Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Publicacións

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan

Edición de Antonio Reigosa

Ilustra: NoemíLópez

Edita: XERAIS (ficha editorial + compra)

I.S.B.N.: 978-84-9121-646-9

Un libro para divulgar a nosa cultura popular. Unha manchea de mitos, lendas, ritos, contos, saberes e sucedidos. Unha guía de campo dos lugares singulares. Contos, tesouros, lendas urbanas, prodixios, mitoloxía, pontes, camiños...

+ info: Edicións Xerais de Galicia

 Presentación

Todos os textos que se publican nesta obra proceden da web Galicia Encantada. Enciclopedia da fantasía Popular de Galicia. Son unha pequena parte escollida dos arquivos que se foron incorporando a esta enciclopedia virtual desde a súa creación en marzo de 2005 como o eran os incluídos na obra precedente, Galicia Encantada: o país das mil e unha fantasías (Xerais, 2015).

Con esta Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan, que Edicións Xerais de Galicia pon a disposición dos lectores e lectoras, celebramos o 15º aniversario da web. E así, ao tempo que aproveitamos para agradecer a xentileza de todos cantos colaboran e nos consultan, ofrecemos aquí á xente curiosa das nosas fantasías, unha guía en papel impreso, unha manchea de mitos, lendas, ritos, contos, saberes e sucedidos herdados, transmitidos e compartidos polos nosos devanceiros desde a noite dos tempos; unha oportunidade para relembrar e coñecer unha parte substancial da nosa memoria cultural colectiva.

Trátase, como axiña comprobarán, de relatos que describen mitos ou lendas vinculadas a lugares singulares por razóns históricas, arqueolóxicos, naturais ou culturais, e tras dos que se agochan crenzas e ritos de todo tipo.

Para facilitar a consulta, mesmo a lectura, organizamos o libro en 22 capítulos temáticos, aínda sendo conscientes de que os criterios de adscrición dalgúns relatos a un ou outro campo temático poden resultar discutibles. E é que os contidos desta obra son así, transversais e resistentes a clasificacións ríxidas como a vida das persoas.
Cada capítulo leva un pequeno texto de introdución a modo de avanzada que trata de orientar ao lector menos versado en mitoloxía ou no lendario popular tradicional. Na medida do posible, fuximos de terminoloxías complicadas ou demasiado especializadas pois o gran obxectivo deste proxecto foi desde os seus inicios e segue sendo o de salvagardar, divulgar e atraer ao coñecemento deste campo da nosa cultura popular ao máximo de persoas posible.

Cerramos a parte de contidos cun breve capítulo dedicado aos contos, xénero este da literatura de tradición oral ben diferente das lendas e dos mitos que o preceden, aínda que comparta con eles o interese e a necesidade que sempre tivemos os humanos de comunicarnos contando ou de contar para entendernos.

Nesta ocasión, por se hai quen se entusiasma con algún destes relatos, engadimos unha sinxela proposta didáctica que titulamos Séguelles o rastro! A nosa intención é abrir unha porta ou un estímulo a quen desexe descubrir seres míticos pola súa conta, especialmente na súa contorna pois todos os que aparecen neste libro, e moitos outros que non teñen cabida por falta de espazo, son tan prolíficos que, estamos convencidos, non hai lugar nin parroquia de Galicia que non teña varios de veciños. Claro está, tédeo en conta, tratamos de seres imaxinarios e, por tanto, escorregadizos, que se fan invisibles se o precisan ou por puro divertimento.

Velaí unha mostra, outra máis, da nosa rica mitoloxía popular que agardemos gocen tanto ao ler ou, no seu caso, transformándose en detectives e procurando os seus agochos; que desfruten tanto como nós o fixemos preparando esta publicación ou ao longo destes quince anos que intentamos descubrilos e dálos a coñecer a través da web galiciaencantada.com. Unha web de acceso libre, aberta ao mundo desde Galicia e en galego.

Reiteramos desde aquí o inmenso agradecemento, a impagable colaboración das ducias de persoas que colaboraron e colaboran con este proxecto; sen todos e todas elas non habería posibilidade de chegar ata aquí. Agradecemento que facemos extensivo aos milleiros de visitas que recibiu a web ao longo deste quince anos, desde Galicia, por suposto, pero tamén desde as terras máis afastadas que poidamos imaxinar.
Sabemos que un labor colectivo desta magnitude só é posible desde a xenerosidade e a sensibilidade, desde o convencemento de que o noso patrimonio inmaterial é, como xa temos expresado nalgunha ocasión, a tona da cultura, a pel que a protexe e nos protexe das agresións colonizadoras.

Precisamos coñecelo, coidalo e contalo; e nese empeño seguimos e seguiremos mentres contemos coa complicidade de todos e todas!

Moitas grazas!

Antonio Reigosa

creador e coordinador de galiciaencantada.com

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: