Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 106: A arca de san Tirso

Onde chaman Súaigrexa, fronte á illa de Cal, en Portocelo, Xove, cando baixa a marea pódese ver unha pedra con forma de barca que disque é proba dun milagre de san Tirso santo que se celebra o 28 de xaneiro.

Uns falan dun marqués que vivía na próxima illa de Ansarón e que tiña por costume irlle rezar ao san Tirso que había na capela da que hoxe só quedan algunhas ruínas. Na ermida houbo culto ata 1929, ten orixe no s. VIII e está asentada sobre un castro nun lugar onde tamén houbo un mosteiro medieval con evidencias arqueolóxicas desde a Prehistoria ata o s. XX.

O caso é que un día o marqués despistouse, botou rezando máis tempo do habitual e cando quixo embarcar para regresar ata a súa illa, a barca xa era de pedra.

Outros aseguran, en cambio, que foi o propio santo o que chegou polo mar nun barco que encallou e quedou petrificado. Confirmaría esta opinión a suposta existencia doutras pegadas do mesmo santo naqueles cons.

Tamén se di que a praia inmediata de Portocelo foi o asentamento dunha vila grande, con trescentos veciños, pero comeuna ou enguliuna o mar.


Serie: Micromitos

Publicación: Nós Diario, 28 de xaneiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: