Literatura oral
Cantigüelas de Bergantiños (VII)
Túa nai anda dicindo
que ti para min eres,
Que te meta nunha xanela
onde non vexas mulleres.
Miña nai é unha probe
e teu pai un vinculeiro ...
¡e inda ti non es o galo
que lle cantes no poleiro!
Tes un traxe azul mariño,
¡un raio de Dios te funda!
tráelo a cada día,
estalo debendo na tenda.
As mulleres son o demo,
atentadas ó pecado :
que lle fan erguer ós homes
o que teñen abaixado.
María mo prometeu,
María mo a de dar :
o prometido é dado,
María non me a faltar.
Tocan as campás de Oca,
repenican as de Traba :
son os mozos de San Xusto,
que veñen de fuliada.
Toca Rus, Sofán e Artes,
Bértoa, Berdillo e Carballo,
Xaviña, Oca e Traba,
San Xusto, Xornes e Tallo.
Fun ás mozas a Malpica,
¿sabedes o que pasou?
Abraceime nunha vella,
¡moita vergonza me dou!
Uns din : ¡viva Lendo!
outros : ¡que viva Lemaio!
eu tamén digo que viva
la tierra donde me hallo.
Salgueiro prende de punta,
abeneiro de raís,
amores que fostes de outros ...
¡para min non me servís!
Adevírtete, rapaza,
co amor que xa foi meu :
agora chúpalle os ósos...
¡que a carne cominlla eu!
Ábreme a porta, rapaza,
senon entro polas tellas,
que quero acabar o neno,
que me faltan as orellas.
O cura que me casou
debía estar borracho :
¡nin siquera preguntou
se era fémea, se era macho!
Almorcei en cas do cura,
hei de volver a xantare :
hai que arrimar á quentura...
¡que non ten, non pode dare!
O cura chamoume rosa ;
eu tamén lle respondín :
Destas rosas, señor cura,
nonas ten no seu xardín.
Cando fun á confesión,
tamén saín como quixen :
o cura non preguntou,
eu tampouco non lle dixen.
O cura que me casou
tamén me puido velare :
se me peta na cabeza...
¡xa me volvo a descasare!
¡Válgame Dios, miña madre,
que desgracia é a dos homes!
Todos andan a pedire,
sexan ricos, sexan pobres.
Andan todos a pedire,
con moita necesidade,
a ver se encontran algunha
que lle faga caridade.
Somos da nosa parroquia,
que non podemos negare :
queremos dar o asalto...
¡ó Peñón de Gibraltare!
Eu caseime pra Mariña
ca filla dun mariñán :
o forno da miña sogra
bota fieita no vran.
Pola mañán dame peras,
ás doce, peras me dan,
a merenda peras solas,
á noite, peras sen pan.
Ó pasar o regueiriño,
díxenche que si, que si :
do regueiriño pasado...
¡sete cornos para ti!
Miña madre tecelana...
¡dame vergonza dicelo!
se o despacho non é grande...
¡fai a conta no nobelo!
[Recompilación de Luis Antonio Giadás Álvarez, de Ponteceso (A Coruña), na bisbarra de Bergantiños, remitida en xuño de 2009]