Publicacións
Actas do IV Congreso Galego de Cruceiros
IV Congreso Galego de Cruceiros
Lugo, 17/18 de novembro de 2012
Organiza: ASOCIACIÓN DE AMIGOS DOS CRUCEIROS, CRUCES DE PEDRA E PETOS DE ÁNIMAS
Contacto: amigosdoscruceiros@gmail.com
_____INTRODUCIÓN
No Patrimonio Etnográfico galego ocupan un lugar moi destacado os cruceiros, considerados por Castelao como “A máis enxebre manifestación artística do noso povo, da máis punxente revelación da nosa espiritualidade.” Neste senso cómpre destacar que se ben os cruceiros non son orixinarios de Galicia, foi no noso país onde este tipo de monumentos experimentou un maior arraigo e difusión, ata o punto de converterse no elemento máis típico e tópico da nosa paisaxe e nunha icona da nosa identidade como pobo. Cómpre dicir que hai cruceiros en moitos outros lugares da Península Ibérica e de fóra dela, pero Galicia destaca por:
1. Ser o país do mundo con maior número de cruceiros. As estimacións apuntan que en Galicia, a falta aínda de completarse un inventario exhaustivo, pode haber preto de 10.000 exemplares. Como dato, baste comentar que hai máis cruceiros na Terra Chá (comarca da provincia de Lugo) que en todo o País Vasco.
2. Pola gran variedade tipolóxica, xa que a pesar de tratarse de pezas moi semellantes na súa estrutura, todos os cruceiros galegos son distintos, incluso os feitos por un mesmo canteiro ou santeiro, polo que non resulta extraño o comentario de Vicente Risco cando afirmaba que “todos se asemellan e todos se diferencian.”
3. Pola gran variedade cronolóxica, xa que hai cruceiros de todas as épocas: dende o século XIV ata o século XXI, constituíndo os desta última centuria unha proba evidente de que o costume de poñer cruceiros aínda segue vivo.
4. Polo seu arraigo popular ata o punto de converterse, xunto cos petos de ánimas, na manifestación artística popular máis xenuína de Galicia.
5. Ligados á devoción popular, os cruceiros destacan tamén polo seu valor etnográfico, xa que foron o centro de numerosas lendas e obxecto de rituais ancestrais.
6. Polo valor artístico de moitos dos exemplares, saídos da man de anónimos canteiros ou santeiros que souberon plasmar na pedra as inquedanzas espirituais do noso pobo.
A pesar destas premisas, os cruceiros galegos foron tradicionalmente despreciados polos nosos intelectuais (agás excepcións notables como a de Bernardo Barreiro ou Atanasio López) ata que Castelao, despois de máis de moitos anos dedicados ao estudo dos mesmos, os puxo en valor.
Actualmente o panorama da investigación presenta mellores perpectivas e, a diferenza dos tempos en que Castelao desenvolve os seus traballos, hoxe unha boa parte deste monumentos xa están inventariados e a bibliografía e moito máis abondosa. Así, o que hoxe queira dedicarse á investigación dos cruceiros, ademais das obras de Castelao, pode contar tamén coas achegas de Estanislao Fernández de la Cigoña, de Xoán Burgoa, de Clodio González Pérez, de Lois Ladra, etc., por citar só algúns dos autores aquí presentes e con abondosa blibliografía as súas costas. Non quixera deixar de facer unha mención especial aos meus compañeiros José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra , integrantes do Equipo Carboeira –do que me honra formar parte- que dende o ano 1993 levou a cabo o inventario de todos os cruceiros, cruces, cristos e petos de ánimas dunha comarca tan extensa como é a Terra Chá.
Como denominador común, esta pléiade de autores, todos eles etnógrafos afeccionados, destacaría a súa paixón polo tema dos cruceiros, paixón que se traduce nunha investigación “por amor á arte”, xa que as axudas oficiais para esta cuestión son prácticamente nulas. A pesar diso, non faltan ganas de traballar e neste aspecto quixera destacar dous feitos que sitúan a Galicia na vangarda no estudo e defensa dos cruceiros. O primeiro é a existencia dunha Asociación de Amigos dos Cruceiros, entidade pioneira no Estado Español, creada no ano 2010 e que, como se especifica nos seus estatutos, ten por obxectivos:
- Promover a conservación, restauración e recuperación dos cruceiros, cruces, cristos, petos de ánimas, esmoleiros e demais construcións deste tipo existentes en Galicia, así como os de outros lugares que garden relación cos galegos.
- Fomentar o estudo, investigación, coñecemento e divulgación de todas estas manifestacións da arte popular, tanto no seu aspecto material como inmaterial.
- Velar pola integridade destas contrucións, apoiando todas aquelas iniciativas encamiñadas a súa revitalización e posta en valor.
- Promover e colaborar en todas as actividades que esteñan en consonancia con estes fins, tales como congresos, seminarios, xornadas e xuntanzas de estudo, así como exposicións e roteiros para o seu coñecemento e divulgación.
- Editar publicacións sobre diversos aspectos dos cruceiros, cruces, cristos, petos de ánimas, esmoleiros e demais construcións deste tipo.
O segundo aspecto que quixera destacar é a celebración destes Congresos Galego de Cruceiros, eventos que contan cunha pequena pero intensa traxectoria que agardamos teña continuidade no futuro polo que significan de cooperación, intercambio de ideas e difusión entre os que nos dedicamos ao estudo dos cruceiros. Neste aspecto quixera agradecer aos nosos compañeiros Burgoa e Cigoña a organización das anteriores edicións e a celeridade na publicación das correspondentes actas.
Gostaríame tamén neste IV CONGRESO GALEGO DE CRUCEIROS facer unha pequena referencia ao símbolo da nosa asociación, o cruceiro do Home Santo existente en Santiago de Compostela, no que algúns poida que só vexan unha simple cruz dun cruceiro calquera. Pero iso é porque non saben a súa historia. Xa dicía Castelao en As cruces de pedra na Galiza que “cada cruceiro ten a súa historia ou lenda, e de proveito sería que alguén se encargase de recollelas” e por iso vou enumerar unha serie de razóns para que entendades porque o adoptamos como o noso emblema.
• Foi debuxado por Castelao e reproducido en As cruces de pedra na Galiza.
• É un dos cruceiros máis antigos que se conservan en Galicia.
• Destaca tamén polo seu valor artístico, histórico e etnográfico.
• Ten un significado de rebeldía e loita, xa que, segundo Bernardo Barreiro Vázquez Varela, púxose en memoria do ferrador Xoán Tuorum, dirixente popular “mártir das libertades públicas”, que dirixiu a revolta en Santiago de Compostela contra o arcebispo Landoira, alá polo primeiro terzo do século XIV, feito polo que foi condenado a morrer aforcado, salvándose do axustizamento, segundo conta a lenda, por intervención da Virxe de Belén, xa que faleceu antes de chegar ao patíbulo.
• Símbolo da defensa e recuperación do noso patrimonio cultural e da dignificación dos cruceiros como un elemento importante do mesmo. Neste aspecto cómpre lembrar o esforzo e dedicación a este cruceiro de Bernardo Barreiro Vázquez Varela, a persoa que máis o estudou e defendeu, que durante anos denunciou a a tropelía do concello de Santiago, que o destrozou para construír unha escalinata, acabando a súa cruz na parroquia de Sabugueiro.
Por todas estas razóns, foi polo que non dubidamos en escollelo como símbolo da nosa asociación.
Decía antes que Galicia é pioneira en ter unha asociación deste tipo e na celebración destes congresos, dos que saíron interpretacións moi novidosas sobre a orixe dos nosos cruceiros e sobre outros aspectos dos mesmos, achegas que pasan a incrementar os estudos sobre estas manifestacións da nosa arte popular. Neste aspecto, e do mesmo xeito que hai uns intres lembraba o papel de Bernardo Barreiro, quixera agora referirme ao noso mestre Castelao, autor dunha obra que ao meu xuízo destaca:
a) Polo seu valor científico (é un formidable traballo de investigación).
b) Polo valor artístico dos seus debuxos.
c) Pola valoración positiva que Castelao fai dos cruceiros. Dende a súa publicación, e agás as achegas de Bernardo Barreiro e Atanasio López, os cruceiros pasan a ser contemplados como obras da arte popular e comezan a ser vistos con outros ollos polos intelectuais, pasando a ser obxectos de estudo.
Herdeira do espírito de Castelao é esta ASOCIACIÓN DE AMIGOS DOS CRUCEIROS, CRUCES DE PEDRA E PETOS DE ÁNIMAS, entidade que ten como obxectivos o estudo, conservación, difusión e defensa desta parte importante do noso patrimonio cultural que nos caracteriza como pobo.
Por último quixera darvos as grazas pola vosa presenza neste IV CONGRESO GALEGO DE CRUCEIROS. Nestas dúas xornadas do 17 e 18 de novembro, déronse a coñecer 23 relatorios sobre diversos aspectos das nosas cruces de pedra. Tamén quero expresar o noso agradecemento, tanto no mome da Asociación coma no meu propio, a Área de Cultura da Deputación de Lugo, representada polo deputado delegado Mario Outeiro Iglesias, porque grazas á sua axuda puidemos celebrar este IV Congreso, agradecemento que fago extensible á Rede Museística de Deputación de Lugo polas facilidades dadas.
[Fernando Arribas Arias, Presidente da ASOCIACIÓN DE AMIGOS DOS CRUCEIROS, CRUCES DE PEDRA E PETOS DE ÁNIMAS]