A luz de Vilar de Cans
Nas noites máis escuras e frías do inverno, as xentes das aldeas ao leste da Serra de San Mamede, podían ver unha pequena luz coma se fose dun candil, á vez que escoitaban voces como chegadas do inferno, convertidas en rezos que chamaban pola morte. Pouco despois, a luz e os rezos desaparecían tal e como chegaran.
Segundo contan os vellos, un rapaz, teimoso de saber o que ocorría, decidiu agocharse nun balado do camiño polo que adoitaba pasar a luz. O rapaz tremía co medo e co frío, mentres agardaba. Ata que puido ver a luz que pouco a pouco se lle achegaba. Escoitaba os rezos máis e máis preto. Cando a luz xa lle permitía ver as súas mans e o seu corpo, e ao tempo que erguía a testa para mirar o que estaba a ocorrer, recibiu unha labazada que o guindou catro ou cinco metros polo balado abaixo, o que provocou que non espertara ata a mañá seguinte.
Ninguén daquelas aldeas puido mirar de preto nunca cara aquela luz. Os que o lembran non gustan de falalo con calquera, e os que o contan din que era a morte que viña na procura dalgún veciño. Hoxe, nas noites escuras e frías daquelas aldeas non hai nin luz nin rezos, pero malia que xa ninguén o cre e todos sabemos o que ocorría, aos que lle entrou o medo no corpo xa non lles voltou saír.
Así se conta en Vilar de Cans, concello de Maceda (Ourense).
[Texto elaborado a partir da versión oral do seu avó por Pablo Aguiar, residente en Barcelona]
COMENTARIOS ENVIADOS
Os primeiros que o investigaron foron según conta no traballo os Pp. Paúles do Santuario dos Milagros xa que o fenómeno dista deles 5 kms., pero ninguén ten conseguido descubrir a orixe do fenómeno, ainda que se ten constatado sobradamente a súa veracidade e existencia.