Literatura oral
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Contos e lendas arraianos
José Rodríguez Cruz (Autor/a) e Pilar Sevillano (Ilustrador/a)
Os contos e lendas tradicionais constitúen un dos tesouros máis interesantes do patrimonio cultural popular. Transmitidos de boca en boca ao longo das xeracións, en moitos casos ao longo dos séculos, son manifestacións artísticas da fantasía colectiva e conteñen un reflexo dos medos, as esperanzas, o humor ou os soños dun pobo.Coa desaparición da sociedade campesiña tradicional e os seus modos de vida pérdese tamén a requintada arte do conto que se transmite de palabra, pois desaparecen os escenarios onde se producía a súa transmisión activa.Nesta obra, José Rodríguez Cruz recolle materiais narrativos diversos (contos, relatos e lendas) da tradición oral popular no territorio suroriental galego, nos concellos da Gudiña, A Mezquita e os seus arredores, na raia galego-trasmontana e na veciñanza das terras de Viana do Bolo.Organizada tematicamente, esta colección de narracións, froito dun demorado traballo de campo, salva do esquecemento os vestixios da antiga tradición dos contos populares, parte inseparable da identidade cultural galega.
JOSÉ RODRÍGUEZ CRUZ (A Gudiña, 1956) centra os seus traballos de investigación etnográfica e histórica preferentemente en áreas do sueste da provincia de Ourense e a ambos os dous lados da raia galego-portuguesa. Da súa autoría son, entre outras, as publicacións “Máscaras de Entroido no Surleste Ourensán” (1998); “Así falan na Gudiña” (2000); “Trazos sobre a vestimenta tradicional no Surleste de Ourense” (2004) ou “A festa dos Maios en Marín” (2014), xunto con Clodio González Pérez, ademais de participar noutras obras de carácter colectivo como “Un futuro para a lingua” (2002), “Palabra por palabra, contos da Policía” (2003), “As Caras do Entroido Ourensán” (2009) etc.Tamén colabora asiduamente en xornais e revistas culturais como “O Sil”, onde publica desde hai tempo artigos relacionados co espazo fronteirizo que xebra Galicia e Portugal na súa sección «Crónicas Raianas».O seu labor de investigación sobre a vestimenta tradicional galega foi recoñecido co 1º Premio Antonio Fraguas nos anos 1998, 2002, 2003, 2005, 2010 e 2014 e co 2º Premio de Investigación Raigame da edición de 2007.