Actualizado en data 16/07/2019

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

O piollo e a pulga

O piollo e maila pulga íbanse casar,
non tiñan padriños nin onde os buscar.
E saleu o rato detra-lo muíño:
"se prendede-lo ghato eu serei padriño".

"Aghora, mi vida, padriño xa temos,
fáltano-la madriña, onde a hallaremos?.

E saleu a ra da súa fonte fría:
"mandaime recado, eu serei madriña".

"Aghora, mi vida madriña xa temos,
fáltano-lo panciño, onde o hallaremos?”

E saleu a formigha da súa formighueira:
"mandaime recado, serei panadeira".

"Aghora, mi vida, panciño xa temos,
fáltano-la carniña, onde a hallaremos?”

Saleu o lobo detrás do valado:
"se queredes carne mandaime recado".

"Aghora, mi vida, carniña xa temos,
fáltano-lo viño, onde o hallaremos?"

Saleu o mosquito do seu mosquiteiro:
"mandaime recado, serei arrieiro".

"Aghora, mi vida, viño xa temos,
fáltano-la cesta, onde a hallaremos?"

Saleu a teupa da súa furada:
"mandaime recado, serei honrada".

"Aghora, mi vida, cesta xa temos,
fáltanno-los manteles, onde os hallaremos?"

E saleu a araña da súa arañeira:
"mandaime recado, serei tecedeira".

"Aghora, mi vida, manteles xa temos,
fáltano-lo ghaiteiro, onde o hallaremos?"

E saleu o ghrilo do seu ghriladeiro:
"mandaime recado, eu serei ghaiteiro".

"Aghora, mi vida, ghaiteiro xa temos,
fáltano-lo danzante, onde o hallaremos?"

Saleu o sapo, como é arroghante:
"mandaime recado, serei danzante".

Estando todos xuntos e todos reunidos,
ceibouse o ghato e comeu ós padriños.

[Texto achegado por Rosa Brañas, de Lugo, en outubro de 2009. Recollido da avoa materna, María Sánchez Tizón (nacida en 1910 en Pedraporral, Teixeiro-Curtis (A Coruña)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: