Publicacións
Revista Galega de Educación, nº 41, xuño 2008
Revista Galega de Educación, nº 41, xuño 2008.
Monográfico dedicado á Literatura oral e educación coordinado por Mª Helena Zapico e Antonio Reigosa.
Edita: Nova Escola Galega
iSSN: 1132 - 8932.
Director: Xesús Rodríguez
Índice de contidos.
[Da Presentación]
O canon da literatura ou da cultura oficial exclúen a literatura oral aínda que, curiosamente, o acerto en achegar estruturas ou formas propias da oralidade aos textos literarios soe ser recoñecido como un mérito. Esta contradición proba que o emprego do termo “literatura oral” deriva dunha cultura dominante letrada que pretende así diferenciar a cultura difundida por vía oral –cos prexuízos asociados que todos coñecemos– da cultura transmitida por vía escrita.
A noción de oralidade como forma de comunicación incompleta, antiga e insuficiente para garantir un futuro á sociedade que a practica, é aínda moi común nas sociedades modernas. A falta de escritura –ou un uso precario da mesma– son a antítese do que se entende por progreso, modernidade e cultura ou literatura sen cualificativos.
Porén, e a pesar de todas estas e outras moitas pexas que pesan sobre a oralidade e a literatura transmitida oralmente, o certo é que a oralidade resistiu razoablemente o menosprezo e o descreto ó que foi sometida, e mantívose como forma de comunicación interactuante coa comunicación escrita. Sobran os exemplos nos que os temas da cultura transmitida oralmente acabaron impresos, sometidos a códigos da escrita (rimas, métricas) que deron lugar, por exemplo, á literatura de cordel. Textos que deambularon do oral ao impreso e do impreso ao oral, o que posibilitou en moitos casos que non se esquecesen; ou á inversa, pois hai certos soportes da comunicación máis actual que recuperan –e mesmo prestixian– a oralidade, como é o caso da radio, da televisión ou da internet...