Literatura oral
Conto: O enterro do home que estaba vivo [ATU-1951: Is the Wood Split?]
Aconteceu en Donis. Ían enterrar vivo a un home moi pobre. Cando o levaban tumbado nunha escaleira cara o cemiterio, atopáronse cun veciño de Corneantes que se encarou coa comitiva.
-Onde levades a este home?
-Imos a enterralo porque por ter, non ten nin para comer –responderon os de Donis.
-Deixádeo, que eu lle darei trigo.
Ao escoitar o ofrecemento, o morto-vivo ergueu a cabeza e preguntou:
-Cocido ou sen cocer?
-En gran –respondeu o de Corneantes.
-Pois que continúe o enterro! –dixo o pobre tumbándose de novo na escaleira.
[Recompilado por Xabier Moure Salgado en agosto de 2011, no concello de Cervantes (Lugo)]