Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Publicacións

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A flor da auga

Título: A flor da auga.Historias de encantos, mouros, serpes e cidades mergulladas.
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano de publicación: 2006.
Lugar de publicación: Vigo
ISBN: 84-9782-428-8
Colección: Lendas de Galicia, 2.
Autores: Xosé MIRANDA / Reigosa, Antonio.
Ilustracións: Ramón TRIGO.

[Do Limiar, polos autores]
Segundo Eduardo Lence Santar (El Compostelano, 27 de outubro de 1938), «N-o concello de Pastoriza, o día d’o San Joan, ben cedo, fan un ramo de follatos de carballo ou de ramallas de xesta e van con eles c’unha xarra, unha sella ou unha caldeira e, si non hai alí ramo ningún, póñeno e collen auga, a que chaman frol.
A frol d’a yauga é moi estimada. Din que se garda tod’o ano; que axota âs meigas, ô trasgo y-ô mesmo demo e que fai levedar o pan»
Aureliano de Llano Roza de Ampudia (1868-1936), folclorista asturiano, dinos que en Asturias as mozas adornan as fontes con ramas e flores e, mentres non chegan as doce da noite, hora de coller a flor da auga, a cal ten a virtude de desencantar, de curar enfermidades e de dar a felicidade, entretéñense bailando e cantando diante do manancial ou da fogueira:
Que traila, mió vida,
que traila, traila,
que traila, mió vida,
la flor del auga.
Nos lugares onde non esperan a hora de coller a flor da auga vixiando a fonte, a moza que máis madruga coloca na fonte unha rama en sinal de que levou a flor da auga. Cando chega outra moza á fonte e a ve enramada, ten que buscar outro manancial, e outro, e outro máis, ata que enraman todas as fontes da contorna.
Dámaso Alonso conta en El saúco entre Galicia y Asturias, 1946, que en Brañamaior collen bieiteiro o víspora de San Xoán e ao amencer van á fonte; o primeiro que chega deixa o ramallo de bieiteiro e colle a flor da auga.
Da Flor da auga fría fala Eladio Rodríguez no seu Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano, e di que a buscan as mozas casadeiras ao bañárense a noite de San Xoán para recibir as nove ondas prodixiosas das que fai mención este romance de Manuel Murguía:
Madrugada de San Xoán, madrugada a máis garrida,
que baila o sol cando nace e ri cando morre o día.
Onde vai Nosa Señora, onde vai Santa María?
Vai cara á banda do mar, vai cara á banda da ría.
Qué diz a Virxe, que diz, qué dice Santa María
Cal será a meniña, cal, que colla a fror d'auga fría?
Non será dama, nin deuda, que será a princesa Aldina,
a princesa namorada, filla do rei de Galicia.
Non hai outra coma ela, tan feitiña e tan bonita.
c'aqueles seus ollos craros, do color d'auga da ría.
Só ti Aldina serás, quen leve a fror d'auga fría:
Érguete do teu leito nena, ven cara á banda do mar
qu'anque ti soiña veñas tornaras en compañía.
Na torre do real palacio, anque inda está lonxe o día
móvense os liños dun leito, algunha xente s'erguía.
E a princesa dio-la garde! era a moi garrida Aldina
que vai día de San Xoán catar a fror d'auga fría.
Está claro que a flor da auga é a que se colle ao raiar o sol sobre a tona da auga das fontes ou do mar no amencer do día de San Xoán.
Aínda que nisto hai pareceres e algúns opinan que esta flor da auga é unha pinga que trae un paxaro no peteiro e que logo deita nunha flor.
Día de San Xoán, alegre,
meniña, vaite lavar,
pillarás auga do paxaro
antes do que o sol raiar.
Irás ó abrente do día
a auga fresca catar
da auga do paxariño
que saúde che ha de dar.
No libro Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo, Xerais, Vigo, 2002, identifícase ese paxaro como a lavanderia e dise: «Estaba Cristo cravado na cruz e morría coa sede. Os soldados déronlle unha esponxa enchoupada en fel. Mais voaba por alí a lavandeira e, compadecida, levoulle unha pinga de auga no bico. Xesús agradeceullo concedéndolle o poder de facer feliz a rapaza á que lle bote por riba unha gota de auga na mañanciña de San Xoán.»


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: