Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Publicacións

Terra de Montes. Estudo Antropolóxico

Autor: Francisco Rozados "Rochi"
Editorial: Edicións Reler
Ano de publicación: 2008
Lugar de publicación: Pontevedra
ISBN: 978-84-96368-78-5
_____
Francisco Rozados "Rochi" (Autobiografía reproducida da Biblioteca Virtual Galega
_____
Nacín na parroquia de San Martiño de Forcarei, no concello de Forcarei, cabeceira da Terra de Montes. Corría o ano 1963. "Sufrín", polo tanto, a maior parte da educación primaria aínda co réxime de Franco. O ano en que morreu Franco e España pasou a mellor vida, entrei interno nun colexio relixioso, en Monforte de Lemos (o chamado Escorial Galego, os Escolapios). Estiven interno en dous colexios máis durante o bacharelato, en Santiago e en Marín, e unha vez que rematei o C.O.U. estudiei Xeografía e Historia na universidade de Santiago. Daquela, no ano 1981 —cando comecei— estábase aprendendo a vivir en democracia. Hoxe, por sorte ou por desgracia, pódese constatar que aínda seguimos aprendendo.
Hoxe traballo de xerente dun programa de desenvolvemento rural e son concelleiro de cultura do meu concello (pódense ver textos e fotografías da miña autoría na páxina www.forcarei.net). Fundei e coordino a revista cultural municipal COTAREDO, na que colaboraron, entre outros Antón Fraguas, Ernesto Viéitez, Xosé Luis Barreiro e o gaiteiro Carlos Núñez (esta revista pódese baixar tamén da páxina web de Forcarei). Escribo para fuxir de non sei moi ben qué, coma todos, e porque a escrita é un xeito de catarse —e tamén de decatarse—. Ás veces escribo ficción (Memoria de Trasdomonte - Edicións Fervenza), noutras ocasións atrévome coa biografía (Chano Piñeiro - Edicións Fervenza) e noutras aconsello ós visitantes que se achegan ó meu concello e á miña comarca (Forcarei, no berce do Umia e do Lérez - Concello de Forcarei (1991), Forcarei. Historia fotográfica do século XX - Deputación Provincial (2005) ou Guía da Terra de Montes - Everest (2000)). As miñas paixóns son o cinema (Tarkovski, Bertolucci, Coppola, Imamura, Tod Browning, Eliseo Subiela e, por suposto, Chano Piñeiro), o humor (G. Marx, W. Allen, Les Luthiers, Monty Python, Jacques Tati), os espellos e a banda deseñada Marvel dos anos setenta (que en España publicaba a editorial Vértice). Os meus personaxes históricos predilectos son Chaplin, Dalí e Amenofis IV. Colecciono versións distintas (en banda deseñada e en novela) de Robinsón Crusoe, a obra de Defoe. Se me teño que quedar con unha película dubidaría entre o "Novecento" de Bertolucci e a "Balada de Narayama", do xaponés Shohei Imamura. Escribindo, engaiólanme Borges, Kundera, Cela, Luis Pimentel e Bieito Iglesias Araúxo —que me parece o mellor escritor galego na actualidade—. Fun amigo e sigo sendo admirador do artista e da persoa que foi Chano Piñeiro e identíficome con algo que Chano repetía con frecuencia: "Eu, para ben ou para mal, son un aldeán".


PREMIOS QUE OBTIVEN:
- Premio "Camilo José Cela" de Narrativa (2001) —XII edición— pola narración "Unha campa na congostra de Rebordechao"
- Premio "Reimóndez Portela" de Xornalismo (2001) —VI edición— pola colaboración xornalística "Ler ou non ler, esa é a cuestión", publicado na Voz de Galicia.
- 2º Premio "Anxel Fole" de Narrativa (2006) -VIII edición- pola narración "A Muller que non comía".
- Premio "Manuel Oreste" de Narrativa (2006) -XI edición- pola narración "Raiolas no faiado"

- Premio "Concello de Marín" de Narrativa (2006) -IX edición- pola narración "O Empeine".

- Premio "Xoán de Cangas" de Novela Curta (2006) -I edición- pola narración "O transparente, cronosférico e omníglota segredo de don Amaro Loureiro e a súa alma perdida e recobrada".

- 1º Premio "Ánxel Fole" de Narrativa (2008) -X edición- pola narración "O vestiario máxico do abade".


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: