Actualizado en data 21/03/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada

A Serpe Moura da fonte da Caridade

Entre a Caridade (San Pedro de Flariz, Monterrei) e Flariz hai unha fonte no medio e nela aparecíase unha serpe que de día era serpe e noite era unha muller moi guapa. Para desencantala había que ir polo día e darlle un beixo na boca. Unha noite un rapaz foi regar os lameiros e viuna e namoraron. Logo de irlle falar moitas noites, o cabo ela faloulle desta maneira:


"Eu ei vir en forma de serpe e heiche de asubiar.
Ti, para me desencantares, un beixo de amor hasme de dar."

Así o acordaron e á mañá seguinte o mozo marchou da Caridade até a fonte. Chegando ó sitio xa sentiu asubiar á cobra que levantaba a cabeza e víñase cara el. De primeiras quixo aguantar a pe firme e pechou os ollos pero niso abriu un e a cobra xa lle estaba enriba e o mozo non tivo valor para darlle o beixo e fuxiu. Se aguantase a vista e lle tivera dado o beixo na boca ela deixaría de ser serpe de día e volveríase en muller para todo o tempo e terían casado e xuntarían os tesouros dela e o capital del.
Fonte: Carmen Fernández, 81 (A Caridade). Lugar da lenda: A Caridade (San Pedro de Flariz, Monterrei).

Texto elaborado por Miguel Losada, Pobra de Trives (Ourense). Febreiro de 2025.
 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: