Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Publicacións

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Emilio do Pando, punto e á parte

A Marta e Olga, fillas de Emilio

Lémbrome ben! Coñecín a Emilio o 29 de setembro de 2005. Desde o Museo Provincial de Lugo convidarámolo a participar no nº 3 da revista oral “O pazo das musas”, unha edición especial de apoio á candidatura que promovía a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! para tratar de acadar o recoñecemento por parte da UNESCO da Tradición Oral Galego-Portuguesa como Obra Mestra do Patrimonio Oral e Intanxible da Humanidade. Á parte das emocións compartidas e esperanzadas (que logo se torceron) sobre o asunto que alí nos reunía, quedei xa para sempre coa impresión de ter a sorte de coñecer a un home nada común. Emilio, consciente de estar diante dun público sensible e entregado, co refectorio ateigado, amosou unha preocupación, infrecuente noutros intérpretes, pola calidade do son da súa trompa. Non defraudou; dou fe. Os amigos e amigas do sur de Galicia e norte de Portugal que asistiron ao acto quedaron marabillados con Emilio e co seu instrumento, ambos humildes mais orgullosos por seren conscientes de estar escribindo na memoria comunal unha páxina moi fermosa.

Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando, naceu no lugar do Pando, parroquia de Cuíñas, concello da Fonsagrada (Lugo) un  27 de febreiro de 1932. Foi o máis cativo de dez irmáns, criados nunha casa labrega con moitas necesidades pero tamén chea de alegría ao que contribuía unha longa tradición musical familiar. Seu pai tocaba a frauta traveseira e un seu irmán era tocador de trompa. Ademais, a casa natal foi lugar de reunión onde se celebraron moitas polavilas.

A primeira memoria que ten da música e dos músicos da Fonsagrada é de cando andaba polos dous anos e medio: foi entón cando quedou impresionado pola música do Chocolateiro, un gaiteiro dezanove anos maior que el recorda tocando algunha peza coa súa gaita para amenizar, entre os monllos, os descansos na sega do trigo. 

No transcorrer da vida, ademais de músico, foi  xastre, comercial de electrodomésticos, carteiro por vinte e cinco anos, activista social, político e cultural, e ata presidente dun club de fútbol. Mestre de músicos, semente e salvagarda -con outros nomes míticos da comarca- da recuperación e conservación da trompa ata a actualidade. 

Emilio do Pando participou na creación e colaborou decisivamente no acrecentamento de fondos do Museo Comarcal da Fonsagrada, unha institución fundamental na realidade cultural actual daquel concello. Tamén foi dirixente e formador doutro colectivo cultural da Fonsagrada, a Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979, agrupación responsable de manter viva a profunda tradición que atesoura aquela comarca no referente á música e baile tradicionais.

Emilio do Pando foi gaiteiro e tocador de trompa de formación autodidacta. Tiña facilidade para aprender dos vellos gaiteiros e trompeiros aos que lembra con admiración e gratitude. Formou varios grupos musicais que amenizaron centos de festas e romaxes por case todo o país. Foi un dos músicos populares galegos que, xunto ao seu paisano e amigo Herminio Villaverde, participaron no disco La Voz Antigua, unha gravación de SONIC, S. A. en 1980. Foi tamén, momentaneamente, actor na película Tierra del Fuego, un filme gravado en parte na Fonsagrada, dirixido por Manuel Littin, no que compartiu cartel con Uxía Blanco, Nancho Novo, Ornella Mutti e Jorge Perugorría.

Xa na madurez, recoñecida por fin a súa mestría máis alá da súa terra natal, foi convidado a impartir numerosos obradoiros e a participar en múltiples concertos con grupos de tanto renome como Luar na Lubre ou Milladoiro. Tributáronselle numerosas e moi merecidas homenaxes. Unha das súas alegrías  e ilusións foi ver como o seu sobriño-neto, Daniel Pando, se ía convertendo nun xa consagrado e digno continuador da tradición dos tocadores de trompa da Fonsagrada e de toda a Terra de Burón.

Polafía na Fonsagrada

Grazas aos bos oficios de Daniel Pérez “Daniel Pando” e á colaboración de institucións, entidades e moitas outras persoas, practicamente todas veciñas do concello, puidemos celebrar o 20 de novembro de 2010 no Museo Comarcal da Fonsagrada unha edición máis do proxecto Polafías. O frío e a mesta néboa non puideron coa calor da tradición. Xente vella e xente moza narrou, contou, cantou, tocou, bailou e recitou ata reunirmos máis de 30 vídeos que se suman aos máis de 800 que hoxe ofrece o arquivo de acceso libre e gratuíto deste proxecto que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) puxo en marcha en 2007.

E alí estaba Emilio, como non! E non só para tocarnos algunhas pezas en solitario ou co seu sobriño-neto, Daniel Pando, senón que tamén para amosarnos a memoria doutra actividade que el mesmo organizara e tivera o coidado de gravar na antiga sede do Museo Comarcal o 18 de novembro de 1989. Xa pasaran 21 anos! A proxección de “Noite de polavila” acompañounos durante toda a velada e permitiunos, grazas á xenial previsión do Emilio recompilador e divulgador da cultura popular, compartir cos alí presentes algunha peza dun histórico tocador de trompa como foi Herminio Villaverde.

Mestre da Memoria 2015

O 28 de agosto de 2014 presentámonos, previa cita, na súa casa da Fonsagrada Isidro Novo, Miguel Castro e mais eu, equipados co material necesario para gravar, como así foi, unha demorada conversa con Emilio. As lembranzas, as fotografías, os instrumentos, a familia, o activismo, as amizades, a vida … A súa filla Marta, nunha retagarda discreta, preocupárase porque o seu pai tivese a man carpetas, fotografías e instrumentos. Ata nos favoreceu que Emilio non andase fino de oído o que propiciou que non se deixase condicionar polo guión das nosas preguntas e se deixase arroiar pola sonoridade dun río de fluídos recordos. Agasallounos, ademais, con dez pezas (muiñeiras, polcas, pasodobres) interpretadas coa gaita e coa trompa que hoxe forman parte do arquivo videográfico da AELG, a libre disposición de quen desexe visualizalos.

Esta gravación precedía ao nomeamento de Emilio como Mestre da Memoria, unha distinción que concede a AELG seguindo as recomendacións da UNESCO coa denominación de Tesouros Humanos Vivos a aqueles homes e mulleres que posúen en grao sumo os coñecementos e técnicas precisos para interpretar ou recrear determinados elementos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial. O acto de entrega do diploma correspondente tivo lugar en Lugo, no Círculo das Artes, o 9 de maio de 2015 no marco da Gala das Letras-XVI Premios AELG. Emilio do Pando pasou a formar parte do arquivo de Mestres da Memoria como exemplo de persoa onde sempre conviviron memoria, saber e tradición.

Emilio despediuse o 29 de xuño de 2017. Mudou de liña no seu relato vital cun discreto punto e á parte. Deixounos orfos da súa presenza física pero legounos o seu exemplo e saber; a súa primorosa semente. Procuremos que a terra onde cultivemos esta excepcional herdanza sexa frutífera, que xa o está sendo en entusiasmo e entrega á aprendizaxe da arte da trompa dos seus netos Héctor e Beltrán !

®Antonio Reigosa, responsable da sección de Literatura de Tradición Oral da AELG

Artigo publicado na revista Aturuxo, voceiro da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, nº 17, 2018, pp. 62-63
Emilio do Pando no Arquivo da AELG (Mestre da Memoria 2015).

Emilio do Pando no Arquivo da AELG (Polafía da Fonsagrada 2010).

 

 

 


 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: