma unha amiga da miña nai chamada Montse, que vive en Marquide. A ela xa lla contaba o seu avó cando era pequena, dicindo que lle pasara a un veciño pero todos sospeitaban que lle pasara a el.

O home da historia escoitou moito ruído no galiñeiro e cando foi ver o que pasaba encontrouse cun raposo dentro del. Ao parecer, o raposo entrou polas galiñas pero logo non soubo saír.

Cando o dono das galiñas viu o raposo deixouno pechado dentro do galiñeiro e foi por un pao para darlle un bo escarmento.

O home abriu a porta e o raposo, que é moi listo, saltou por enriba del; tirouno e caeu de cu. O raposo saiu correndo e non o viu nunca máis.

[Recollido por: Daniela Lombardía del Pino, 1º A. Informante: Montse, de Marquide, Masma, Mondoñedo (Lugo)].

Había unha vez un raposo que todas as noites ía por unha pita para xantar. Non lle valía unha galiña calquera; el pensaba que unha pita era máis saborosa e máis tenra que unha galiña vella eslamiada.

Un día foi por unha pita ao galiñeiro dun home que mataba miles e miles de raposos, que dicían que un día matara dous dun tiro e que por iso ningún raposo se atrevía a irlle roubar pita ningunha, peor este raposo era novo, impetuoso e arriscado.

O home, que se chamaba Xoán e tiña 67 anos, empezou a aborrecer os raposos cando de pequeno un lle larpara a súa amiga Diana, que era unha pita a que el lle quería moito.

Cando Xoán ía meter as pitas, o raposo aproveitou para agocharse no galiñeiro e agardar alí a que entrasen, sabedor de que, de facer algún ruído, Xoán podía pillalo. Entón, o galo Pitágoras que, precavido, xa entrara primeiro, dándose conta da presenza do raposo púxose a cacarexar axoutado. Xoán entrou para ver que pasaba e atopou o raposo Pillapitas. E díxolle:

—Que fas aí, lerchán?

O que fixo Xoán foi coller a súa escopeta para dispararlle, pero velaí que a escopeta non tiña cartuchos, e o raposo botou a correr. E nunca a aquela casa volveu nin a outra ningunha. Pensou que era mellor pillar pitas do monte!

[Texto de: Iván Cedán Verdes].


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: