Publicacións
Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo
Co pesar non somos nada; cómpre sementar aleghría para colleitar aleghría
Manuela de Barro
__________
Editorial: Morgante Edicións
Ano: 2012.
ISBN: 978-84-15166-44-3
Autor: Calros SOLLA.
Ilustracións: Francisco Sutil.
_____Nota á 3ª edición
Os “Cantares de Manuela de Barro” cumpren catro anos e acadan xa, gozosamente, a súa terceira edición.
Muda apenas, para a presente, o formato do libro, que permitiu agrandar o tamaño dos caracteres, atendendo á vista cansa dos idosos, pois, entre o numeroso público lector, os nosos maiores lle teñen ofertado ao libro unha acollida excepcional.
Enriquécese, non obstante, coa inserción dunha ducia de fermosas e acaídas reproducións da obra pictórica de Francisco Sutil Barbosa (Paco Sutil), artista pontevedrés, amante da etnografía, o folclore e a paisaxe da Galiza. No abondoso catálogo de Sutil campan os motivos cerdedenses, como ben ficou demostrado naquela exitosa exposición ao abeiro da antiga Casa da Cultura de Cerdedo, no ano 2002.
Non sendo o aderezo, a míllara copleira non precisa máis avío. As mil cantigas de Manuela de Barro erixíronse de seu monumento inmaterial do patrimonio cerdedense, canon da nosa literatura popular, ben de interese cultural merecente de protección.
O libro “Cantares de Manuela de Barro” viu a luz oportunamente no ano 2008, materializando moitos dos obxectivos que se lle tiñan encomendado. Só hai que consultar as hemerotecas para constatar que a súa aparición riscou un antes e un despois. No limiar da primeira edición denunciabamos o escaso recoñecemento dispensado ao labor inestimábel que Manuela Cortizo viña desenvolvendo en prol da nosa magoada cultura. Após da celebración, en 2007, da “Polafía en Cerdedo” (iniciativa da AELG que tiven a honra de coordinar) , acto no que Manuela brillou con luz propia; após a publicación, un ano despois, dos seus “Cantares” (ao coidado de Ed. Morgante), a autoridade espeliuse en homenaxes e parabéns á nosa querida e admirada veciña, ilustre cantareira das Pandeireteiras de Barro de Arén. Todo é pouco.
A terceira edición dos “Cantares de Manuela de Barro”, como as precedentes, focaliza a atención na señora Manuela, labrega octoxenaria oriúnda da aldea de Barro de Arén, dotada dunha extraordinaria vitalidade, voz engaioladora e flamante acordanza; a única e verdadeira protagonista desta historia.
O cantigueiro de Manuela de Barro é, coa debida licenza, “chusqueiro, escotolido, galego, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e tamén barato”, amais de apolítico. Saído da cerna humildosa do pobo e para o pobo. Este libriño xamais nunca perseguiu, subrepticiamente, influír na intención de voto.
Enrestro, para rematar, outra verdade incuestionábel. Alí onde se me pregunta pola natureza deste traballo, non deixo de subliñar con orgullo que, pola banda de Cotobade, o loado Antón Fraguas recolleu, ordenou e editou mil cantigas nunha colección memorábel; pola banda de Cerdedo, quen asina recolleu, ordenou e editou mil cantigas da república independente de Manuela Cortizo Medal, memoria viva e lúcida dun pobo esmorecente e desmemoriado.
Calros Solla
Cerdedo, 2012.
Cerdedo, 2012.
_____Manuela Cortizo Medal naceu en Cerdedo (Pontevedra) o 11 de xullo de 1930. Sendo aínda ben pequeniña, aveciñouse na aldea de Barro de Arén. Alí se criou cunhas tías, irmás de seu pai, e alí vive hoxe en día.
Casou aos dezaoito anos con Xosé Álvarez Sieiro “Pepito”. Manuela e Xosé mercaron a casa familiar cun empréstito de 5.000 pesetas daquela época. A débeda foi axiña saldada cos cartos aforrados por Pepito tras a súa primeira tempada de traballo na cantaría en León.
Pasou a súa nenez e a súa mocidade alindando o gando nas devesas e xesteiras e xa dende cativa sobranceou pola súa extraordinaria memoria e polos seus magníficos dotes para o canto. Foi moi pouquiño á escola, a penas tres anos, o xusto para aprender a ler, a escribir e a aplicar con acerto as catro regras.
As súas tías animábana a cantar, pois deste xeito sabían que andaba por cerca e que estaba ben. Di a xente do lugar que cando a nena Manuela entoaba, semellaba que o estivesen a facer os mesmos anxos do ceo.
Abofé que de seren outras as circunstancias e consonte a súa vocación e condicións innatas, Manuela Cortizo ocuparía na actualidade un lugar destacado no eido da música, tal e como testemuña o serodio apelativo de “Montserrat Caballé da Terra de Montes”. Os recoñecementos e homenaxes chegaron, coma case sempre, tarde.
Manuela Cortizo, Manuela das Marianas, Manuela de Barro, esforzouse a prol da convivencia harmónica, materializada no compromiso desinteresado coa comunidade. Amais de labrega e cantareira, a señora Manuela exerceu durante moito tempo o labor de practicante –tan atinada coa voz coma coa xeringa–. O seu natural hospitalario converteu a súa casa na casa do pobo, na casa de todos.
Foi tras a súa xubilación cando entendeu acaído levar á práctica un dos seus máis acariñados soños: formar unha agrupación musical coa que desterrar a monotonía da aldea e asemade enxalzar a arte anónima do noso cantigueiro. As seguintes palabras son súas: Co pesar non somos nada; cómpre sementar aleghría para colleitar aleghría. A súa pouca ortografía non foi atranco para desenvolver con éxito a súa misión. Os que con ela conviven abráianse, e nós con eles, de que con 80 anos teime en erguerse a altas horas da noite, espelindo a vixilia, para preservar coa escrita os ditos, contos e cantares que lle veñen á cabeza. O seu sacrificado labor de transmisión da sabedoría popular é impagábel, mais como boa galega é consciente de que este é o prezo que hai que aboar para quedar a pre cos devanceiros que forxaron, e dos que herdamos, o feito diferencial da galeguidade.
O antigo teleclub de Barro serviu e serve como local de xuntanza e ensaio das sublimes Pandeireteiras de Barro de Arén, orgullo da terra das carballeiras. No ano 2006 gravaron o seu primeiro disco: Cerdediño prós amores. Longa vida!!
As Pandeireteiras de Barro de Arén colleitan éxitos alí onde van, converténdose nas mellores embaixadoras de Cerdedo. Malia á súa curta existencia, teñen compartido escenario co celme das agrupacións de música tradicional do momento: Gaiteiros Treixadura, Leilía, As Donicelas, Quempallou, Os Abrentes de Cerdedo, Tear de Llerena, Os Diplomáticos do Acordeón, Os Trazantes de Tenorio, Os Chichisos de Pontevedra... Foron protagonistas, así mesmo, en reiteradas ocasións, dos programas “Luar” e “O Alalá” da Televisión Galega. A súa arte transcendeu as fronteiras da Terra de Montes coa súa indelébel participación en 2007 na “Polafía” organizada en Cerdedo pola Asociación Cultural Verbo Xido, pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e mais pola Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza. A web “Galicia Encantada”, enxeñada e coordinada polo etnógrafo Antonio Reigosa, tamén se fixo eco das excepcionais calidades das nosas cantareiras e da súa avantaxada capitá.
A señora Manuela Cortizo e mais a súa familia acollen agarimosos no seu lar a quen alí acode procurando saciar a sede no xeneroso manancial do seu saber. Tamén, a fame, xa que non hai filloas máis gorentosas ca as que se lamben en cas das Marianas de Barro.
Eu fun un deses moitos beneficiados. Valla este libriño de cantigas –transcrición dos manuscritos que Manuela puxo ao meu coidado– como mostra de agradecemento, estima e admiración perdurábeis.
____Carlos Solla Varela (Calros Solla) naceu en Pontevedra no ano 1971. É profesor de lingua galega, etnógrafo e escritor. Ao longo da década de 2000, colaborou no desenvolvemento dos proxectos culturais da Asociación Cultural e Ecoloxista “Verbo Xido” de Terra de Montes e do Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca”. É membro fundador do Instituto Galego de Estudos Celtas (IGEC) e do colectivo cultural e ecoloxista Capitán Gosende.
Autor dos poemarios Xábregho (1999), el de arañas (2000), erras raras (2001) -todos tres recollidos na antoloxía Ras e tritongos (2003)-. Os versos de Xábregho e Mel de arañas foran galardoados co 1º Premio de Poesía no I Certame Literario da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo (1992). É autor así mesmo de Cerdedo in the Voyager I (2004) e Libro de reclamacións (2005), coleccións de poesía visual, e mais dos libros de “retrónicas” reGaliza e outras chuches (2008) e O orgullo do gurgullo (2012). En 2009, sae do prelo Pan prós crocodilos. En 2010, é merecente do Premio de Poesía Johán Carballeira polo poemario MazinGZ e, en 2011, do Premio de Poesía Victoriano Taibo polo poemario Holocausto zacoe.
O máis da súa obra poética espállase por revistas e libros colectivos, entre os que salientamos: X Festival da poesía no Condado (1990), Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa (2000), Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia (2005), Poesía contemporánea: Tabeirós-Terra de Montes (2005), Pontevedra literaria (2007), Polifonías II. Voces poéticas contra a violencia de xénero (2007), Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario (2007), Polos camiños de Cangas. 25 anos do certame de poesía María Soliño (2010), XXIV Festival da poesía no Condado (2010), Dairas (2011), Poema río dos Gafos (2012); Madrygal, Dorna, Verbo Xido, Fol de Veleno, Arraianos...
No eido ensaístico escribiu: Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral (2002), Cerdedo na obra do Padre Sarmento (2002), Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005), Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007), Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008) -o seu labor de estudo e divulgación do monte do Seixo foi merecente do Diploma de Honra outorgado polos Amigos da Cultura Celta (Narón, 2011)-, Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo (2008), Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009), O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (2011), O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (2011) e O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo (2012), volumes da colección “Cerdedo in the Voyager”, e mais Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos (2009).
Como afeccionado á arqueloxía, amais de localizar, no monte do Seixo, por riba dunha trintena de “pedras con lenda” (estacións míticas), entre elas, a xa célebre Portalén, ten atopado, no concello de Cerdedo, numerosos depósitos ou pezas de notábel valor arqueolóxico: o pétreo antropomorfo nomeado Xacente do coto das Insuas (O Serrapio-Pedre), o muíño navicular do Castriño (Fondós-Quireza), o gravado rupestre da Laxa das Filloeiras (Pedre), o curro neolítico do Coto da Roda (Parada), o aliñamento lítico do Castro Grande (monte do Seixo)...
É artífice dos itinerarios culturais Roteiro Sarmento (Cerdedo), de 2002, Roteiro da Montaña Máxica (monte do Seixo), de 2006, e Roteiro da Pantalla (Cerdedo), de 2011, inseridos no seu Proxecto Montaña Máxica, co que porfía, a carón da colección de ensaios “Cerdedo in the Voyager” (Ed. Morgante), na dignificación da terra cerdedense. Xunto co Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca” realizou o documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica (2009).
Ao seu labor investigador e creativo engádese a súa faceta de conferenciante no ámbito da mitoloxía popular e da defensa do patrimonio. Consignado no Dicionario de Escritores de Tabeirós-Terra de Montes (2004), é adoito colaborador da prensa escrita e da web Galicia Encantada. Mantén na internet os blogs O Embigo do Becho (Sunshine Award, 2011) e Cerdedo in the Voyager.
Contacto: ratorabisaco@yahoo.es
cerdedointhevoyager.blogspot.com
oembigodobecho.blogspot.com
cerdedointhevoyager.blogspot.com
oembigodobecho.blogspot.com