Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 116: O oso de Salcedo

O oso sae do seu refuxio invernal o 2 de febreiro, 40 días despois do solsticio de inverno. Observa a lúa e se está chea —claridade— recóllese de novo ata que haxa lúa nova —escuridade— para saír definitivamente ao exterior. Cando isto sucede, chegou a primavera e con ela o Entroido, xusto 40 días antes do Domingo de Ramos.

A representación do oso de Salcedo, A Pobra do Brollón, única galega que sobrevive —houbo outras e ten paralelos en toda Europa — faise o luns de Entroido pola tardiña. Fai de oso un home cuberto con pelellos de cordeiro e máscara de oso que leva chocas e tizóns. Cando o soltan ou logra ceibarse, arrólase nas pozas e persegue e enfeluxa a xente con cinsa ou brea. Noutros tempos, ao parecer, tamén tisnaba o ventre das mozas.

En Urbino de Monpantero, Torino, chámanlle san Oso. Captúrano e paséano polas rúas atado con cadeas. A xente mállao e búrlase del ata que consegue fugarse para asaltar as mulleres. Finalmente, o oso é reducido — domesticado — e acepta bailar cunha moza do lugar.

Semella clara a relación con antigos ritos de fecundidade e fertilidade.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 11 de febreiro de 2021.


 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: