+ datos biográficos
NOTAS BIOGRÁFICAS
Nacín en Zoñán (Mondoñedo, Lugo) e alí, sendo neno, tratei cos mouros do castro veciño, aprendín a coñecer os encantos que sementan a néboa desde o curuto da Pena da Roca e, aínda que nunca o conseguín, intentei moitas veces botar a rolos polo mundo abaixo unha grande rocha chamada Pena Morcán que se mantén erguida en sorprendente equilibrio. Destas e doutras experiencias da miña infancia venme, creo eu, a miña querenza pola fantasía popular.
* * *
Antonio Reigosa Carreiras (Zoñán, Mondoñedo, 15 de agosto de 1958).
Xubilado. Foi funcionario da Deputación de Lugo desde 1982 a 2023, onde ocupou os postos de Vixilante-guía, Guía do Museo Provincial de Lugo, responsable TIC é coordinador de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística Provincial.
Cronista oficial de Mondoñedo desde xaneiro de 2015.
Escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular, da literatura popular tradicional e da cultura oral de Galicia.
Foi vogal responsable da sección de Literatura de Tradición Oral e membro do Consello directivo da AELG desde 2007 a 2022
Coordinou o proxecto Polafías da AELG, desde 2008 a 2022 (con Isidro Novo ata 2018 e desde entón ata 2022 con Lois Pérez).
Coordinou o proxecto Mestras e Mestres da memoria creados para documentar e divulgar os valores da oralidade e da cultura popular (con Isidro Novo desde 2013 ata 2018 e desde entón ata 2022 con Lois Pérez).
Coordinou as Xornadas de Literatura de Tradición Oral da AELG desde 2008 a 2022 (con Isidro Novo ata 2018 e desde entón ata 2022 con Lois Pérez).
Coordinou a revista oral do San Froilán de Lugo, Letra das Festas, desde 2011 a 2022 (con Isidro Novo ata 2018 e desde entón ata 2022 con Lois Pérez).
Cofundador, con Mercedes Salvador, Ofelia Carnero e Xoán R. Cuba, do Grupo de Investigación Etnográfica Chaira (Premio 15ª edición dos Encontros na Terra Cha da As. Cultural Xermolos) cos que realizou numerosos traballos de campo en diferentes concellos da provincia de Lugo: Abadín, Vilalba, Begonte, A Pontenova, Chantada, A Fonsagrada.
Creador en 2005 e coordinador da enciclopedia virtual Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com).
Coordinou as revistas orais “O pazo das musas” (Museo Provincial de Lugo) “A voz dos carraos” (Museo Provincial do Mar, San Cibrao, Cervo, “Castronela” (Museo Fortaleza San Paio de Narla, Friol) e “A voz dos lemavos” (Museo Pazo de Tor).
Como membro do Colectivo Mondoñedo É... (xunto con Fran Bouso, Francisco Piñeiro e Miguel Souto) coordinan o recital poético-musical "Mondoñedo é poesía" desde 2015 ata 2022 e o Premio Mondoñedo10.
Colaborou e preparou guións para emisoras de radio e TV como RNE-Galicia, Radio Galega (serie Galicia Encantada, 2007-2008), Radio Lugo-SER, TVG (programa Visións).
Escribe artigos en diversos medios impresos como La Voz de Galicia, A Peneira, Xornal de Galicia, Galicia-Hoxe, Leer, Murguía, Fadamorgana, Culturas populares, Circular polo Saviñao, Croa, Boletín do Museo Provincial de Lugo, El Progreso… ou para outras publicacións como Manuel María (Ophiusa-Xermolos, 2001); Cultura tradicional e desenvolvemento rural (Xunta de Galicia, 2006); I Encontro Iberoamericano de Museos Pedagóxicos e Museólogos da Educación (MUPEGA, 2008); Actividades e recursos educativos dos Museos de Galicia, (Toxosoutos-Nova Escola Galega, 2008)…
É autor de unidades didácticas para o MPLugo, colaborador habitual da Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte nas Ondas”. Participou en proxectos como Boas noites (2007), obra de teatro da compañía Berrobambán para o que elaborou a guía didáctica interactiva Pasamedos. Coordinou con Helena Zapico o monográfico “Literatura oral e educación” publicado na Revista Galega de Educación, nº 41, 2008. Participou en proxectos como La memoria de los cuentos (2009), libro e documental baixo a dirección de Antonio Rodríguez Almodóvar, Antropologías del miedo (2008), publicación coordinada por Gerardo Fernández Juárez e José Manuel Pedrosa, Queres que cho conte? (2011), proxecto de dramatización do conto oral de Palimoco Teatro coordinado por Paloma Lugilde, ou no extraordinario do Boletín de Literatura Oral "Los paisajes de la voz", ano 2017, co artigo "Fortuna de los géneros narrativos orales en Galicia".
En 2014, xunto con Suso Barral e Gonzalo Abuín, crean o xogo ARDE LUDUS. O xogo do Lugo romano.
LIBROS: ENSAIO
En coautoría co Equipo Chaira (Mercedes Salvador, Xoán Cuba e Ofelia Carnero) publicou Polavila na Pontenova. Lendas contos e romances (Deputación de Lugo, 1998) e Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín (Museo Prov. de Lugo, 2004).
Con Fernando Arribas e Xoán R. Cuba a Guía do Museo Provincial de Lugo (Museo Prov. de Lugo, 2003).
Con Fernando Arribas Museo Pazo de Tor. Guía ilustrada (Rede Museística, 2018).
Participou en numerosos libros colectivos, entre eles Ninguén está só (Amnistía Internacional-TrisTram, 2001); Narradio. 56 historias no ar (Xerais, 2003); Contos para levar no peto (Xerais, 2001); Contos da Policía (Ir Indo, 2003); Contos de ogras, aventuras, baladas e piratas(Xunta de Galicia, colec. “Lagarto pintado”, 2006); Contos de medo no museo (Museo Prov. de Lugo, 2000) e Choven palabras no futuro (25 anos Gálix, 2014).
É coautor con Xosé Miranda e Xoán R. Cuba de ensaios e libros de referencia como o Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1999 e 2003 en castelán), Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral (Xerais, 2001), Pequena mitoloxía de Galicia (Xerais, 2001); Antoloxía do conto de tradición oral (Xerais-La Voz de Galicia, 2001) e dos 20 tomos da colección de contos de tradición oral “Cabalo Buligán” (Xerais, 1998-2004, I Premio Frei Martín Sarmiento 2003 polo tomo “Contos de parvos e pillos).
Con Xosé Miranda escribiu Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo (Xerais, 2002), e os tomos 1 e 2 da colección “Lendas de Galicia” que levan por título Arrepíos e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror (Xerais, 2004) e A flor da auga. Historias de encantos, mouros, serpes e cidades mergulladas (Xerais, 2006).
En 2015, publica Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías (Edicións Xerais).
En 2016 coordinou con Isidro Novo o libro Memorias do San Froilán, un traballo de fonte oral e autoría coral editado polo concello de Lugo na colección “O San Froilán dos devanceiros”.
En 2017, publica Celebración de Mondoñedo. Pregóns, estampas, retratos e artigos varios (2006-2016), (Ed. Embora).
En 2020, publica Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan, ilstracións de Noemí López (Edicións Xerais), Contrahistorias de Galicia (Ed. Embora), ilustracións de Rita Gutiérrez, e Cen historias máxicas pola Mariña encantada (Lar Libros), con ilustracións de Neira Brochs.
En 2021, publica Episodios Mindonienses, (Ed. Embora) e Letra das festas. A revista oral do San Froilán, en coautoría con Lois Pérez. Ed. Concello de Lugo, colección “O San Froilán dos devanceiros”.
En 2022, publica Lugo de lenda, (Ed. Embora).
LIBROS: NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL
No campo da narrativa infantil é autor de Memorias dun raposo (Xerais, 1998-Premio Merlín, 1998 e Finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1999), Resalgario (Xerais, 2001-Premio Raíña Lupa, 2001), O galo avisado e o raposo trampulleiro (Xerais, 2003), Bacoriño (2004), A raposa no galiñeiro (Museo Provincial de Lugo, 2004), A noite dos pesadelos (Tambre, 2006), A escola de Briador (Everest, 2006), O polimacho e outras criaturas (Tambre, 2008), Os dous irmáns e outros contos populares do antigo Exipto (Morgante, 2008), Lu e Go pola muralla (Obradoiro, 2010). É autor dos álbums ilustrados por Noemí López Guía ilustrada da Galicia invisible (Xerais, 2010) e Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal (Xerais, 2011) (Premio Fervenzas Literarias a Mellor Portada de LIX 2011). Séguenlle Cuentos y leyendas de Galicia (Anaya, 2012), ilustrado por Joaquín París; O aprendiz de home do saco (Xerais, 2013) con ilustracións de Marta Álvarez, Lendo lendas, digo versos (Xerais, 2015), en coatoría con Antonio García Teijeiro e ilustracións de Xosé Cobas (Premio Mellor Iniciativa Bibliográfica na I GALA DO LIBRO GALEGO e LISTA DE HONRA IBBY) e O raposo aviador que voa sen motor (Xerais, 2019), ilustrado por Laura Cortés.
INVESTIGADOR
Membro do “Comité de Expertos en investigación de campo” do proxecto Corpus de Literatura Oral.
PREMIOS
– [2021] Premio Follas Novas do Libro Galego 2021, modalidade 'Proxecto literario na rede' para a web Galicia Encantada.
– [2021] Premio Follas Novas do Libro Galego 2021, modalidade 'Libro ilustrado' para Contrahistorias de Galicia polas ilustracións de Rita Gutiérez.
– [2019] Finalista coa web Galicia Encantada (+), dos Premios Gala do Libro Galego, modalidade "Proxecto literario na rede".
– [2018] Finalista coa web Galicia Encantada (+), dos Premios Gala do Libro Galego, modalidade "Proxecto literar io na rede".
– [2018] LISTA DE HONRA DO IBBY con “Lendo lendas, digo versos” (en coautoría con Antonio García Teijeiro, ilustracións de Xosé Cobas),
–[2016] Premio Mellor Iniciativa Bibliográfica na I GALA DO LIBRO GALEGO por “Lendo lendas, digo versos” (en coautoría con Antonio García Teijeiro, ilustracións de Xosé Cobas).
–[2015] Homenaxe a Galicia Encantada do Festival Atlántica.
–[2013] Premio Irmandade do Libro (XXII edición), modalidade Fomento da Lectura, da Federación de Libreiros de Galicia, pola web Galicia Encantada.
–[2006] Premio de Comunicación da Asociación Cultural “María Castaña” pola web Galicia Encantada.
–[2005] Gañador do I Premio Frei Martín Sarmiento aos mellores libros do ano 2003 concedido pola Federación Española de Relixiosos da Ensinanza-Centros Católicos en Galicia (FERE-CECA Galicia) por Contos de parvos e pillos, escrito en colaboración con X. Miranda.
–[2004] Finalista do Premio Pura e Dora Vázquez de Creación Literaria, Excma. Deputación Provincial de Ourense, con A noite dos pesadelos.
–[2003] Lucense do ano 2002 (xunto con Xosé Miranda e Xoán R. Cuba), concedido pola Asociación de Prensa, Radio e Televisión da provincia de Lugo.
–[2000] Gañador do III Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, Deputación Provincial da Coruña, por Resalgario.
–[1999] Finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil do Ministerio de Cultura por Memorias dun raposo.
–[1999] Gañador do Premio Supernova de Literatura Infantil e Xuvenil, concedido por Televisión Lugo.
–[1998] Gañador do XIII Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil de Edicións Xerais de Galicia por Memorias dun raposo.
– [1989] 2º no Premio no XVIII Certame Literario Meigas e Trasgos, Sarria (Lugo), por A Promesa.
–[1989] Gañador do Premio do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho, Asociación Cultural O Facho, A Coruña, por O sumidoiro calacarrúas.
–[1988] Finalista (con Cristina Lombao) dos Premios Galicia de Xornalismo, polo programa “Os aventureiros” emitido por RNE en Galicia.
–[1988] 2º Premio no XXI Concurso Breogán de Contos convocado polo Centro Galego de Barakaldo, por Lemobrigo, mago druída.
–[1987] Gañador do Premio Certame Nacional de Artes e Tradicións Populares para Prensa, Radio e Televisión, modalidade Radio, Ministerio de Cultura, por “O mal de ollo”, emitido en Radio Nacional de España.
–[1987] Gañador do Premio Manuel Mato Vizoso, (xunto a F. Arribas e X. R. Cuba), ex aequo, XIII edición, convocado polo concelllo de Vilalba (Lugo), por Cruces, cruceiros e petos de ánimas da bisbarra chairega.
CONTACTO
galiciaencantada05@gmail.com / »» Facebook
Blog persoal "Caderno de campo de Antonio Reigosa"