Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Publicacións

Deuses, mitos e ritos do Monte do Seixo

PRESENTACIÓN DO LIBRO
DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO (Unha proposta interpretativa en clave céltica), de Rafael Quintía

Galería Sargadelos (Lugo)
Venres, 29 de abril de 2011, ás 20.00 horas.

__________

Nesta velada falaremos do Monte do Seixo, unha das montañas sagradas máis espectaculares e á vez máis descoñecidas de Galicia. Un santuario a ceo aberto que aglutina tal riqueza mitolóxica, lugares de culto, restos megalíticos, e pedras sagradas que o converten nunha especie de parque temático do paganismo galaico máis ancestral.
Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo de Rafael Quintía é un intento de interpretar e dotar dunha cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura o Monte do Seixo, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra deste santuario montesío, como un mapa para entende-los ritos que aquí se levan a cabo, para desvela-las antigas celebracións precristiás e para descubri-la presenza dos vellos deuses. O autor revélanos, en definitiva, as claves mitolóxicas e simbólicas necesarias para interpretar e descubri-los segredos do Monte do Seixo, unha montaña única da xeografía sagrada de Galicia.
No acto proxectarase tamén unha versión reducida do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica, e contaremos coa presenza de João Bieites, realizador e codirector —xunto a Rafael Quintía e Calros Solla— deste traballo audiovisual, considerado o primeiro documental de longa duración sobre mitoloxía galega.

__________
Título completo: Deuses, mitos e ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica
Autor: Rafael QUINTÍA PEREIRA
Editorial: Grupo de Estudos Etnográficos Serpebichocca
Ano de publicación: 2010
I.S.B.N.: 978-84-614-4783-1
Fotografías: Rafael Quintía Pereira, Calros Solla Varela e Francisco Sutil Barbosa
Descripción: 356 páx.
Contacto: serpebichoca@yahoo.es


Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo é un modesto intento de interpretar e dotar dunha coherencia e cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura este monte, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña, isto é, a cultura céltica do Atlántico europeo. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra do Monte do Seixo.
O libro é froito dos catro anos de investigación que, ó abeiro do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, fun levando a cabo no Monte do Seixo. Con esta obra complétase a triloxía adicada a esta importante e descoñecida montaña sagrada da nosa xeografía galega (véxanse as obras: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, do compañeiro Calros Solla) e dáse por finalizado o traballo que o G.E.E. Serpe Bichoca realizou no proxecto de investigación e divulgación da Montaña Máxica.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: