Publicacións
Da fala dos brañegos
Título completo: Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín.
Editorial: Servicio de Publicacións da Excma. Deputación Provincial de Lugo
Ano de publicación: 2004.
Lugar de publicación: Lugo
ISBN: 84-8192-262-5
Autores: CARNERO, Ofelia; CUBA RODRÍGUEZ, Xoán Ramiro ; REIGOSA CARREIRAS, Antonio; SALVADOR, Mercedes.
Descripción: 387 p.: 22x15 cm.
Contidos: 51 lendas, 168 contos, 27 romances, 176 (cancioneiro, adiviñas...).
Do Prólogo, por Armando REQUEIXO.
A modo de soarego: do grupo «Chaira» e a Escola Etnográfica Mindoniense.
«Vivimos nun mundo onde a televisión e a Internet van, aos poucos, asolagándoo todo. É a era do audiovisual, das videoconferencias, dos multimedia. Nun tempo así, unha cultura vedraia como a que representa a literatura tradicional de transmisión oral fica, ao ver de moitos, relegada pouco menos que á categoría do folclórico curioso, unha sorte de pasado enxebre ritualizado.
Xustamente por iso, a recuperación dese herdo ancestral, raiceira indiscutible da nosa memoria cultural e histórica, configúrase como unha necesidade de primeira orde, pois o estudo e fixación desas creacións en soportes perdurables no tempo é a única vía posible que nos resta para preservar o seu coñecemento e legarllo ás vindeiras xeracións, toda vez que o mundo que sostiña activamente este tipo de produción artística vai devagar desaparecendo cos recordos e saberes de cada ancián que nos deixa.
Sabedor de tal circunstancia, o Grupo de Investigación Etnográfica «Chaira», composto polos escritores e estudosos Ofelia Carnero Vázquez, Mercedes Salvador Castañer, Xoán Ramiro Cuba e Antonio Reigosa, leva dende 1992 laborando arduamente na recolleita e análise de materiais orais tradicionais no norte lucense, nunha área que podemos identificar como mindoniense na máis ampla acepción, isto é, entendendo por tal aquel territorio coincidente en liñas xerais co que foron os límites naturais da vella provincia do antigo Reino de Galicia.
Neste sentido, o traballo levado a cabo por «Chaira» continúa unha liña investigadora e recompiladora que conta cunha subtradición propia, a da «Escola Etnográfica Mindoniense», que tería entre os seus colectores pioneiros a persoeiros da talla de Manuel Leiras Pulpeiro ou Antonio Noriega Varela. Ambos e dous amosaron o seu interese polas máis diversas manifestacións literarias tradicionais e orais da área mindoniense no gume divisorio dos séculos XIX e XX, tal e como demostran os importantes traballos compilatorios de natureza etnográfica, paremiolóxica, literario popular e lingüística que chegaron a publicar.
Leiras Pulpeiro recolleu e editou valiosos textos nesta liña, como a colección de refráns aparecidos en 1893 na revista coruñesa Galicia ou os cantares e adaxios reproducidos en 1913 en diferentes números do Boletín da Real Academia Galega.
Do mesmo xeito, tamén Noriega Varela deu ao prelo cantares populares e adiviñanzas da bisbarra mindoniense no Boletín da Real Academia Galega en 1912, ademais de noutras publicacións galegas do momento, como Nós −coa que colaborou nos números iniciais de 1920−, Vida Gallega −na que apareceron diversas entregas ao longo de 1931− ou O gaiteiro de Lugo −para o que escribiu en 1933. Pero o seu labor como colector salienta, sobre todo, nas monografías A Virxen y-a paisanaxe. 100 cantigas populares (1914) e Como falan os brañegos (1928).
Naquel primeiro terzo do século XX e, máis aínda, ao longo de boa parte dos anos de Posguerra a figura máis destacada da Escola Etnográfica Mindoniense foi, sen dúbida, Eduardo Lence-Santar e Guitián, por máis que non poidan deixar de amentarse aquí tamén, sequera de pasada, algúns meritorios traballos realizados por Raimundo Aguiar en 1932 para a revista cunqueiriana Galiza ou, xa tras a Guerra Civil, polo poeta Aquilino Iglesia Alvariño, quen en 1947 daba a coñecer unha interesante aproximación aos usos e costumes populares na súa parroquia natal abadinense de San Xoán de Seivane de Vilarente.
Moitos e de moi variado xorne foron os traballos etnográficos que publicou Lence-Santar ao longo de máis de medio século de intenso quefacer. Estudoso da cultura espiritual e material de toda a comarca mindoniense, nos seus artigos e opúsculos figura recollido o máis extenso mostrario de conxunto contendo apólogos, cantigas, contos, lendas, romances, adiviñas, sentencias e refráns das terras de Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Cospeito, Foz, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, Vilalba, Viveiro ou Xove. Na actualidade, moitas destas contribucións figuran recollidas na edición que preparei da súa Etnografía mindoniense (2000), onde se reúnen o medio cento longo de artigos que sobre da materia publicara Lence-Santar no xornal El Compostelano entre o 12 de xaneiro de 1938 e o 27 de agosto de 1941.
Xa en plena etapa democrática e nos últimos anos do século XX e primeiros do presente século salientan os traballos levados a cabo por Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e mais Xesús Pisón, por Félix Villares Mouteira e, xaora, polo propio grupo «Chaira». Aos tres primeiros debemos a valiosa colectánea Contos do Valadouro (1998), onde se recollen máis de oitenta relatos populares daquelas terras. Pola súa banda, Félix Villares foi o coordinador de A carón do lume (1999), ben ampla colección de adiviñas, contos, fábulas, apólogos, cantigas, arrolos, lendas, cantos de Nadal, oracións, refráns, romances, trabalinguas e xogos verbais reunidos polo alumnado do Real Seminario Santa Catalina de Mondoñedo entre 1982 e 1999, valioso compendio de literatura de transmisión oral dos eidos mariñaos, brañegos e chairegos.
Da súa parte, o grupo «Chaira» editou en 1998 Polavila na Pontenova: lendas, contos e romances, compilacion modélica na que, amais de transcribir fidedignamente grande cantidade de textos oídos aos informantes daquel concello, anotouse un aparato filolóxico impecable que pon en relación este tesouro literario oral co resto da tradición galega, peninsular e universal.
Finalmente, cómpre sinalar que algúns dos membros de «Chaira» publicaron tamén nos últimos anos textos de modo independente nos que se tiveron presentes os materiais extraídos dos seus traballos de campo por terras mindonienses. É o caso, por exemplo, de Xoán Ramiro Cuba e Antonio Reigosa, quen, unidos ao escritor lucense Xosé Miranda, codirixen a colección Cabalo Buligán de Edicións Xerais de Galicia, na que levan aparecido dende 1998 ata hoxe unha vintena de títulos nucleados arredor das series Contos marabillosos, Contos de maxia, Contos de animais, Contos fantásticos, Contos de encantamento e Contos de parvos e pillos. Para a realización destas obras, así como tamén dos libros Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega (2001) e mais Antoloxía do conto galego de tradición oral (2002), teñen tales autores aproveitado as súas gravacións de material tradicional mindoniense.
Pois ben, o volume que aquí se presenta constitúe unha das achegas máis importantes non só da que denominei Escola Etnográfica Mindoniense, senón tamén da bibliografía literaria de tradición oral galega dos últimos anos. É, con certeza, unha das máis completas recompilacións deste material na bisbarra mindoniense e, amais, é a única dedicada monograficamente ao concello de Abadín, pois aínda que Noriega Varela, Lence-Santar ou o equipo escolar de Félix Villares, entre outros, reuniran nos seus traballos textos das parroquias abadinenses, ningún deles o fixera con carácter exclusivo. A maior abondamento, o vasto mostrario que aquí se edita −cento sesenta e oito contos, unhas cincuenta lendas da zona, mitos, un bo feixe de poemas orais, coplas, oracións, adiviñas, varios romances e chistes e anécdotas de personaxes locais recollidos entre 1992 e 1993− fan deste libro unha referencia inexcusable na bibliografía producida sobre a materia nestes tempos. E isto non só pola cantidade e calidade das versións orais obtidas, que tamén, senón por apareceren estas transcritas con absoluto respecto filolóxico −o que non sempre acontece neste tipo de publicacións− e por forneceren un aparato crítico completo e rigoroso que informa de todos aqueles datos cientificamente pertinentes para a fixación do material obtido: nome completo do informante e idade deste no momento da recolleita, lugar no que se produciu a gravación transcrita e data da mesma.
Doutra parte, este concello norlucense de Abadín, terra dos que Noriega designaba como brañegos e aínda hoxe os habitantes do val mindoniense continúan a alcumar como montañeses fronte a si mesmos, os valecos, foi dende sempre eido fértil en contadores e recitadores da tradición oral. Quen isto escribe, abadinense por vía paterna e mindoniense por vía materna e mais por nacencia, coñeceu algúns deles que amosaban tal dominio da tradición que, en ocasións, mesmo acababan por se converter en verdadeiros fistores ou vates populares. Velaí, poño por caso, o señor Aniceto de Romariz, a quen oín repentizar en xuntoiros veciñais coplas de auténtico xenio popular, ou o señor Manuel de Valiña de Freire, meu tío segundo, capaz de ennobelar nun diálogo unha batería de respostas improvisadas que facía rimar en perfecto asonante encadeado.
Desafortunadamente, ningún dos dous segue hoxe aquí. Mágoa, porque habían de gorentar, e moito, este libro, tan impecable no formal coma interesante nos contidos, obra que haberá que agradecer sempre a Ofelia Carnero Vázquez, Mercedes Salvador Castañer, Xoán Ramiro Cuba e Antonio Reigosa, integrantes do Grupo de Investigación Etnográfica «Chaira», cos que a «Escola Etnográfica Mindoniense» non só ten a súa continuidade asegurada, senón que brilla con luz propia entre as mellores tradicións etnográficas do país».
BIBLIOGRAFÍA